A deríva ultra nas forzas e corpos de seguranza do Estado é cada vez máis difícil de esconder debaixo da alfombra. Viuse no Exército e agora tamén na policía. É o caso da asociación policial ultra Una policía para el siglo XXI, que chegou a pedir o uso de munición real contra manifestantes. Faino nun vídeo onde un dos seus integrantes fala sobre a “lexítima defensa”, amparándose mesmo no Código Penal. O vídeo, subido en YouTube, leva un título bastante explícito: “Chumbo aos violentos. Defende a túa vida!”.

 

policia carrega madrid ACN

                                                                     Foto: ACN / Roger Pi de Cabanyes

 

Na introdución do vídeo, publicado en marzo a seguir os protestos polo encarceramento de Hasél, un colaborador desta asociación e policía municipal, que se identifica como Fernando, apela á “lexítima defensa ante os brutais ataques que se están vendo e que se verán aos axentes que se enfrentan ao terrorismo nas rúas destes energúmenos que saen á rúa en nome de Pablo Hasél”. Tamén denuncia que o fan “acirrados e amparados por diferentes partidos políticos, que “están a buscar unha vítima” e que “se é un policía, é un trofeo para pendurar na parede”.

Acto continuo, ampárase no Código Penal para xustificar a lexítima defensa: “Se a min me deitan no chan, me dan pontapés, baten con paus, me atiran un patinete eléctrico, e eu o único que teño para defenderme é facer uso da miña arma de fogo, porque non teño ningún outro medio menos lesivo para defenderme, o uso da arma de fogo é o meu único recurso”. Insiste en que “este uso estaría amparado”.

Desta feita, Fernando asegura que os axentes teñen o “dereito lexítimo a non morrer” e, citando o porta-voz da asociación Samuel Vázquez, pregúntase “por que ten de haber proporcionalidade”. Neste sentido, o protagonista do vídeo resalta: “Eu teño que exercer máis violencia e forza que a que me están facendo a min”. A proporcionalidade son as “normas do xogo”, mais tamén hai lexítima defensa cando un policía percibe unha “tentativa de agresión inminente ou flagrante”.

O policía do vídeo reinterpreta o concepto de proporcionalidade do Tribunal Supremo: “Se con dous tiros a ameaza cesa, o que me están dicindo é que non vacíe o cargador”. E tamén fai un tutorial sobre como facer uso da arma de fogo sen, en teoría, ser susceptíbel de consecuencias penais. Pon o exemplo da furgoneta da Garda Urbana incendiada no pasado febreiro na Rambla. Neste caso, asegura, “cúmprense todos os requisitos da lexítima defensa”.

No canal de YouTube de Una policía para el siglo XXI poden ser vistos outros vídeos, como unha entrevista á porta-voz de Vox no Congreso, Macarena Olona, ou unha gravación que explica “a verdade” sobre o torturador franquista Billy el Niño. A asociación conta con 20.000 seguidores en Twitter e 19.000 no Facebook. E coa lexitimación institucional. O seu coordenador Samuel Vázquez compareceu no 2018 na comisión do Congreso para a reforma da lei de seguranza cidadá. Fíxoo a proposta de Ciudadanos, e defendeu a recentralización das competencias de seguranza.

Esta mesma semana, a asociación policial aproveitou que xa non está aforado para presentar unha denuncia contra o ex vice-presidente Pablo Iglesias por posar para unha fotografía da campaña electoral sen máscaras. Segundo a organización, o líder de Podemos “ri de todos os españois”.

Nicolás Tomás

El Nacional