Víctor Sampedro (Viveiro, 1966), catedrático de Opinión Pública e Comunicación Política (URJC), leva anos traballando estas cuestións en obras como Opinión pública y democracia deliberativa; medios, sondeos y urnasLa Pantalla de Las Identidades: Medios de Comunicación, Política y Mercados de Identidad, El cuarto poder en red: por un periodismo (de código) libre ou a recente Dietética Digital. Para adelgazar al Gran Hermano. Ou no seu espazo no xornal Público,El Cuarto Poder en Red.

No mes de outubro comezou a impartir no CGAI coruñés, no marco do Plan Proxecta un curso no que un grupo de docentes de ensino secundario afondan en cuestións de pedagoxía dixital contidas en Dietética Digital.  Posteriormente, este grupo de docentes traballarán con alumnos de 3º de ESO a 1º de BAC ou Formación Profesional de dez centros de ensino de toda Galicia, afondando sobre as dinámicas e reflexións extraídas nas formacións do CGAI para poderen, á súa vez, debatelas con outros alumnos do mesmo centro. O obxectivo é que os propios alumnos tomen conciencia do seu papel ante a tecnoloxía e se convertan en prescritores para outros compañeiros. Falamos con el.

 

“O decreto é indicativo dunha xudicialización crecente das expresións de disenso e protesta, unha xudicialización que se produce ademais con interferencias constantes do poder político”

 

Primeiro, o máis recente. Como valoras o decreto aprobado hai uns días polo Goberno que facilita o peche de páxinas web sen orde xudicial en base a unha suposta “ameaza grave e inmediata para a orde pública”?

Este decreto é completamente inapropiado. Modifica por decisión dun Goberno en minoría e en funcións leis fundamentais que deberían ser reguladas por unha maioría de dous terzos do Parlamento, como unha Lei Orgánica. É, ademais, unha lei feita en período electoral, alterando as regras de xogo democrático. En terceiro lugar, a decisión prodúcese nunha situación de crise e non hai nada peor que regular dereitos nunha situación de crise.

Todos os recortes de liberdades que se aplican en Internet acaban sendo traducidos despois ás rúas. O futuro apunta a un camiño moi perigoso, que xa estamos vendo dende hai un tempo. Porque este decreto aplicouse xa, sen estar sequera aprobado, o 1 de outubro de 2017 en Catalunya. O decreto é indicativo dunha xudicialización crecente das expresións de disenso e protesta, unha xudicialización que se produce ademais con interferencias constantes do poder político sobre a xustiza. Chama a atención, finalmente, a inconsciencia por parte de medios e xornalistas sobre a interferencia e o prexuízo que isto ten sobre o seu traballo.

 

“Chama a atención a inconsciencia por parte de medios e xornalistas sobre a interferencia e o prexuízo que isto ten sobre o seu traballo”

 

Dá a impresión de que non hai unha resposta firme a este e a outros recortes de liberdades por parte da sociedade, sobre todo cando o pano de fondo é Cataluña. A que cres que se debe isto?

Arrastramos dende hai moito tempo unha cultura política, ou incultura poderíamos dicir, moi perigosa. Cando hai unhas semanas un grupo de persoas nos autoinculpamos polo tema dos Jordis, custounos moito sumar 30 sinaturas. Estamos nese punto de ‘primeiro foron polos xudeus, pero eu non era xudeu’. E os xudeus da política española estaban sempre moi claros: o vasco abertzale e o catalán secesionista.

 

“A liberdade de expresión debe traducirse sempre na defensa desa liberdade de expresión para aqueles cos cales non estás de acordo”

 

No caso concreto da liberdade nas redes sociais, dá a impresión de que tampouco houbo nos últimos anos unha defensa da liberdade de expresión como un dereito absoluto, senón que dende cada bando se aplaude a censura ao bando contrario e se denuncia unicamente cando ‘un dos nosos’ é o perseguido…

A liberdade de expresión debe traducirse sempre na defensa desa liberdade de expresión para aqueles cos cales non estás de acordo, en asumir que haxa discrepancia e que pode haber cousas que non che van gustar. Pero neste país reclámase unicamente a liberdade de expresión para o teu altofalante, para a xente do teu bando e négase por completo a do contrario. E, ademais, cando es ti o atacado o máis habitual é facerse a vítima.

O caso máis claro disto último é o de VOX. Grupos como VOX fan pasar como censurados ou perseguidos o que son contidos hexemónicos (por exemplo o discurso machista) ou que están presentes nas elites e nos sectores máis reaccionarios. E valéndose dese argumento preséntanse como vítimas, buscan adquirir unha lexitimidade que non teñen.

 

“Non é que ‘pasarán’, é que xa pasaron. VOX tivo o maior apoio que un partido extraparlamentario e ademais situado fóra da Constitución recibiu nunca neste país”

 

Ata que punto debemos estar preocupados polo ascenso de VOX e das súas ideas?

O perigo é que temos un país inviable e que aqueles que representan as institucións degradáronas ata tal límite que un grupo que invoca un pasado negro, que era rexeitado pola maioría da poboación, pode agora chegar a monopolizar a axenda dos partidos de dereitas e a censurar e condicionar moito a do PSOE. Non é que ‘pasarán’ ou ‘non pasarán’, é que xa pasaron.

VOX tivo o maior apoio mediático que un partido extraparlamentario e ademais situado fóra da Constitución recibiu nunca neste país. Por exemplo, sendo convidado aos debates electorais ou a programas de máxima audiencia como El Hormiguero. Creo que non somos conscientes do que está sucedendo. Ti imaxina que VOX tivera a metade da crítica mediática, das investigacións policiais e xudiciais que perseguiron a Podemos dende o minuto cero da súa aparición. Pero a realidade foi moi distinta.

 

Presentación do Máster en Comunicación, Cultura e Cidadanía Dixitais CC-BY-SA Medialab
“Todo o que aparece nunha pantalla o que fai é actuar con escenificacións que chaman a atención e cunha mensaxe que pretende ser informativa, pero é publicitaria”

 

Un dos fenómenos de comunicación política que está adquirindo máis forza nos últimos anos é a utilización de estratexias de mobilización ou desmobilización do voto a través das redes sociais, en ocasións mesmo con campañas de bandeira falsa, como acabamos de ver nas últimas semanas en España. Semella que é un fenómeno que aínda non chegou á política española coa forza que tivo, por exemplo, en Brasil, Reino Unido ou Estados Unidos, pero que é crecente….

A comunicación política xa non pon en comunicación nada, xa non apela a ningunha comunidade, é puro marketing político. Todo o que aparece nunha pantalla, todo o que emite dende un púlpito con representatividade, o que fai é actuar como un troll, con escenificacións que chaman a atención e cunha mensaxe que pretende ser informativa, pero é publicitaria. Porque esa é a lóxica destas contornas dixitais: atrapar a atención e xerar división. E iso é o que importa, con independencia de que estean debilitando a democracia. Xa está a pasar. Isto, ademais, só o poden facer aqueles que teñen cartos suficientes, de aí que o perigo sexa maior.

A esta perigosidade engádese o enorme poder que lle fomos dando a megacorporacións como Google ou Facebook, que chegan a case monopolizar as redes e o que nelas se emite, mesmo a información ou as mensaxes políticas…

A deixación de responsabilidade por parte dos usuarios é total e absoluta. Seguimos devorando algoritmos que están esnaquizando as nosas democracias, seguimos sen preservar a nosa identidade dixital e sen preservar os nosos datos. Somos vítimas propiciatorias simplemente pola vantaxe de poder utilizar unhas ferramentas que pensamos que son gratis. Pero tamén os poderes públicos teñen a súa responsabilidade, eles foron os primeiros en alimentar o poder destas estratexias e non fixeron nada por limitar o seu tamaño e alcance. E, igualmente, os medios e os xornalistas son reféns destes procesos.

 

“A única forma de combater as fake news é crear unha contorna comunicativa que ofreza aquilo que as fake news negan: evidencias contrastadas, argumentación lóxica”

 

Como podemos combater as fake news?

A única forma de combater as fake news é crear unha contorna comunicativa que ofreza aquilo que as fake news negan: evidencias contrastadas, argumentación lóxica e unha ética de depuración e limpeza da esfera pública: é dicir, a nós non nos poden falar aqueles que menten, que nos enganan ou que son uns incompetentes. Cando o xornalismo ofreza este espazo, poderemos dirixir alí á xente, e acordar que puntos temos en común, que puntos aceptamos e cales non. O problema das fake news é que vén de moi atrás: antes de haber internet, unha parte do xornalismo xa era fake. Compúñase de noticias prefabricadas, ou procedentes de tramas ocultas, de intereses espurios ou que intentaban intoxicar a opinión pública con certezas que non eran tales.

 

“Imos no camiño contrario e o que facemos é alimentar estas maquinarias de extracción de datos que están a degradar as nosas contornas persoais, colectivas e sociopolíticas”

 

Dá a impresión de que a efectividade e o poder destas campañas vese incrementado por chegar á cidadanía a través de redes sociais (Facebook) ou mesmo redes persoais (grupos de whatsapp) que dan a impresión de seren espazos privados ou semi-privados (os meus amigos) nos que a xente ergue menos filtros e controis para protexerse da propaganda ou das mentiras…

No século XXI ningunha liberdade ou dereito que non teña a súa plasmación dixital vai poder ser efectivo. A cidadanía ou é dixital ou non o é. E unha cidadanía realmente dixital debería superar a condición de cliente ou consumidor, pero isto non está a suceder. Os mesmos nativos dixital son puros analfabetos dixitais, e por suposto todos os demais tamén. É imposible que haxa democracias sen crear previamente cidadáns dixitais. Pero imos no camiño contrario e o que facemos é alimentar estas maquinarias de extracción de datos que están a degradar as nosas contornas persoais, colectivas e sociopolíticas.

Outro dos temas que chamou a atención nas últimas semanas foi a nova de que o INE lles vai mercar ás compañías telefónicas unha serie de datos de posición dos nosos teléfonos móbiles para a realización dun estudo sobre mobilidade. Isto reabriu o debate sobre a privacidade. Como o valoras?

Os datos das enquisas do CIS son públicos. Isto é así porque todos contribuímos a elas, cos nosos impostos e tamén respondendo ás súas preguntas. Os datos son un ben público. Se o INE ten datos nosos sobre mobilidade, ou os fai públicos ou non está a cumprir coa súa misión.

 

“O primeiro que hai que facer é desconectarse temporalmente para volver colocar obxectivos que estean baixo o teu control, que sexan colectivos e que non sexan unicamente a autopromoción e o autobombo”

 

Cando Internet botou a andar como unha ferramenta social, hai xa unhas décadas, fíxoo cuns ideais de colaboración, de democratización do debate, e de rexeitamento do control público ou privado das redes. Dende logo, o panorama mudou moito. Que queda daquela utopía dixital e, sobre todo, como pode a cidadanía reapropiarse dese espazo e desas ferramentas?

O primeiro que hai que facer é desconectarse, desconectarse temporalmente para volver colocar obxectivos que estean baixo o teu control, obxectivos que sexan colectivos e que non sexan unicamente a autopromoción e o autobombo. Evidentemente isto pasa por un coñecemento, por unha alfabetización tecnolóxica e dixital. E que sexa crítica, moi reflexiva, que replantexe o uso e as pedagoxías que lles estamos amosando aos máis novos e tamén aos maiores. Internet xa non é o que era, hoxe son as grandes corporacións tecnolóxicas e as industrias do marketing quen están controlando as redes e o uso principal que se fai delas e tamén a comunicación política. A regresión queda moi clara cando un ve que o 15M xorde en parte por unha lei antidescargas e oito anos despois temos aquí unha lei mordaza sobre Internet e un 155 dixital.

 

“A regresión queda moi clara cando un ve que o 15M xorde en parte por unha lei antidescargas e oito anos despois temos aquí unha lei mordaza sobre Internet e un 155 dixital”

 

Dende hai unhas semanas estás a dirixir na Coruña un curso sobre pedagoxía dixital dirixido a profesorado de secundaria, que despois levarán aos seus centros e alumnado eses contidos e debates. Como está a ser a experiencia?

A resposta é fantástica, e a miña sorpresa é que sexa un curso oficial e que a Xunta estea sendo pioneira nisto a través do Centro de Recursos do Profesorado. O feito de reunirte con 15 mestres que están debatendo estas cuestións, ao tempo que amosas capítulos de Black Mirror, para que despois leven estes contidos e estes debates ás súas aulas, é fantástico. É unha mostra de que se poden facer moitas cousas e avanzar moito neste terreo. O que fai falta é gañas de facelo e percibir a extrema urxencia de abordar estes temas, comezando polos centros de ensino.

 

Análise do custo dun dos anuncios da campaña para desmobilizar a esquerda vía Facebook CC-BY-SA eldiario.es
O colectivo @BotsPoliticosNo identificou un gran número de perfís falsos operando en campañas do PP galego Dominio Público @BotsPoliticosNo