A campaña estatal #0Contenciones pretende acelerar a abolición das contencións mecánicas de pacientes psiquiátricos, unha práctica xa suprimida noutros países e que a ONU califica de trato degradante e próximo á tortura.

 

 

 

Amarrar as persoas á cama polos pulsos, nocellos ou cintura continúa sendo legal no estado español en ámbitos como o psiquiátrico apesar da convención da ONU que insta a deixar de facelo. Anos de loitas de colectivos activistas contra as contencións mecánicas desembocaron en procesos de reflexión locais e incipientes. Neste contexto, o colectivo LoComún sostén actualmente a  campaña estatal #0Contenciones que divulga documentos, testemuños e exemplos de transformación para acelerar a abolición dunha práctica prohibida noutros países. A iniciativa cuestiona o relato que mantén a coerción e procura politizar colectivamente o malestar cun ollar social e baseado nos dereitos.

“A vontade da campaña é abrir un debate social que non se coñece se non se está no ámbito da saúde mental sobre a violación sistemática de dereitos humanos de pacientes psiquiátricos”, sinala Nando, membro do colectivo LoComún . “A preocupación polas contencións comeza no eixo de traballo en Dereitos Humanos fixado por profesionais da saúde e persoas diagnosticadas ao crearen o colectivo no 2016”.  A campaña, explica, non é unha plataforma senón un contributo do grupo a loitas anteriores, “un empurrón para convidarmos outros colectivos a que a fagan súa e desenvolvan contidos propios ou liñas xa existentes”.

 

“A vontade da campaña é abrir un debate social que non se coñece se non se está no ámbito da saúde mental sobre a violación sistemática de dereitos humanos de pacientes psiquiátricos”, sinala Nando, membro do colectivo LoComún

 

O vídeo de lanzamento xira à volta dos eixos: visibilización de danos, sofremento e anomalía legal dunha práctica en unidades fechadas que escapa do escrutinio público. Sara, do colectivo, sinala que os testemuños recibidos coinciden en que a contención “non se aplica en última instancia, como recollen os protocolos, senón de forma sistemática e para controlar a conduta das persoas, mesmo como castigo, priorizando a premisa da seguranza nas plantas sobre o que lles acontece.”

Na Radio Nikosia, unha emisora desde e con persoas diagnosticadas dalgún problema de saúde mental, Nacho lembraba a contención dun compañeiro a quen impedían chamar cando o resto podía facelo: “amarráronno unhas 24 horas deixando que mexase por riba del”, denunciaba. Querer contactar con alguén para que cuide dunha mascota desatendida polo ingreso, mollar a cabeza para mitigar o sofremento ou baixar da cama, son algunhas das causas de contención sinaladas. Amaya describía dúas contencións cando ingresou como “as experiencias máis aterradoras” da súa vida. “Cheguei a considerar luxar os pulsos ou os nocellos para mover unha extremidade”. Marta, contida en ingresos múltiplos, explica que chegou a pedir ser contida ao sentirse ansiosa para evitar ser amarrada á forza.

O Relator Especial da ONU Dainius Puras reiteraba no 2017 que compre facilitar “a erradicación de todos os tratamentos psiquiátricos forzosos e o isolamento” e calificaba a contención mecánica de trato degradante e próximo á tortura. A súa eliminación é un dos obxectivos do Convenio de Dereitos das Persoas con Discapacidade da ONU (2006). Apesar de o ter asinado en 2007  o Reino de España non adaptou a lexislación vixente ao convenio nin creou unha lei de saúde mental propia que o faga. O Consello de Europa para a Prevención da Tortura (CPT) denunciou no 2008 e no 2016 excesos coercitivos no ámbito psiquiátrico, incluindo a contención mecánica e o seu uso como castigo considerando realista a súa redución e eliminación.

 

O Relator Especial da ONU Dainius Puras reiteraba no 2017 que compre facilitar “a erradicación de todos os tratamentos psiquiátricos forzosos e o isolamento” e calificaba a contención mecánica de trato degradante e próximo á tortura

 

Reclaman a mudanza de paradigma

A campaña demanda unha mudanza de paradigma, recollida tamén pola ONU, centrada na persoa e os seus dereitos, que contemple o sofremento causado polas contencións, tamén en profesionais que amiúde, tamén nas redes sociais da campaña, se escusan alegando falta de persoal. “O Estado da Pennsilvania iniciou a redución de contencións no 1990, eliminándoas sen aumentar persoal nin contencións químicas e diminuindo agresións, moi ligadas a actos de resistencia a ser amarrada”, explica Sara de LoComún. Os estudos de redución e eliminación de contencións outorgan un papel determinante á vontade de equipos ou gobernos, “cando se quer reducilas, redúcense e cando se quer eliminalas, elimínanse”, resume Sara.

Estados como o Reino Unido ou Islandia prohibiron legalmente as contencións e Holanda, Alemaña, Finlandia ou Suecia traballan desde hai anos para reducilas. Coincidindo co inicio da campaña, Franco Rotelli, psiquiatra colaborador de Franco Basaglia en promover unha das leis de saúde mental máis respeitosas hai xa 40 anos, aseguraba en Barcelona que na Italia “hai centros que conteñen e outros que non nunha mesma rede”. “Parece que iso quer dicir que alguén non fai ben as cousas”, concluía afirmando non ter contido mecanicamente ninguén en toda a súa vida: “O único que hai que reclamar sobre as contencións é a súa abolición e non ver na persoa un obxecto sinón un suxeito de dereitos”.

A campaña tamén sinala os esforzos, desde hai dous anos, para eliminar as contencións en experiencias sen contencións en cidades próximas como Trieste ou Módena. No mes de xuño Thomas Emmenegger, xefe do servizo sociopsiquiátrico do canton de Ticino (Suiza), explicou en pormenor no Departamento de Saúde e no congreso de enfermaria ASCISAM como foron abandonadas as contencións no 2010 ao tempo que se abrían as portas do centro. “Necesitamos unha psiquiatría que poña as persoas no centro e baseada no afecto e nun acollemento intensivo”, sinalaba a LoComún salientando a importancia dunha mudanza cultural en toda a cadea que intervén en ingresos -incluindo corpos policiais, gardas de seguranza, persoal de ambulancias, profesionais sanitarias e administracións- para evitar factores que podan provocar axitacións.

Unha práctica lesiva que chega a causar morte

Nando destaca que no debate con profesionais “amiúde negan que podas ter coñecemento do que son as contencións e argumentan que só serán eliminadas cando for obrigatorio facelo”. A campaña pon a énfase en que ás lesións físicas e o sofremento que non desaparece compre acrecentar as mortes sen cuantificar. No 2017 sóubose de dúas filtradas pola prensa na Coruña e en Ovieu. A de Andres F.G. no centro hospitalar HUCA de Astúries, no 24 de abril, levou a Asociación Hierbabuena a manifestarse no 24 de cada mes na Plaza de la Escandalera de Ovieu, para pedir explicacións, denunciar vulneración de dereitos e o fin das contencións.

 

A campaña pon a énfase en que ás lesións físicas e o sofremento que non desaparece compre acrecentar as mortes sen cuantificar. No 2017 sóubose de dúas filtradas pola prensa unha na Coruña e outra en Ovieu

 

Un caso que tivo eco internacional foi a morte de Franceso Mastrogiovanni no 2009. Hai dúas semanas un tribunal de casación italiano condenaba médicos e enfermeiros do Hospital Vallo della Lucania. A súa contención de catro días, reconstruída en base ás grabacións das cámaras de seguranza no documentario 87 Ore, conmocionou a sociedade italiana. As imaxes da súa agonía desmenten a agresividade reflectida no historial clínico. A condena engade once enfermeiros aos médicos xa encausados, mais aplica unha redución de penas que lles evitará o ingreso en prisión. A campaña E tu, slégalo Súbito!  despois da morte de Mastrogiovanni, reclama desde 2015 a eliminación das contencións en toda Italia.

Catalunya en fase de estudios preeliminares e iniciativas puntuais

Na Catalunya o Plano Integral de Saúde Mental e Adicións 2017-19 contempla “un proceso de reflexión e análise para reducir o número de contencións” e traballar para o horizonte de contencións cero. Despois de dous anos participando nel, a Federación Veus, suma de entidades en primeira persoa, levaba no 2017 a contención cero á Comisión de Saúde do Parlament. As iniciativas de redución, até un 85% segundo afirmaba o Hosital de Sant Pau, son ainda feitos isolados. Apesar do plano recoñecer a convención de dereitos da ONU e proporse implementalos, a data de 2025 mantida en reunións de traballo con Veus ou Activament, desapareceu do documento.

A campaña de LoComún recibiu o apoio de entidades en primeira persoa de todo o estado incluindo a Federación Consaludmental, Flipas Gam (Madrid), Gam Valencia, o En1aPersona, que no 2017 iniciaba en Andalucía o Tour 0% Contenciones, mais tamén de colectivos profesionais. Tamén o fixo a Asociación Española de Neuropsiquiatria promotora, con entidades en primeira persoa, do Manifesto de Cartagena contra os tratamentos coercitivos. Nun caderno técnico sobre coerción e saúde mental publicado no 2017, a AEN sinalaba as causas estruturais de manter os tratamentos coercitivos, a disparidade de protocolos, a variabilidade e mesmo inexistencia de rexistros e dados unificados. Mikel Munárriz, o seu presidente actual, reiterou a vontade da entidade de continuar traballando para respectar a dignidade e o libre exercicio da vontade das persoas.

Jordi Relaño @j_relano

Fonte: Directa