Sara, unha participante deste espazo do veterano programa televisivo da TVG, foi informada de que o ían suprimira após empregar a mensaxe de apoio ao persoal da televisión pública ‘Defende a Galega’.
.
.
Imaxe da participación de Sara no programa Luar difundida nas súas redes sociais.
 Imaxe da participación de Sara no programa Luar difundida nas súas redes sociais.

 

Unha mensaxe durante a súa participación no espazo de regueifas do programa Luar da Televisión da Galiza en defensa dos traballadores e as traballadoras do ente público serviu a Sara Marchena para levar “unha bronca” e ser culpada da eliminación deste espazo da ‘parrilla’ do veterano programa televisivo.

Segundo explica a propia Sara nas súas redes sociais, “non entendo a regueifa sen a parte reivindicativa, política que lle chama algunha xente (de arriba), e polo tanto emprégoa como ferramenta de construción masiva, tanto nas aulas como fóra”.

“Así, e sen entrar a falar de que se cadra certos silencios son igual de políticos como os berros máis altos, con esta idea sobre o que é a regueifa fomos o Luar, porque nin temos outra, nin tampouco escondemos que este é o noso xeito de improvisar. Falamos de feminismo, mesmo recriminando a un membro do xurado un comentario machista que fixera antes de saír nós, e falamos de Defender a Galega, da manipulación e da calidade informativa”, relata Sara, que lembra que tamén levaba unha camiseta coa mensaxe #DefendeAGalega. “Unha camiseta, non unha pistola nin unha navalla”, aclara.

Esto foi na sexta feira. A pasada segunda feira, Sara afirma ter recibido unha chamada na que se lle culpaba da anulación do espazo de regueifas. “A conversa, ou o monólogo no que pouco puiden intervir, durou case dez minutos e non creo nin que pague a pena poñer por escrito todo o que escoitei”, recoñece con tristura a afectada.

“Se cancelarán ou non o espazo está no aire, porque a chamada seguinte pretendeu desmentir o que a min me puxeran como unha realidade consumada. Tomen a decisión que tomen, na miña opinión vai ser o mesmo xa que se teño que volver ó programa para baleirar de contido as coplas e empregar as palabras como parte dun chiste que agrade e faga sorrir ós que creen que se poden manter arriba con ameazas e coaccións, prefiro seguir improvisando e regueifando en sitios máis pequenos, como as aulas, onde, se cadra o camiño se fai os pouquiños e día a día, mais onde imos creando outra forma de facer, de ver e de entender”, sentenza esta valente regueifeira.

“Semella que cando falamos de defender a galega e pedimos menos manipulación, tampouco estabamos tanto lonxe da realidade. Menos coaccións tería sido tamén unha boa rima visto o visto. Aínda así seguimos, non calamos e por suposto, apoiamos as traballadoras e os traballadores da CRTVG que Defenden a Galega, en tódalas coplas de agora en diante. Non imos deixar de construír masivamente os medios de comunicación que queremos, porque tamén forman parte do mundo que queremos”, conclúe na súa mensaxe.

 

.

.

 

Cousa de dúas 

Mais Sara non foi a única que recibiu o aviso de que ían cancelar o ‘Vai de Regueifas’. A súa compañeira no escenario, Aurora Redondo, recoñecía tamén nas súas redes sociais que tamén se puxeran en contacto con ela para explicarlle “os espazos en que se pode reivindicar segundo que cousa”, para, acto seguido confirmarlle que non se ía cancelar o concurso no Luar, programa ao que, por outra parte, agradeceu que lles tivesen convidado.

“Um concurso de regueifa sem resposta á agressom, umha regueifa sem guerrilha, para mim nom é regueifa. Igual que umha regueifa sem humor nom é regueifa, sem picardía, sem vacile, sem messagem de fondo. Vai todo junto”, argumentaba a outra afectada, quen sinala que “está feo andar a culpabilizar á penha dizendo que se cargou um espaço de visibilizaçom da regueifa e que nom seja certo. Coacçom mal”.

Na súa resposta, Aurora deixa ben claro que non vai deixar de dicir o que pensa, de escoitar a quen menos privilexios ten e de falar explicitamente a favor da liberdade de expresión e contra a manipulación e a coacción. “Nem de cuidar-nos entre nós quando venham os ataques”, engade.

Nós Diario