Que supón que non haxa ningún médico no cárcere? Que non hai consultas médicas, que non se está pautando medicación nin se está revisando a medicación daquelas persoas que a teñen pautada.

No día 31 de xaneiro saltou á prensa a noticia de que o cárcere de Iruña levaba polo menos unha semana sen médicos. Xerouse un pequeno balbordo ao redor desta noticia ao coñecerse que as case 300 persoas presas no cárcere de Iruña levaban unha semana sen atención médica. A realidade ultrapasaba o publicado dado que eran dúas as semanas en que a situación era así de flagrante. Contodo, o pouco balbordo logo desapareceu e a falta de medidas para corrixir esta situación supuxo que, durante un mes, o cárcere de Iruña estivese sen atención médica.

Mais, como se chegou a esta situación? O cárcere de Iruña, cunha media de trescentas persoas presas, ten asignados tres lugares para médicos. Aproximadamente até o mes de xaneiro de 2019 os tres lugares estaban cubertos. Nesas datas, un dos médicos reformouse e a súa vaga non foi cuberta (nin o foi até hoxe). Así pois, a atención que debía ser realizada por tres médicos pasou a ser realizada apenas por dous, e comezou a notarse unha diminución na correcta atención sanitaria ás persoas presas no cárcere de Iruña.

No mes de novembro de 2019, un dos dous profesionais que restaban, causou baixa no seu lugar de traballo. Isto supuxo unha maior deterioración na atención médica ás persoas presas no cárcere de Iruña xa que onde tiña que haber tres médicos, agora restaba apenas un.

Nos mediados do mes de xaneiro deste ano, o único médico que restaba tamén causou baixa no seu posto de traballo e a atención sanitaria, que debía ser prestada por tres médicos, pasou a ficar totalmente desatendida.

Ora, alén do cuantitativo, no que se refire ás condicións de vida a que son sometidas as persoas presas no cárcere de Iruña, esta situación supón graves prexuízos para a súa saúde. Que supón que non haxa ningún médico no cárcere? Que non hai consultas médicas para atender as diferentes doenzas que poidan ter as persoas presas, que non se está pautando medicación nin se está revisando a medicación daquelas persoas que a teñen pautada, que o acceso a determinados programas terapéuticos, cuxa derivación se realiza através dos médicos, fica paralisado ou que o persoal de enfermaría sexa quen decide se hai que derivar as persoas a urxencias ou non, e que, cando estes traballadores non están, a responsabilidade recaia sobre os carcereiros. Esta situación, do todo inaceptábel, vulnera o dereito fundamental á saúde, e implica un risco para a integridade física, psicolóxica e, en definitiva, para a vida das persoas presas en Nafarroa.

Este relato do ocorrido, que parece consistir nunha sorte de «contaxe decrecente», evidencia a urxente e inadiábel necesidade da tomada de decisións respecto da atención sanitaria ás persoas presas en Nafarroa.

Parece ser que desde hai unha semana un médico, contratado por horas, acode ao cárcere de Iruña a atender tres días por semana as persoas presas. Parece ser tamén que esta semana se reincorporou un dos médicos que estaba de baixa. No entanto, esta situación continúa sen solucionar a carencia de profesionais médicos no cárcere de Iruña e a falta de atención médica adecuada. Como continuarán a xestión deste problema, descoñecémolo.

O que si sabemos é que estes feitos poñen de manifesto, máis unha vez, a nefasta xestión que a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias (SGIP) fai da atención médica nos cárceres do Estado. Unha atención sanitaria sen persoal suficiente, anticuada, deficiente e en que priman os criterios de réxime e seguranza sobre os criterios médicos. Unha desatención médica que está por trás das cifras de persoas presas mortas nos cárceres do Estado que ascenderon a 194 en 2019 e que neste ano 2020 xa chega a 34 persoas mortas. Unha xestión que é incapaz de prevenir este tipo de situacións como a que se está dando en Iruña apesar de non ser esta a primeira vez que o noso cárcere fica sen médicos. Lembremos que xa en 2014 se producira unha situación idéntica á actual e, en 2016, tamén houbo queixas pola falta de atención médica adecuada.

Tamén sabemos, e denunciamos, que o Goberno de Nafarroa é igualmente responsábel da situación que se está vivindo no cárcere de Iruña. Hai xa quince anos debeu de asumir a competencia da sanidade penitenciaria respecto do cárcere de Iruña para as persoas presas en Nafarroa poderen ser atendidas en igualdade de condicións que o resto da poboación que vive no territorio. Contodo, a día de hoxe, esa transferencia continúa se se facer efectiva. Por iso, tendo en conta este abandono na asunción de competencias, non poden aferrarse á escusa de que o problema é da SGIP.

Desde Salhaketa Nafarroa, esiximos ao Goberno de Nafarroa que, dunha vez por todas, obrigue o Estado a sentar á mesa e a materializar a asunción da competencia sanitaria respecto do cárcere de Iruña.

 

Libertad Francés, Lorena Alemán e Paz Francés,June San Millán, Irati Jiménez, Amelia González, Iranzu Baltasar, Ruth Martínez, Maje Martínez, Javier Martínez e María Rodés.

Naiz