Amnistía Internacional (AI) denunciou unha media de 80 multas diarias interpostas no Reino de España ‘contra a liberdade de expresión’ en aplicación da ‘lei mordaza’, desde a súa entrada en vigor até o 31 de decembro de 2017, segundo datos do Ministerio do Interior facilitados pola ONG.

 

 

Así o indicou a organización a través dun comunicado emitido horas antes da comparecencia no Congreso dos Deputados do seu director en España, Esteban Beltrán, en relación coa proposición de Lei Orgánica de Reforma da Lei de Protección da Seguranza Cidadá (LOSC).

Segundo as cifras achegadas por Amnistía Internacional, entre o 1 de xullo de 2015 e o 31 de decembro de 2017 foron impostas 73.187 sancións en aplicación tan só do artigo 37.4, referido ás faltas de respecto ou consideración cara a membros das Forzas e Corpos de Seguranza, e do 36.6, que considera grave a desobediencia ou resistencia á autoridade ou aos seus axentes no exercicio das súas funcións, cando non sexan constitutivas de delito, así como a negativa a identificarse a requirimento da autoridade ou dos seus axentes ou a alegación de datos falsos ou inexactos nos procesos de identificación.

Iso supón unha media de 80 sancións diarias con base nalgún destes dous artigos (21.122 e 13.033, respectivamente, no pasado exercicio) e, a xuízo da ONG, podería equivaler a case 25 millóns de euros en sancións impostas polas forzas de seguranza do Estado.

Unha actividade sancionadora que, segundo Amnistía, ‘pon en risco o exercicio pacífico de dereitos humanos’. ‘A proba é que tivo un grande impacto nas vidas e na mobilización daquelas persoas que, damnificadas polos cortes do gasto público e a crise económica, organizáronse para defender os seus dereitos’, engadiu.

Amnistía Internacional denunciou que a lei mordaza tamén dá cobertura legal ás expulsións ‘en quente’ que, matizou, ademais de seren prohibidas polo dereito internacional, ‘poden ter consecuencias terribeis para os dereitos humanos das persoas que tentan chegar a España fuxindo dos seus países, podendo vulnerar o principio de non-devolución, que prohibe aos Estados devolveren unha persoa a un lugar onde a súa vida, a súa integridade ou a súa liberdade poidan correr perigo’.

En relación ás últimas ‘devolucións en quente’ documentadas por Amnistía Internacional e que tiveron lugar en xullo en Ceuta, a ONG aseverou que ningunha lexislación interna ‘pode vulnerar normas e estándares internacionais de dereitos humanos’ e volveu instar a que, no cadro da actual reforma da LOSC, se ‘aproveite a oportunidade de pór fin a esta práctica ilegal’, derrogando a disposición adicional que as habilita.

Após subliñar que nesta segunda feira foi ‘reactivado’ o proceso de reforma ‘despois de meses de parálises’ co inicio do relatorio no Congreso en que interveu, Beltrán advertiu que, ‘tres anos despois, estamos ante a grande oportunidade de acabar co efecto mordaza que provoca esta lei’.

‘Máis de tres anos despois da súa entrada en vigor, esta lexislación foi empeorando o exercicio dos dereitos de reunión pacífica, expresión e información, e foi empregue contra xornalistas e formas lexítimas de protesto e activismo social’, continuou Beltrán, quen lamentou que a ‘lei mordaza’ fose utilizada ‘nomeadamente’ contra activistas que defenden o dereito á vivenda ou ao medio ambiente, ‘obstaculizando o seu dereito a expresaren as súas reivindicacións de maneira pacífica’, e ‘impactou de forma negativa no exercicio do dereito á liberdade de información’.

Insurgente