Un vídeo divulgado nesta segunda-feira através de Facebook e Twitter mostra como un axente malla a bastonadas e chega a espetar un “vou rebentarte” a un mozo. As imaxes foron tomadas en Xixón na madrugada do pasado sábado, e nelas pode verse como os axentes presentes tamén deteñen unha moza. A Policía admitiu que as imaxes son reais, mais asegura que todo forma parte dunha actuación máis longa e defende os policías que a protagonizaron.

A gravación foi subida a Facebook por unha moza xixonesa chamada Tatiana, e despois viralizouse através desta rede e de Twitter. En conversa co xornal dixital eldiario.es, Tatiana admite que o vídeo non foi gravado por ela, mais que decidiu subilo nas súas redes pola indignación que lle causaba. “Non entendo que batan no mozo e despois non o deteñan. É unha agresión en toda regra”, asegura

A Policía de Xixón ofrece unha versión moi diferente do acontecido. Mais admiten que o que aparece no vídeo forma parte da actuación de dous dos seus axentes, o que motivou a abertura dunha información reservada para investigar os feitos.

Nun comunicado enviado aos medios, as forzas de seguranza afirman que os dous cidadáns “en estado ebrio e desobedecen reiteradamente as indicacións dos axentes para abandonaren ese recinto”. Tamén que a gravación mostra un fragmento dun episodio moito máis longo, en que “insisten en numerosas ocasións para que esas persoas marchen do lugar onde non se pode permanecer”.

O momento máis conflituoso é o do mozo que recibe dúas bastonadas propinadas polo mesmo axente, que é o mesmo que exclama “que marches fora, que vou rebentarte” despois de o ter agredido. A Policía non di nada sobre esta frase ameazante nin fai mención ao uso do porrete. A súa explicación limítase a que o mozo “se encara cos axentes, resistíndose de forma pasiva á actuación e ese é momento que se extracta no intervalo de imaxes que se observa no vídeo”.

A Policía xixonesa sinala ademais que o home e a muller que aparecen “viñan dun bar próximo onde ao parecer participaran nunha pelexa”, un feito do que non se teñen máis datos e que só aparece na versión policial. E engaden: “Apesar dos constantes intentos para que abandonasen a zona de forma voluntaria, non atenderon as ordes dos policías. A muller mesmo se agarrou ás portas do coche e negouse a soltalas, polo que foi detida por desobediencia”.

Alén do comunicado, eldiario.es preguntou á Policía Nacional polas palabras dirixidas polo axente ao home e o uso do porrete contra el que se pode ver no vídeo. As forzas de seguranza insistiron en remitirse a ese texto e á investigación aberta por medio da información reservada, que determinará se procede abrir algún expediente disciplinar aos axentes protagonistas.

Fonte: eldiario.es