Na semana pasada fíxose público un caso moi grave de violencia institucional na prisión de Villena, en Alacant. O caso tomou relevancia pública debido a que a subdirectora da prisión sufriu agresións o día antes de declarar como testemuña no Xulgado por un caso de malos tratos que implicaba a tres funcionarios do centro. Agredíronna ao mesmo tempo que a instaban, sen que ela puidese recoñecer o rostro dos agresores, a estar “caladiña” nos Xulgados.

 

                          Exterior do cárcere de Villena (Alacante). EFE/Arquivo

 

Por Andrés García Berrio

A subdirectora non foi testemuña presencial dos feitos. De feito, unha das características da violencia institucional en prisión é que, alén dos autores dos delitos de tortura ou malos tratos, nunca adoita haber testemuñas. Digo autores, porque neste tipo de delitos non só ostenta a autoría quen realiza as agresións, senón tamén aquelas ou aqueles funcionarios/as que, estando presentes, non fixesen nada para as impedir. Mais a subdirectora custodiaba unha proba obxectiva dos feitos: as imaxes captadas polas cámaras de vídeo-vixilancia instaladas nos corredores (no interior das celas non hai cámaras, salvo nas que se aplica contención mecánica).

As cámaras, con diferenza ao que acontece noutras moitas ocasións, non eliminaron as imaxes, que permanecían sen alterar e custodiadas por unha funcionaria que quixo cumprir coas obrigacións que supón o seu cargo. E así o fixo, apesar das agresións e as ameazas. Un exemplo como o seu debería ser determinante para transformar a cultura corporativa frecuente de encubrimento da violencia institucional exercida por outros funcionarios ou funcionarias. Infelizmente opera unha especie de omertá entre as forzas e corpos de seguranza do Estado así como entre o funcionariado de prisións ante casos como este.

O principal desafío que temos como sociedade é pasar da cultura da omertá a unha cultura de servizo público responsábel respecto dos dereitos da cidadanía. Pasar do silencio á denuncia. Pasar da impunidade e a tolerancia por compañeiros e mandos dos autores, á tolerancia cero e a contundencia sancionadora interna ante casos de violencia institucional. Para protexer tanto os dereitos da cidadanía, como a integridade e dignidade dos corpos policiais e de funcionarios/as de prisión.

Un exemplo desta preocupante situación publicámola desde Irídia no noso relatorioi anual de 2020: en apenas 3 dos 60 litixios de violencia institucional en que exercemos a acusación o propio corpo policial facilitou a autoría. Estes casos son tanto de prisión, como do CIE de Barcelona como de situacións en que actuaban corpos policiais.

Unha das mellores medidas para acabar coa impunidade é a instalación de cámaras de vídeo-vixilancia que conten con sistemas de conservación e protección das imaxes efectivos. Apesar das queixas de sindicatos de prisión, as organizacións de dereitos humanos logramos en Catalunya que o Departamento de Xustiza adoptase a decisión de conservar as imaxes por un tempo de 6 meses. É determinante, porque en moitas prisións ou comisarías as imaxes non chegan nunca a Xulgados porque se grava encima pasados 15 ou 30 días.

Contodo, é importante lembrar que o único medio de proba dunha situación de tortura ou malos tratos non ha de ser a existencia de imaxes. Igual que en moitos delitos que se cometen en espazos privados, aquí celas ordinarias ou de isolamento, é chave que sexan promovidas investigacións rápidas para solicitar probas, que se utilicen os protocolos das Nacións Unidas para a investigación e a proba deste tipo de delitos (dos que apenas son coñecedores os operadores xurídicos así como profesionais médicos e médico-forenses) así como mudar a cultura dominante de presunción de inocencia dos funcionarios públicos, frecuente entre os operadores xurídicos. Cada caso ha de investigarse en profundidade e, contodo, en moitas ocasións tropezamos con arquivamentos anticipados das investigacións. En 35 dos 60 casos que representamos desde Irídia no ano 2020 nalgún momento procedeuse a arquivar as actuacións antes de seren practicadas todas as dilixencias de investigación razoabeis, disponibeis, eficaces e pertinentes.

No entanto, hai marxe para seguir loitando contra a violencia institucional tanto desde as organizacións de dereitos humanos como, sobretodo, desde as institucións. De feito, nese mesmo relatorio de 2020 anunciamos que por eses 60 litixios había un total de 122 axentes ou funcionarios/as de prisión investigados/as. Alén diso, esta semana, 14 organizacións impulsadas pola Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía, propuxemos ao Ministerio de Interior e ao Congreso unha batería de medidas para acabar coa tortura e os malos tratos en prisión. Entre elas destaca a necesidade de xerar un teléfono de atención para a denuncia de situacións de violencia institucional ou a xeración dunha instrución do Ministerio Público para garantir a correcta investigación deste tipo de delitos.

É significativo que as imaxes da grave situación sufrida por un preso no cárcere de Villena fosen feitas públicas após a agresión á subdirectora. Os dereitos das persoas presas están no final da fila das preocupacións sociais, e as situacións que se viven en cárceres arcaicos son moi duras, e máis aínda se penetramos no cárcere dentro do cárcere, nos módulos de isolamento. Así mesmo, o cálculo de mortes é insoportábel sen que a administración realice unha análise real das causas através dunha auditoría externa que poida conducir a un programa realista para a prevención das mortes en prisión. Urxe pór os dereitos das persoas presas nun lugar central, porque os dereitos e as vidas das persoas presas importan.

Público