O xornal El País publica os audios que revelan as manobras do goberno de Rajoy contra o independentismo nunha reunión con Villarejo e o xefe da Policía, que sempre negou o ministro do Interior.

 

Jorge Fernández Díaz e a operación Cataluña nos audios secretos da corrupción

 

O que foi ministro do Interior no primeiro goberno de Mariano Rajoy, Jorge Fernández Díaz, protagoniza a última entrega dos audios da corrupción que publicou na pasada cuarta-feira El País. Nesas gravacións pode ouvirse unha conversa co comisario Villarejo e o xefe da Policía, Eugenio Piñeiro, o mesmo día en que ía ser presentada unha denuncia ante a Audiencia Nacional contra Jordi Pujol, os seus fillos e Artur Mas, o 16 de decembro de 2012.

 

Los audios que demuestran que Fernández Díaz dirigió la operación contra los Pujol                     Os audios que demostran que Fernández Díaz dirixiu a operación contra os Pujol

 

Deses audios dedúcese que a policía patriótica traballou ás ordes do Goberno de Rajoy para buscar roupa suxa dos adversarios políticos do PP e, en concreto, que Fernández Díaz dirixiu persoalmente a operación Cataluña. Segundo concluíu unha comisión de investigación creada no Congreso dos Deputados, as principais vítimas desa policía patriótica foron os independentistas cataláns e os dirixentes de Podemos e nesa comisión, Fernández Díaz declarou que apenas cruzou con Villarejo “dúas palabras, grazas a deus” e que durante os case cinco anos en que exerceu a responsabilidade de ministro do Interior, “xamais” despachara “nada co señor Villarejo” mais as gravacións que publica Eç País demostran que non foi así.

Nesa conversa de 15 minutos que se fai pública agora óuvese Fernández Díaz acordar con Villarejo e Piñeiro presentaren dúas denuncias, unha contra Jordi Pujol e os seus fillos e outra contra o entón presidente Artur Mas. A primeira apoiábase nos testemuños do empresario Javier de la Rosa -como xa se demostraba noutros audios publicados- e unha ex amante dun dos fillos de Jordi Pujol. De feito, Villarejo conta ao ministro que precisamente estaban en vías de «fechar» en Barcelona o testemuño desa “moza”. Ambos foran captados polo comisario Villarejo, que lles prometeu axuda económica en troca dos seus testemuños ante a Policía.

A primeira das denuncias, di Villarejo ao ministro, “non tocaría Artur Mas” senón apenas a familia Pujol mais a Fernández Díaz interesa especialmente saber o que pode facerse contra Mas: “A segunda si que o toca”, di, e o comisario cóntalle que el xa o propuxo á Audiencia Nacional: “Dixéronme que si a elevar unha peza separada contra Artur Mas ao Tribunal Superior de Cataluña”. O ministro do Interior interrompe o comisario en máis dunha ocasión para deixarlle unha cousa clara: “Para a súa información, esta conversa non existiu”, di. “Non existiu, por suposto”, responde Villarejo. “Esta conversa non existiu, está claro? O ministro non sabe nada do tema”, insiste Fernández Díaz. “Non sabe nada, iso”, replica o comisario. “E estamos entre caballeiros, portanto, está claro? Portanto esta conversa non existiu. A partir daí, estamos en condición de xudicializalo na Audiencia Nacional?”, pregunta o responsábel do Interior. “Eu creo que si”, contéstalle Villarejo.

Os audios mostran que Fernández Díaz estaba informado destas actividades do comisario, que lle explica con detalle as súas últimas xestións relacionadas coa operación Cataluña e que pon de manifesto a conexión da cloaca policial con algunhas instancias xudiciais. “Materia hai para a Audiencia Nacional, onte falei con Santiago Pedraz, o xuíz decano da Audiencia, e díxome, non te preocupes, que se non cae un dos catro [xuíces] que xa están tocados abertamente, o que vou pedir ao que caia na repartición é que antes de facer nada por favor fale con vós”, explica Villarejo. “Co procurador xeral do Estado xa se falou”, di Díaz, e inmediatamente despois asegura: “Nin baixo tortura recoñecerei que esta reunión existiu”.

Antes diso, o ministro preguntara a Villarejo se ían ir ese día ver o xuíz Fernando Andreu e o comisario dixéralle que “o que estiver de garda”, que cre que “é Pablo Ruz”. “Ruz non é o mellor, non?” pregunta o ministro, xa que ese xuíz instruíu o caso Bárcenas e o caso Gürtel.

Cadena SER