Son capturadas na escuridade da noite, cos ollos vendados e alxemados, maltratadas e forzadas a confesar crimes que non cometeron. Cada ano, Israel arresta case 1.000 crianzas palestinas, algunhas delas menores 13 anos.

 

Era unha tarde escura, tipicamente fría a finais de febreiro na aldea cisxordana de Beit Ummar, entre Belén e Hebrón. O clima non disuadiu os nenos da familia Abu-Ayyash de xogaren e se divertiren fóra de casa. Un deles, disfarzado de Spiderman, meteuse no papel saltando con axilidade dun lugar a outro. De súbito déronse conta de que un grupo de soldados israelitas marchaba polo camiño de terra que cruzaba a rúa. Instanteanamente, as expresións pasan da alegría ao terror, e entran a correr na casa. Non é a primeira vez que reaccionan así, asegura o pai. De feito, converteuse nun padrón desde que Omar, de 10 anos, foi arrestado polas tropas en decembro pasado.

 

Captura de pantalla 2019-08-07 a las 11.57.07

 

Este neno de 10 anos é un dos centos de crianzas palestinas que Israel arresta cada ano: as estimacións oscilan entre 800 e 1000. Algunhas non chegan aos 13 anos, outras son mesmo preadolescentes. Un mapeamento dos lugares onde teñen lugar estas detencións revela un certo padrón: canto máis perto estiver unha aldea palestina dun colonato israelita, máis probábel é que os menores que residen alí sexan postos sob custodia sionista. Por exemplo, na cidade de Azzun, ao oeste do colonato de Karnei Shomron, case non hai unha onde algúns dos seus membros non fose arrestado. As persoas que residen alí din que nos últimos cinco anos, máis de 150 alumna/os da única escola secundaria da cidade foron arrestada/os.

En calquera momento hai ao redor de 270 adolescentes palestinos nos cárceres israelitas. A razón máis xeneralizada do arresto é atirar pedras. As conversas con moitos dos mozos, así como con avogados e activistas de dereitos humanos (incluídos os da organización de dereitos humanos B’Tselem) revelan un certo padrón, mesmo cando deixan moitas preguntas abertas: por exemplo, por qué a ocupación require que os arrestos sexan violentos e por que é necesario ameazar crianzas e adolescentes..

Algúns israelitas, cuxas sensibilidades se senten ofendidas polos arrestos de crianzas palestinas, decidiron mobilizarse e combater o fenómeno. No cadro dunha organización chamada Parents Against Child Detention, os seus aproximadamente 100 membros están activos nas redes sociais e realizan eventos públicos “para aumentar a conciencia sobre a magnitude do fenómeno e a violación dos dereitos dos menores palestinos, e para crear un grupo de presión que funcione para o seu cesamento “, explican. O seu público obxectivo son outros pais, de quen esperan que respondan con empatía ás historias destas crianzas.

 

Captura de pantalla 2019-08-07 a las 11.56.43

 

En xeral, parece que non faltan as críticas ao fenómeno. Alén de B’Tselem, que monitorea o tema regularmente, tamén houbo un protesto desde o estranxeiro. En 2013, UNICEF, a axencia das Nacións Unidas para a infancia, criticou “os malos tratos ás crianzas que entran en contacto co sistema de detención militar, que parece ser xeneralizado, sistemático e institucionalizado”. Un relatorio realizado por especialistas británicos un ano antes concluíu que as condicións a que están sometidas as crianzas palestinas equivalen a tortura, e hai apenas cinco meses a Asemblea Parlamentar do Consello de Europa deplorou a política de Israel de arrestar crianzas menores de idade, declarando: “Deben acabar todas as formas físicas ou abuso psicolóxico de crianzas durante os períodos de arresto, tránsito e espera, e durante os interrogatorios “.

ARRESTOS
Ao redor da metade dos arrestos de adolescentes palestina/os son levados a cabo en casa. Segundo os testemuños, os soldados das Forzas de Defensa de Israel xeralmente irrompen na casa no medio da noite, capturan o menor buscado e afástano (moi poucas adolescentes son detidas), deixando a familia un documento que indica onde está e que cargo se lle imputa. O documento impreso está en árabe e hebraico, mais o comandante da forza xeralmente completa os pormenores só en hebraico, despois entrégao aos pais que talvez non poidan lelo e non saben por que levaron o seu fillo.

A avogada Farah Bayadsi pregunta por qué é necesario arrestar as crianzas desta maneira, en lugar de convocalas para ser interrogadas de maneira ordenada. (Os datos mostran que só o 12 por cento de adolescentes reciben unha citación para ser presentarse a declarar). “Sei por experiencia que cada vez que se pede a alguén que vaia facer preguntas, vai”, sinala Bayadsi. É avogada e traballa con Defense for Children International, unha ONG global que se ocupa da detención de menores e a promoción dos seus dereitos.

“A resposta que xeralmente recibimos é que se fai desta maneira ‘por razóns de seguranza’. Iso significa que é un método deliberado, que non está destinado só a fichar menores de idade, senón a causarlles un trauma para sempre” – Farah Bayadsi, Defense for Children International

De feito, como a Unidade de Portavoces das FDI declarou a Haaretz: “A maioría dos arrestos, tanto de adultos como de menores, son levados a cabo pola noite por razóns operativas e debido ao desexo de preservar un tecido de vida ordenado e executar no punto accións específicas sempre que sexa posíbel”.

Ao redor do 40 por cento da/os menores son detida/os na esfera pública, xeralmente en incidentes relacionados co lanzamento de pedras aos soldados. Ese foi o caso de Adham Ahsoun, de Azzun. Nese momento, tiña 15 anos e volvía a casa dunha tenda local. Non moi lonxe, un grupo de nenos comezara a atirar pedras aos soldados, antes de saír correndo. Ahsoun, que non fuxiu, foi detido e levado a un vehículo militar. Unha vez dentro, foi golpeado por un soldado. Uns cuantos nenos que viron o que pasou correron á súa casa para contarllo á nai. Agarrando o certificado de nacemento do seu fillo, correu cara á entrada da cidade para demostrar aos soldados que era un neno. Mais foi demasiado tarde; o vehículo xa partira, marchara a unha base do exército próxima, onde esperaría a ser interrogado.

Por lei, suponse que os soldados deben alxemar as crianzas coas mans diante, mais en moitos casos faise coas mans atrás. Ademais, ás veces as mans da crianza son demasiado pequenas para as alxemar, como dixo un soldado da brigada de infantaría de Nahal á ONG Breaking the Silence. Nunha ocasión, relatou, a súa unidade arrestou un neno “duns 11 anos”, mais as alxemas eran demasiado grandes para atar as pequenas mans.

 

Captura de pantalla 2019-08-07 a las 11.57.36

 

A seguinte etapa é a viaxe: a/os menores son levada/os a unha base do exército ou unha estación de policía nun colonato próximo, cos ollos vendados con flanela. “Cando tes os ollos vendados, a túa imaxinación lévate aos lugares máis aterradores”, di un avogado que representa mozos palestinos. Moitas das crianzas arrestadas non entenden o hebraico, polo que unha vez que son empurradas ao vehículo do exército fican completamente separadas do que acontece ao seu redor.

Na maioría dos casos, as crianzas alxemadas, de ollos vendados, son levadas dun lugar a outro antes de seren interrogadas. Por veces é deixada fóra, á intemperie, por un tempo. Alén da incomodidade e o desconcerto, o movemento frecuente presenta outro problema: moitos actos de violencia, en que os soldados baten na persoa detida, fican sen documentar.

Unha vez na base do exército ou na escuadra de policía, a/o menor é colocada/o, aínda alxemada/o e cos ollos vendados, nunha cadeira ou sobre o chan durante unhas horas, xeralmente sen lle daren nada para comer. A “viaxe sen fin ao inferno” é como Bayadsi describe este proceso. A lembranza do incidente, acrecenta, “aínda está alí mesmo anos despois da liberación da crianza. Implanta nela un sentimento continuo de falta de seguranza, que permanecerá con ela durante toda a vida”.

O testemuño brindado a Breaking the Silence por un sarxento das FDI sobre un incidente en Cisxordania ilustra a situación desde o outro lado: “Foi a primeira noite de Hanukkah. Dous nenos atiraban pedras na estrada 60, no camiño. Entón agarrámolos e levámolos á base. Os ollos vendados con flanela e as mans alxemadas diante, con alxemas de plástico. Parecían novos, de entre 12 e 16 anos”.

Cando os soldados se reuniron para acender a primeira vela da festividade de Hanukkah, os detidos ficaron fóra. “Estabamos gritando e facendo ruído e tocando tambores”, lembrou o soldado, e sinalou que asumiu que os nenos non sabían hebraico, aínda que talvez si entenderon as maldicións que escoitaron. “Diciamos sharmuta [puta] e outras palabras en árabe. Como poderían saber que non falábamos deles? Probabelmente pensarían que en calquera momento íamos cociñalos”.

INTERROGATORIO
O pesadelo pode ser de diferente duración, relatan ex detidos. Entre tres e oito horas despois do arresto, momento en que o mozo está canso e famento e mesmo sufrindo dor despois de ter sido golpeado, asustado polas ameazas e sen sequera saber por que está alí, é levado para interrogar. Esta pode ser a primeira vez que tira a venda e ten libres as mans. O proceso xeralmente comeza cunha pregunta xeral, como ‘Por que atiras pedras aos soldados?’. O resto é máis intenso: unha enxurrada de preguntas e ameazas, cuxo obxectivo é lograr que o adolescente asine unha confesión. Nalgúns casos, prometeselle que se asina, daranlle algo para comer.

Segundo os testemuños, as ameazas dos interrogadores diríxense directamente á crianza (“Pasarás toda a vida no cárcere”) ou á familia (“Traerei túa nai aquí e matareina diante dos teus ollos”), ou no sustento da familia (“Se non confesas, retiraremos a autorización do teu pai para traballar en Israel; pola túa culpa, ficará sen traballo e toda a familia pasará fame”).

“O sistema mostra que a intención aquí é principalmente demostrar a superioridade”, suxire Bayadsi. “Se o neno confesa, hai un arquivo; se non confesa, ingresa no círculo criminal de todos os xeitos e sente seriamente intimidado “.

 

Captura de pantalla 2019-08-07 a las 11.56.21

 

PRISIÓN
Xa sexa que o rapaz ou a rapariga detida/o teña ou non asinado unha confesión, a seguinte parada é a prisión. Ou Meguido, na Baixa Galilea, ou Ofer, ao norte de Xerusalén. Khaled Mahmoud Selvi tiña 15 anos cando o levaron a prisión en outubro de 2017 e ordenáronlle despirse para unha revista corporal (como no 55 por cento dos casos). Durante 10 minutos obrigárono a permanecer nu, xunto con outro neno, e no inverno.

Os meses de detención, á espera de xulgamento e máis tarde, se son condenados, pásanse na ala xuvenil das instalacións para os presos de seguranza. “Non falan coas familias durante meses e despois é permitida unha visita ao mes, através do vidro”, relata Bayadsi.

Son arrestadas menos nenas palestinas que nenos. Mais non hai instalacións especiais para elas, polo que están recluídas na prisión de Sharon para mulleres, xunto coas adultas.

O XULGAMENTO
A sala do tribunal adoita ser o lugar onde os pais ven por primeira vez o fillo ou a filla, por veces varias semanas despois do arresto. As bágoas son a reacción máis común, el/a vestirá o uniforme da prisión e levará alxemas, e unha nube de incerteza sobre sobre a cabeza. Os gardas do Servizo de Prisións de Israel non permiten que nais e pais se acheguen á/os detida/os e deben sentar no banco dos visitantes. O consello de defensa págao a familia ou a Autoridade Palestina.

Nunha recente audiencia de prisión preventiva para varios adolescentes, un neno non deixou de sorrir ao ver á nai, en tanto outro baixou os ollos, talvez para ocultar as bágoas. Outro detido susurrou á avoa, que viñera a visitalo: “Non te preocupes, dilles a todos que estou ben”. O seguinte neno permaneceu en silencio e observou á nai dicirlle: “Omari, quérote”. En tanto as crianzas e a familia tentan trocar algunhas palabras e olladas, o procedemento avanza. Como se fose un universo paralelo.

 

Captura de pantalla 2019-08-07 a las 11.56.33

+

O ACORDO
A grande maioría dos xulgamentos para menores termina nun acordo de culpabilidade: safka en árabe, unha palabra que as crianzas palestinas coñecen ben. Mesmo se non hai probas contundentes para implicar a crianza no lanzamento de pedras, unha súplica é a miúdo a opción preferida. Se o detido non está de acordo, o xulgamento podería durar moito tempo e permanecerá sob custodia até o proceso acabar.

A condena depende case por completo da evidencia dunha confesión, di o avogado Gerard Horton, da Garda da Corte Militar Británica-Palestina, cuxo relatorio, segundo o seu sitio web, implica “monitorear o tratamento das crianzas en detención militar israelita”. Segundo Horton, que ten a sede en Xerusalén, os menores terán maior propensión a confesar se non coñecen os seus dereitos, asústanse e non reciben apoio ou alivio até confesaren. Ás veces, din a un detido que non confesa que poderá ter de enfrontar unha serie de aparicións no tribunal. Nalgún momento, mesmo o mozo máis duro acaba por desesperar, explica o avogado.

A Unidade de Portavoces das FDI declarou en resposta a isto: “Os menores teñen dereito a ser representados por un avogado, como calquera outro acusado, e teñen o dereito de levar a cabo a súa defensa da forma que elixan. Por veces, elixen admitir a culpabilidade no cadro dun acordo de culpabilidade, mais se se declaran inocentes, lévase a cabo un procedemento que implica escoitar probas, como os procedementos levados a cabo en [tribunais civís en] Israel, ao final dos cales se tomará unha decisión legal. As deliberacións son establecidas en pouco tempo e levadas a cabo de maneira eficiente e os dereitos dos acusados están “garantidos”.

ADMINISTRANDO A COMUNIDADE
Segundo os datos recompilados pola ONG británico-palestina, o 97 por cento dos rapaces arrestados polas FDI viven en lugares relativamente pequenos que están a non máis de dous quilómetros de distancia dun colonato. Hai moitas razóns para que sexa así. Unha implica a fricción constante, física e xeográfica, entre palestinos, por unha banda, e soldados e colonos.

No caso de incidentes de lanzamento de pedras, di, a suposición do comandante é que os palestinos involucrados son novos, entre 12 e 30 anos, e que proveñen da aldea máis próxima. A miúdo, o oficial recorre ao colaborador residente na aldea, que lle proporciona os nomes dalgúns nenos.

O seguinte movemento é “entrar na aldea pola noite e arrestalos”, continúa Horton. “E se estes rapaces foron os que atiraron as pedras ou non, dá igual, xa asustaron toda a aldea”, o cal, segundo el, é unha “ferramenta eficaz” para administrar unha comunidade.

 

“Cando tantos menores son arrestados desta maneira, está claro que algúns deles serán inocentes. O importante é que isto aconteza continuamente, porque as crianzas crecen e aparecen novas crianzas en escena. Cada xerazón debe sentir o forte brazo das FDI” – Gerard Horton, avogado da Garda da Corte Militar Británico-Palestina

 

 

Captura de pantalla 2019-08-07 a las 11.56.10

 

Segundo a Unidade de Porta-voces das FDI: “Nos últimos anos, moitos menores, algúns deles moi novos, estiveron involucrados en incidentes violentos, incitación e mesmo terrorismo. Nestes casos, non hai outra alternativa que instituir medidas, incluídos o interrogatorio, a detención e o xuízo, dentro dos límites e segundo o estipulado pola lei. Como parte destes procedementos, as FDI operan para defender e preservar os dereitos dos menores. Ao facer cumprir a lei contra eles, tense en conta a súa idade”.

O servizo de seguranza Shin Bet declarou en resposta: “O Shin Bet, xunto coas FDI e a Policía de Israel, opera contra todos os elementos que ameazan danar a seguranza de Israel e a cidadanía do país. As organizacións terroristas fan un uso extensivo de menores e recrútanos para levaren a cabo actividades terroristas, e existe unha tendencia xeral a involucrar menores en actividades terroristas como parte de iniciativas locais. Os interrogatorios de supostos terroristas son levados a cabo por Shin Bet ao abrigo da lei, e están suxeitos a supervisión e revisión interna e externa, mesmo en todos os niveis do sistema xudicial. Os interrogatorios de menores son levados a cabo con maior sensibilidade e tendo en conta a súa curta idade”.

KHALED MAHMOUD SELVI, ARRESTADO AOS 14 ANOS
“Fun arrestado cando tiña 14 anos, todos os nenos da familia foron arrestados esa noite. Un ano despois, fun arrestado novamente, co meu primo. Dixeron que queimara pneumáticos. Aconteceu cando durmía. Acordoume miña nai. Pensei que era hora de ir á escola, mais cando abrín os ollos vin soldados encima de min. Mandáronme vestir, alexemáronme e leváronme fóra. Levaba unha camisa de manga curta e ía frío esa noite. A miña nai rogoulles que me deixasen pór unha chaqueta, mais non deixaron. Finalmente, atiroume a chaqueta, mais non me deixaron meter os brazos nas mangas”.

“Leváronme ao colonato de Karmei Tzur cos ollos vendados e tiven a sensación de que conducían en círculos. Despois, cando íamos camiñando empurráronme a un foxo que había no camiño, e caín. Dalí leváronme a Etzion [estación de policía]. Alí metéronme nun cuarto, e os soldados pasaban o tempo entrando e saindo, e dándome pontapés. Alguén pasou e dixo que se non confesaba, deixaríanme no cárcere para o resto da miña vida”.

“Ás 7 a.m., dixéronme que ía comezar o interrogatorio. Pedín ir ao baño antes. Tiño os ollos ainda vendados e un soldado puxo unha cadeira diante de min. Tropecei. O interrogatorio durou unha hora. Dixéronme que me viran queimar pneumáticos e que interfería co tránsito aéreo. Díxenlles que non era eu. Non vin un avogado até a tarde, e el pediu aos soldados que nos trouxesen comida. Era a primeira vez que comía desde que fora arrestado a noite anterior”.

“Ás 7 p.m., enviáronme á prisión de Ofer e permanecín alí seis meses. Nese período, estiven no tribunal máis de 10 veces. E tamén houbo outro interrogatorio, porque a un amigo meu dixéronlle cando era interrogado que se non confesaba e informaba sobre min, traerían a súa nai e dispararíanlle ante os seus ollos. Entón el confesou e informou. Non estou indignado con el. Foi o seu primeiro arresto, estaba asustado.”

KHALED SHTAIWI, ARRESTADO AOS 13 ANOS
A historia de Khaled é contada polo pai, Murad Shatawi: “A noite en que foi arrestado, acordoume unha chamada telefónica do meu sobriño. Dixo que a casa estaba rodeada de soldados. Levanteime e vestinme, porque esperaba que me arrestasen, debido ás manifestacións non violentas que organizo nas sextas-feiras. Nunca imaxinei que levarían o Khaled. Preguntáronme os nomes dos meus fillos. Cando dixen Khaled, dixeron: Si, el. Estamos aquí para o levar. Estaba en estado de shock, viñeran moitos soldados para arrestar un neno de 13 anos.

“Alxemáronno e vendáronlle os ollos, levárono a pé para o leste, ao colonato de Kedumim, maldecíndoo e mallando nel todo o tempo. Vino todo desde a xanela. Déronme un documento que mostraba que era un arresto legal e que podía ir á escuadra da policía. Cando cheguei alí, vino através dun pequeno buraco na porta. Estaba alxemado e cos ollos vendados”.

“Ficou así desde o momento en que o arrestaron até as 3 da tarde do día seguinte. Esa é unha imaxe que non me abandona; Non se como continuarei vivindo con esa imaxe na cabeza. Foi acusado de atirar pedras, mais despois de catro días puxéronno en liberdade, porque non confesou e non había outra proba en contra del. Durante o xulgamento, cando o xuíz quería falar con Khaled, tiña que inclinarse para adiante se quería velo, porque Khaled era moi pequeno”.

“Como foi velo así? Eu son o pai, iso dio todo. Non falou diso desde que saíu, hai tres meses. É un problema. Agora estou a organizar un “día de psicoloxía” na aldea, para axudar todas as crianzas que foron arrestadas. De 4.500 persoas no aldea, 11 crianzas menores de 18 anos foron arrestadas; cinco eran menores de 15 anos “.

OMAR RABUA ABU AYYASH, ARRESTADO AOS 10 ANOS
Omar parece pequeno para a súa idade. É tímido e calado, e é difícil falar con el sobre o arresto, polo que os membros da familia contan por el o acontecido.

A nai de Omar: “Foi ás 10 a.m. na sexta-feira, cando non hai escola. Omar estaba a xogar na área fronte á casa, guindou pedras aos paxaros que cantaban na árbore. Os soldados, que estaban na torre de vixilancia alén do camiño aquí, deixaron o que estaban a facer e foron correndo cara a el. el botou a correr, mais eles apañáronno e derrubárono. Comezou a chorar e mollou os pantalóns. Déronlle un par de pontapés”.

“A avoa, que vive aquí abaixo, saiu inmediatamente e tratou de afastalo dos soldados, o que provocou unha loita e berros. Ao final, deixárono só e el foi a casa e puxo pantalóns secos. Un cuarto de hora despois, os soldados regresaron, esta vez co comandante, que dixo que tiña que arrestar o neno por guindar pedras. Cando os outros nenos da familia viron os soldados na casa, tamén mollaron os pantalóns”.

O pai de Omar retoma a historia: “Díxen ao comandante que tiña menos de 12 anos e que tiña que acompañalo, así que montei con el no jeep ao colonato de Karmei Tzur. Alí os soldados dixéronlle que non atirase máis pedras, e que se el vía outros nenos facéndoo, debería contarllo a eles. Dalí levárono ás oficinas da Autoridade Palestina en Hebrón. Toda a historia levou ao redor de 12 horas. Déronlle unhas bananas para comer durante esas horas. Agora, cada vez que as crianzas ven un jeep militar ou soldados, entran na casa. Desde aquela deixaron de xogar fóra. Antes do incidente, os soldados costumaban vir xogar fútbol cos nenos. Agora tamén deixaron de vir “.

MUHMEN TEET, ARRESTADO AOS 13 ANOS
“Ás 3 a.m., escoitei bater na porta. Papá entrou no cuarto e dixo que había soldados na sala de estar e quería que lle mostrásemos os billetes de identidade. O oficial ao mando dixo ao meu pai que me levarían a Etzion para interrogarme. Fóra, alxemáronme, vendáronme os ollos e metéronme nun vehículo militar. Fomos á casa do meu primo; Tamén o arrestaron. Desde alí fomos a Karmei Tzur e esperamos, alxemados e cos ollos vendados, até a mañá”.

“Pola mañá, só levaron o meu primo para interrogalo, a min non. Despois do seu interrogatorio, leváronnos á prisión de Ofer. Despois dun día alí, leváronnos de regreso a Etzion e dixeron que ían interrogarme. Antes do interrogatorio, leváronme a un cuarto, onde había un soldado que me esbofeteou. Despois de mallar en min, levoume á sala de interrogatorios. O interrogador dixo que eu era responsábel de queimar pneumáticos, e por iso ardera o bosque que está perto da casa. Dixen que non era eu e asinei un documento que me deu o interrogador. O documento tamén se imprimiu en árabe, mais o interrogador completouno en hebraico. Leváronme de volta á prisión de Ofer”.

 

Imaxes do arresto de Muhmem Teet

 

“Tiven sete audiencias no tribunal, porque na primeira audiencia dixen que non tiña a intención de confesar, que simplesmente non entendín o que asinara e que non era verdade”. Entón enviáronme de regreso para outro interrogatorio. Novamente non confesei. Despois enviáronme a interrogatorio outra vez e novamente non confesei. Así foi en tres interrogatorios. Ao final, o meu avogado chegou a un acordo co fiscal de que se confesaba no tribunal, o que fixen, e a miña familia pagaba 4.000 shekels, sería posto en liberdade. Son un bo estudante, gústame o fútbol, tanto xogar como velo. Desde o arresto, apenas saio fóra”.

Netta Ahituv ( Hareetz). Tradución para español de Eulixe

Fotos de Juan Teixeira