O BNG presentará na próxima reunión plenaria ordinaria do Concello da Coruña unha iniciativa “instando a emprender accións legais” para que a Casa Cornide, agora en mans da familia do ditador Francisco Franco, pase a ser do patrimonio público. Así o anunciou nesta segunda feira o portavoz municipal do BNG, Francisco Jorquera, nunha conferencia de prensa alegando que a propiedade desa casa foi “roubada” por Franco.

 

Ocupación simbólica de la Casa Cornide en 2017. AEP                                             Ocupación simbólica da Casa de Cornide en 2017 – AEP

 

Acompañado pola edil do seu grupo Avia Veira, Jorquera opinou que este é “un caso aínda máis claro, se callar, que o do Pazo de Meirás, porque ese edificio era de titularidade pública”. A casa Cornide, que albergou a principios do século XIX o Concello da Coruña, é un edificio público que pertenceu tamén ao Ministerio de Educación. Mediante “un sistema de permutas” o predio terminou nunha “poxa fraudulenta” pola que o empresario Pedro Barrié da Maza supostamente adquiriría o ben e vendeullo ao ditador, segundo apunta Jorquera.

Esta operación garda parecido coa do pazo de Meirás, no municipio de Sada, cuxa propiedade é obxecto dun litixio impulsado polo Goberno central contra os herdeiros do ditador Franco por suposto espolio de bens públicos.

Segundo o portavoz do BNG, o suposto espolio da casa Cornide respondía a “un antollo de Carmen Polo”, a esposa de Franco, que quería ter unha vivenda no centro da Coruña.

“Desde o noso punto de vista teñen lexitimidade para actuar tanto o Concello da Coruña como o Estado”, sinalou Jorquera, quen tamén mostrou a súa convicción de que “haberá receptividade por parte doutros grupos municipais” para presentar unha demanda xudicial.

Galiciaé