Muath Hamed, refuxiado no estado español xunto coa súa familia, asegura que o servizo de intelixencia israelita o interrogou e ameazou nun encontro organizado por axentes do servizo de información da Garda Civil nunha das sedes principais do instituto armado.
O xornalista palestino Muath Hamed – Cedida
Muath Hamed é un xornalista palestino refuxiado no Reino de España. Vive xunto coa muller e os dous fillos pequenos en Lemoa (Biscaia). Cando se instalou nesta pequena localidade vasca sentiu que por fin achara un lugar para vivir en paz xunto coa familia, despois dunha vida marcada pola persecución, o cárcere e a represión do Goberno israelita. Esa sensación desapareceu por completo no pasado 11 de febreiro ás seis da tarde, nun cuarto isolado do cuartel da Garda Civil da rúa Batalla del Salado, en pleno centro de Madrid. Ese día, asegura, a Garda Civil púxoo a disposición dun axente do Mossad, o temido servizo secreto israelita, que o someteu a un interrogatorio clandestino e o ameazou.
A orixe desta historia remóntase ao pasado 9 de decembro. Ese día, Muath recibiu a primeira chamada de Nicolás, un axente dos servizos de información da Garda Civil destinado en Euskadi. Quería tomar café e conversar con Muath sobre o seu labor como xornalista, o seu pasado e a súa vida no estado español. Trátase dun procedemento habitual por parte dos servizos de información españois con refuxiados e migrantes. “Eu entendín que facía o seu traballo e non teño nada que ocultar, así que lle dixen que si”, explica o protagonista desta historia. O axente Nicolás, duns 40 anos, pel morena, complexión media e vestimenta civil, segundo a descrición de Muath, recibiuno na Comandancia da Garda Civil de Biscaia, situada na praza Salbe de Bilbao.
Nun cuarto do quinto andar agardaba por eles Javier, outro axente do mesmo servizo, de ollos azuis, estatura pequena, barriga proeminente e bo dominio do inglés. Muath respondeu as súas preguntas e explicoulles por que pedira asilo no Reino de España, como logrou saír da Palestina e como foi a pasaxe por Turquía. Moitas preguntas xa llas formulara antes a Policía Nacional cando requereu asilo, en abril de 2019. A resolución definitiva sobre o asilo de Muath e a súa familia aínda está no aire.
Os problemas chegaron despois. No inicio de febreiro, o novo xornalista palestino tornou a recibir unha chamada de Nicolás. Máis unha vez, pedíalle tempo para un encontro, esta vez en Madrid. Muath declinou porque estaba en Euskadi, mais, poucos días despois, recibiu outra chamada con número oculto. Esta vez quen falaba era o axente Javier, que lle solicitou amabelmente que se visen o 11 de febreiro pola tarde. Daquela, Muath si estaba na capital española, cubrindo temas de actualidade para a televisión catarí Al Araby. Aceptou e, ao terminar a xornada de traballo, dirixiuse ao número 35 de rúa Batalla del Salado, unha das sedes máis destacadas da Garda Civil.
Así que chegou, Muath percebeu algúns pormenores que o fixeron sospeitar. Segundo conta, un uniformado baixou a buscalo e introduciuno no edificio sen o identificar, sen rexistrar o seu acceso e sen pasar por ningún control de seguranza, como estipula o protocolo. O axente acompañouno até o terceiro andar dun dos bloques, onde agardaban por eles Javier e un home vestido de traxe, careca, de tez morena e complexión atlética que se presentou como Omar.
A sala era escura e a única xanela que había estaba fechada. Despois de comprobar que Muath non estaba a gravar co seu teléfono móbel, o misterioso home asegurou que traballaba para a intelixencia belga. Javier explicou a Muath que Omar era de orixe palestina, mais a súa coartada ruiu cando o xornalista se deu conta do seu marcado acento israelí, segundo relata o xornalista palestino. Muath respondeu as súas primeiras palabras en hebraico. Ao ver a reacción de Omar e Javier, Muath pediulles que lle mostrasen os seus billetes de identificación, mais asegura que ambos se negaron. Entón Omar recoñeceu que era israelita. O axente da Garda Civil saíu da sala e deixou o xornalista palestino en mans do suposto axente do Mossad.
Muath explica que nese instante sentiu moito medo. Lembrou o caso de Jamal Khashoggi, o xornalista escuartexado no consulado saudita en Istambul, cuxo asasinato ainda continúa impune. O suposto axente israelita comezou a presionalo, atirando acusacións veladas contra Muath e facéndolle ver que coñecía as súas comunicacións e movementos desde había tempo. Acusouno de estar implicado no financiamento de grupos islamitas e terroristas vinculados á resistencia palestina. Sempre segundo o testemuño de Muath, o suposto espía israelita tamén falou das súas débedas económicas e preguntoulle polas súas fontes en Turquía e por persoas como Zahir Jabareen, un dos líderes de Hamás sobre o que pesan varios mandados internacionais de captura. Muath levaba tempo sospeitando que o seu teléfono estaba intervido e pensa que puido confirmalo ese día. Aínda conserva a ligazón co que cre que os seus dispositivos e contas foron infectados co programa de espionaxe Pegasus. Este xornalista e refuxiado palestino negou todas as acusacións.
O suposto axente do Mossad continuou a falar e lanzou as súas primeiras ameazas contra Muath e a súa familia, segundo explica o xornalista palestino: afirmou que xamais voltarían a Palestina e mencionou unha das súas investigacións xornalísticas (disponíbel nesta ligazón), en que desvelara o sistema de empresas pantalla que opera o Mossad en países da Europa do Leste para recrutar e pagar os seus informadores en territorio europeo. Omar coñecía o nome real da principal fonte desa reportaxe, segundo conta Muath, e fíxollo saber.
Ás preguntas do xornal Público sobre este interrogatorio clandestino, a Embaixada israelita contesta: “a resposta é que non hai resposta”. O axente Nicolás atende as chamadas deste medio mais declina responder, en tanto o axente Javier lé as mensaxes mais non se manifesta. A Garda Civil non responde a ningunha pregunta de Público sobre estes feitos. O Ministerio do Interior declina facer comentarios. CEAR, organización que tramita a solicitude de asilo de Muath e a súa familia, xa puxo estes feitos en coñecemento da Oficina de Asilo. A Embaixada belga xa está ao tanto de que polo menos un axente do Mossad se fai pasar por espía da intelixencia belga no Reino de España.
Fontes experientes en materia migratoria e de seguranza afirman que a Garda Civil non ten competencias en materia de estranxeiría (recaen sobre a Policía Nacional). Tamén remarcan que é habitual que os servizos de información españois contacten con persoas migrantes e refuxiadas e traten de captalas para obter información, mais non con protocolos que leven ameazas e intimidación como as que viviu Muath. Actualmente non existen acordos oficiais de colaboración que permitan ao Mossad realizar accións deste tipo en territorio español nin en edificios do Estado.
Sensación de inseguranza
Non é a primeira vez que este xornalista palestino lida coa intelixencia israelita. Entre 2006 e 2014, o Mossad tentou captalo en varias ocasións. Segundo o seu testemuño, Muath sempre se negou a traballar coa intelixencia israelita, mesmo fixo públicos estes feitos, e como represalia foi encarcerado en varias ocasións.
Muath expresa que, após case dúas horas de interrogatorio, o suposto axente do Mossad despediuse e díxolle que voltaría a ter noticias deles. Desde ese día, este xornalista palestino e a súa esposa teñen problemas para dormir. Están preocupados polo seu requeremento de asilo e a súa seguranza. Ela revive durmida os asaltos do Exército israelita a casa dos seus pais e a detención de familiares. Teme que o cansazo por falta de descanso a leve a algún descoido que repercuta nos seus dous fillos, de dous e cinco anos. O xornalista afirma ter un pesadelo recorrente en que é devolvido pola forza a Palestina e volve sentirse apañado.
O fillo máis vello, de cinco anos, desenvolveu medo á Policía no estado español por causa destes feitos. É consciente da situación e asóciaa con episodios violentos que viviu na Palestina a mans das forzas israelitas. Para o tranquilizaren, cando se cruzan cun axente, os pais dinlle “aquí non pasa nada, di agur á Policía”. Muath sopesa emprender accións legais contra o Goberno de España e non descarta mudarse coa súa familia a outro país en busca de protección. “Por que España colabora con eles?”, pregúntase.
Muath estivo en detención administrativa en cárceres de Israel en dez ocasións. No pasado tamén foi detido e encarcerado dúas veces pola Autoridade Nacional Palestina. Entre 2004 e 2014 estivo na lista negra do Goberno israelita con prohibición de viaxar ao estranxeiro. Conseguiu saír da Palestina depois dunha longa batalla xudicial e grazas en parte a un premio que lle concederon na Turquía, por un vídeo en que Muath grava de frente a un soldado israelita no momento en que este lle dispara e recibe un impacto contra o ombro esquerdo. En total, Muath recibiu disparos en cinco ocasións cando informaba sobre o conflito palestino-israelita. Após cinco anos en Istambul, decidiu vir ao Reino de España para afastarse da crecente animadversión cara aos refuxiados na Turquía. O nome deste xornalista figura en relatorios de Human Rights Watch e outras organizacións internacionais sobre a violación de dereitos humanos e os ataques contra informadores nesa rexión.
A migración é un proceso vital que non acaba no momento en que alguén cruza unha fronteira. Quen migra pola forza a miúdo carrega mochilas cheas de vivencias que pesan para sempre. Muath e a súa familia arrastran un pesada bagaxe emocional do que resulta difícil desprenderse. De feito, o día en que este xornalista accede a falar para Público coincide coa morte do seu antigo compañeiro de cela Omar Barghouti, un dos activistas máis carismáticos do movemento palestino. As supostas ameazas do Mossad sob o paraugas da Garda Civil que relata Muath avivan a sensación de incerteza desta familia palestina refuxiada no estado español, un país europeo en que pensaron estarían protexidos. Talvez se enganaron.
José Bautista