O Goberno alega que non ten “persoal suficiente” para preparar unha lista dos “segredos oficiais” do Estado a causa do coronavirus.
A elaboración dun documento coa listaxe de “segredos oficiais” decretados ao longo da democracia polos sucesivos gobernos é, a día de hoxe, unha tarefa literalmente imposíbel. Con ese argumento, A Moncloa descartou por completo unha solicitude de información cursada através do Consello de Transparencia e Bo Goberno que ía dirixida, precisamente, a coñecer que temas foron clasificados como secretos nos últimos 45 anos ao abrigo dunha lei franquista que continúa vixente e que, entre outras cousas, dá garantía de opacidade ás exportacións de armamento.
Segundo consta na base de datos do Consello de Transparencia -creado por lei en 2013 para abrir canles de consulta cidadá-, en febreiro de 2020 foi rexistrada unha solicitude de información sobre os “acordos de declaración de segredo oficial asinados polo Consello de Ministros desde 1976 a 2019”.
En concreto, a persoa a cargo da petición -cuxos datos aparecen anonimizados- reclamaba o “número de expediente do acordo, Presidente do Goberno que lidera ese Consello de Ministros, que Ministerio ou persoa propón que sexa declarado segredo oficial, data de asinatura por parte do Consello de Ministros e cal é a información que se declarou como segredo oficial nese expediente”.
Dous días antes de acabar o prazo dun mes que a Lei de Transparencia outorga á administración para dar resposta a estas consultas, o Goberno notificou ao interesado que se vía obrigado a “alargar nun mes adicional o prazo previsto para resolver, dado o volume e a complexidade da información solicitada”. Nesas mesmas datas saltou a pandemia do coronavirus e España entrou en estado de alarma, o cal -segundo lembra o Goberno no documento publicado por Transparencia- “á súa vez implicou a suspensión de prazos administrativos”.
Ante a falta de resposta, en setembro pasado o solicitante presentou un recurso xunto do Consello de Transparencia e Bo Goberno, alegando que se trataba dunha cuestión de indubitábel “interese público” e que, en calquera caso, “mencionar que acordos houbo para clasificar información e que se clasificou en ningún caso supón revelar o contido das informacións clasificadas”.
Ese mesmo mes, o Consello de Transparencia remitiu o expediente ao Ministerio de Presidencia “ao obxecto de que se puidesen facer as alegacións que se considerasen oportunas”. Na súa resposta, o Goberno alegou que “a pandemia provocada pola COVID-19 tivo consecuencias excepcionais no funcionamento da Oficina do Secretariado do Goberno”.
“Como encarregada das funcións de apoio das reunións ordinarias e extraordinarias do Consello de Ministros e das reunións da Comisión Xeral de Secretarios de Estado e Subsecretarios, viu aumentada considerabelmente a súa, xa de por si extrema, carga de traballo e, todo iso, adaptando todos os seus procedementos aos formatos dixitais que esixía a situación”, sinala o Executivo. “Esta situación, sumada á patente escaseza de medios persoais, impediu dar resposta expresa ao interesado recusando o seu pedido”, engade.
Sostén, aliás, que a solicitude de información sobre os segredos oficiais do Estado “obriga a elaborar expresamente un documento mediante a consulta a diferentes bases de datos, arquivos, fontes e precisa o desempeño dunha minuciosa tarefa de estudo e análise de todos e cada un dos Acordos do Consello de Ministros que puideren ser categorizados na petición do interesado, para expurgar deles a información exacta que se solicita”. “Parece tratarse máis dun labor de investigación documental que da petición de acceso a información amparada pola lei”, subliña.
O Ministerio de Presidencia subliña nese documento que “non dispón do persoal necesario para abordar o esforzo que supón a tramitación deste tipo de solicitudes de acceso á información pública”, á vez que sinala que “a escaseza de persoal e as extraordinarias circunstancias provocadas pola COVID-19 fan que abordar este tipo de solicitudes xere unha clara deterioración e atraso no cumprimento das funcións e competencias atribuídas a esta unidade”.
Estes argumentos foron apoiados polo Consello de Transparencia, que noutra resolución determinou que “a información requirida, tendo en conta que a solicitude abranxe desde o ano 1976, está en diferentes soportes, tanto físicos como informáticos, algúns dos cales están en dependencias alleas ao propio Ministerio”.
“Portanto, esa información está espallada e hai que proceder a solicitala, ordenala e entregala ao reclamante, partindo da premisa básica de non existir actualmente esa listaxe de declaracións de segredos oficiais en poder do Ministerio. Así mesmo, o Ministerio manifesta que carece de persoal suficiente para acometer estas tarefas, o que podería supor unha diminución no desempeño das súas obrigacións diarias que ten legalmente encomendadas, dado o volume do solicitado”, engade o Consello.
Uns trinta asuntos
En 1988, o Boletín Oficial do Congreso publicou parte desa información. Trátase en concreto dunha resposta escrita enviada polo Executivo de Felipe González ao deputado de Alianza Popular José Antonio Trillo e López Mancisidor, que pedira ao Executivo unha “relación de temas clasificados como secretos e reservados” desde 1978.
Na resposta aparecen 29 asuntos declarados como “secretos” polos diferentes gobernos entre 1980 e 1986. Entre eles figuran os “programas de guerra electrónica”, os expedientes do Cuartel Xeral da Xunta de Xefes de Estado Maior e do Exército do Aire ou un “proxecto de investigación de sistema de bombas guiadas por laser”.
Danilo Albin