Non queimei unha bandeira na miña vida e non vou facelo. Mais esixo o dereito a o faceren para os que así o consideren. A desafección á bandeira non é delito, señores.

 

Izado bandera de España - YouTube

 

“En ningún momento é a liberdade de expresión máis prezada que cando un bate no polegar cun martelo“.

Marshall Lumsden (1922-2010)

 

Es sindicalista e estás farto das condicións en que a túa contrata te obríga a trabalhar. Limpas o arsenal militar do Ferrol e nunha manifestación de protesto, encabuxado, dis aos teus compañeiros asistentes, “ollade o silencio da puta bandeira”. Dicir en galego, que aínda soa máis doce: “Aquí tedes ou silencio da puta bandeira”, e “hai que prender lume á puta bandeira” e resulta que acabas de cometer un delito e que o Tribunal Constitucional dunha democracia occidental como a española fallou onte que si, que iso é delito.

Puta bandeira é delito?

Puto goberno é delito?

A miña puta vida toureira é delito?

O delirio – podo dicir a puta tolemia?- apropiouse do Tribunal Constitucional español que nesta ocasión non só se sitúa fóra da normativa europea xa establecida senón que se coloca maioritariamente á santa dereita do Opus. Era o relator desta cuestión o maxistrado Andrés Ollero, coñecido polos seus cargos electos co PP e a súa pertenza ou proximidade á obra, e acudiu cun relatorio en que, facéndose eco da xurisprudencia e as normas europeas e internas, se decantaba por considerar que tales expresións non podían constituír delito algún. Pois ben, ao saltar pola dereita a maioría conservadora, tivo que renunciar ao relatorio e pasar a engrosar as fileiras dos maxistrados progresistas que consideran aberrante tal interpretación da Constitución Española, que choca con toda a lóxica e os preceptos e a normativa das democracias occidentais. Non pode un ir deixando o prestixio na caixa do gato -salvo que carezas del- e Andrés Ollero, catedrático, non estivo disposto a caer tan baixo.

Vou explicarlles moi fácil por que é aberrante a posición que o Tribunal Constitucional adoptou neste asunto e por que debe preocuparnos a todos os demócratas. Estas cousas eran impensabeis, son impensabeis, mais hai soldados que están a tentar converter o país e a Constitución en algo ao seu xeito, quer se afaste moito do que a maioría social española e europea considera aceptábel. Como comeza a ser costume, malo, déronnos o fallo sen teren aínda a sentenza mais sei que esta vén dicir que as expresións “non eran necesarias” e “non tiñan relación co protesto”. E daí? Olla, e entón? Un protesta e faino como quer. Queimar fotos do Rei non é delito -xa nos condenou por iso Estrasburgo- nin tampouco queimar bandeiras. Como poden chegar a esta conclusión os preclaros intérpretes constitucionais? onde van chegar contradicíndose e contrariando os convenios europeos?

A liberdade de expresión, o uso que dela se faga, as expresións e actos, non serve só para as ideas aceptadas e compartilladas senón que especialmente protexe aquelas que ofenden unha parte da poboación ou o propio Estado. Cando exerces un dereito fundamental, non es ti o que tes que xustificar o seu exercicio senón que son outros os que han de especificar por que é preciso nunha democracia censurar esa liberdade. Mesmo se abusas desa liberdade, o reproche penal é o último que debe ser utilizado.

Os sindicalistas galegos nin sequera queimaron unha bandeira senón que falaron da “puta bandeira” e agora veñen dicirnos que iso, iso é un delito. Puta bandeira, puto goberno, putos fachas, putos vermellos delito?

O nivel de desprestixio ao que están a chegar os órgaos constitucionais españois e algúns tribunais é estarrecedor. Saben o que acontece? Que cando chegas a estar presente en organismos que non teñen control alén do propio, só o prestixio pode refrear as tropelías. Se nomeamos para estes postos xentes sen prestixio, non terán freo algún.

Toda a normativa europea e española e a xurisprudencia que incumbe á liberdade de expresión no noso país pode ser consultada en Libex.es , un proxecto do Grupo de Traballo sobre a Liberdade de Expresión que busca con esta iniciativa axudar profesionais e profanos a encontrar os recursos necesarios. Pois ben, se clican aquí acharán todo o necesario para comprender por que esta sentenza do Constitucional contradi todo o acervo europeo e do propio TC sobre a cuestión. Dirán algúns que o ultraxe á bandeira estça na lei, que está no artigo 543 do Código Penal, e contestareilles que o Tribunal Constitucional é precisamente o órgao que está por cima da lei e non suxeito a esta, quer dicir, o órgao que nos pode dicir que esa lei está mal.

Esa lexislación é insustentábel nun estado democrático, en desacordo coas convencións europeas e impropia. É boa idea que os lexisladores derroguen tal artigo do Código Penal e que, como moito, inclúan esa limitación para determinados funcionarios como poden ser os militares. Neste país, como nos Estados Unidos (véxase Texas contra Johnson, que anulou as leis dos estados que penalizaban queimar a bandeira) ten que considerarse amparado pola liberdade de expresión queimar os símbolos, a bandeira ou o retrato do Rei. Precisamente por seren símbolos evitan que se produza dano a outras entidades e permiten protestar contra o que significan. Pódese protestar contra o que significan. Iso é o que moitos neofascistas non comprenden e iso é porque aterra tanto que un órgao constitucional o consagre.

Non queimei unha bandeira na miña vida. Non vou facelo. Non vou queimar biblias nin coráns. Esixo o dereito de o faceren os que así o consideren. Esixo a liberdade de expresión máis ampla e, cando houber dúbidas, máis liberdade de expresión. Un exceso de liberdade de expresión é moi dubidoso que nos faga dano, mais esta “patriótica” e represiva interpretación do que podo facer para protestar si.

Puta bandeira? puto goberno? puto Constitucional? Van converter alguén en delincuente por dicir iso? por cagarse no máis varrido? A serio? Non só non é civilizado nin democrático senón que conseguirán que teñamos que nos pór todos á cabeza dunha manifestación que nin sequera desexamos.

Entre meternos a bandeira pola goela abaixo, até por Nadal, e pretender que un sindicalista é un delincuente por dicir que hai que queimala, que pretenden que fagamos, calar e engolir? A bandeira é un símbolo e se se ama e respecta debe ser por respecto e amor ao que representa, o cal é un acto de afecto individual.

A desafección non é delito, señores. Ou van condenar os maxistrados que asinaron votos particulares argumentando que iso que votaron é unha barbaridade?

E o Tribunal Constitucional sen renovar e sen reflectir a sensibilidade da sociedade á que serve.

Continúen a desprestixiar ás institucións que serven e despois culpen os putos vermellos do goberno que son os que, segundo o seu ollar torto, están acabando coa democracia.