Unha de cada dúas crianzas recrutadas como soldados no mundo provén de África Occidental e Central, revela un relatorio do Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (Unicef), unha rexión onde máis de 57 millóns de nenos e nenas precisan asistencia humanitaria, o duplo que hai un ano.

 

Niños soldado: las cifras del horror

 

Desde 2016, máis de 21.000 crianzas foron secuestradas para as converter en soldados, con máis de 2.200 casos de violencia sexual contra as menores e máis de 3.500 crianzas secuestradas en arredor de 1.500 ataques armados contra escolas ou hospitais, destaca o documento. En 2020, foron máis de 1.300 as crianzas secuestradas.

A directora de Unicef na rexión, Marie-Pierre Poirier, incidiu na presentación do estudo en que “as cifras e tendencias son extremamente preocupantes para as xeracións actuais e futuras de crianzas”, salientando que non “só non se detiveron as violacións graves contra as crianzas perpetradas polas partes nos conflitos en África Occidental e Central, senón que mesmo vimos un aumento de 50 % nos últimos cinco anos no número total de violacións graves verificadas”.

As organizacións humanitarias estiman que unhas 120.000 crianzas de idades entre os 7 e os 17 anos están integrados na actualidade en grupos armados. Calculan que, na última década, até dous millóns de nenas e nenos foron asasinados en conflitos na República Centroafricana, Sudán do Sur, Ruanda, Serra Leoa, a República Democrática do Congo, Uganda, Angola, Mozambique, Liberia, Alxeria, Burundi, Nixeria, Níxer e Somalia. Boa parte dos conflitos territoriais en África están provocados pola delimitación artificial das fronteiras feitas polos colonizadores europeos.

Nós Diario