Ainda que xa pasaron 16 anos, o calvario de Pello Alcantarilla na comisaría de Tres Cantos a seguir a súa detención en 2004 ainda está fresco na memoria de moitas persoas pois no seu momento chegou mesmo a provocar unha tentativa de suicidio. E agora engancha coa actualidade política estatal, despois de este cidadán vasco identificar Diego Pérez de los Cobos, a o ver na televisión,  como un dos que pasou polos calabouzos onde foi torturado.

 

 

Perez-cobos

 

 

Diego Pérez dos Cobos foi destituído na pasada semana como xefe da Comandancia da Garda Civil de Madrid polo ministro do Interior español, Fernando Grande-Marlaska, por «perda de confianza». A demisión do alto cargo da Garda Civil veu despois de a Comandancia elaborar un relatorio carregado de falsidades coa finalidade de acusar o Goberno español e a súa equipa técnica de ter contribuído a diseminar a pandemia ao non prohibir as mobilizacións do 8 de Marzo.

Mais a noticia tivo unha consecuencia importante en Euskal Herria. Ao ver o rostro de Pérez de los Cobos na televisión, o vasco Pello Alcantarilla identificouno claramente como o mando da Garda Civil que pasou polos calabouzos onde el sufría tortura (segundo o seu curriculum público efectivamente neses anos Pérez de los Cobos estaba en Tres Cantos). E na quinta-feira chamou a Berria para facer público o recoñecemento.

NAIZ púxose en contacto con Alcantarilla, e aínda que este non quixo repasar outra vez o acontecido no cuartel de Tres Cantos de Madrid, si reafirmou que Diego Pérez de los Cobos «é un torturador». Viuno hai uns meses na televisión, e recoñeceu que era un dos que estaban na Comandancia madrilena cando sufriu tormentos que nunca foron xulgados. Repíteo varias veces: «É un torturador. Torturoume a min».

En Tres Cantos, por outro lado, chove no mollado pois, xa en 1993, Gurutze Iantzi, veciña de Urnieta, entrou detida e saíu morta.

Nestes últimos anos Pérez de los Cobos apareceu en televisión algunhas ocasións máis pois en 2017 foille encomendada a dirección da represión do 1-O en Catalunya e participou como testemuña no xulgamento ao «procés» de hai un ano. Alcantarilla xa o recoñecera nesa altura, mais cando esta semana Pérez de los Cobos volveu ser noticia, e ao darse conta outra vez do «poder que teñen os aparellos do Estado», optou por porse en contacto cos medios e delatar a impunidade.

«Estás co inimigo e vas velo»

Pello Alcantarilla foi detido no 3 de outubro de 2004 cando traballaba como camioneiro en Burgos, durante unha batida conxunta das forzas policiais españolas e francesas.

O donostiarra permaneceu incomunicado nas mans do instituto armado desde o momento da súa detención até pasados catro días. Cando estaba sendo torturado, nun determinado momento virouse e viu Pérez de los Cobos, quen, sempre segundo Alcantarilla, díxo a un seu compañeiro: «grazas, comisario», porque conseguira que o detido accedese a falar cando se dispuñan a porlle unha bolsa de plástico na cabeza.

Durante a comparecencia do 7 de outubro de 2004, despois de cinco días de incomunicación e tortura, Alcantarilla explicou ao xuíz da Audiencia Nacional Fernando Andreu que tentara suicidarse asfixiándose co seu propio corrector bucal para evitar que a Garda Civil continuase «coséndoo a paus». Un pormenorizado testemuño que foi noticia de abertura de xornal en GARA.

O ex-preso vasco denunciou as torturas, primeiro ante a Audiencia Nacional española e posteriormente no Estado francés, en xaneiro de 2005, ante o xuíz Laurence Le Vert. Como é norma case sen excepcións, as demandas de que a denuncia fose investigada non prosperaron. Alcantarilla estivo preso até 2012, oito anos.

A noticia chega a Catalunya; a Madrid, non

O historial de Pérez de los Cobos é ben coñecido. Non é a primeira vez que é acusado de torturas. O ex-preso Kepa Urra denunciouno en 1992, cando o comandante participaba na loita anti-ETA en Euskal Herria, e aínda que foi absolvido en 1997, as torturas sufridas por Urra ficaron acreditadas. De feito, a Audiencia de Bilbo condenou a catro anos, dous meses e un día de cárcere outros tres gardas civís.

O testemuño de Alcantarilla tivo eco sobretodo en Catalunya. Publicárono varios medios cataláns e este fin de semana concedeu unha entrevista a TV3. Mesmo Carles Puigdemont, presidente exiliado de Catalunya e eurodeputado, se referiu á noticia na súa conta de Twitter : «É unha denuncia moi grave que debería ter consecuencias. Unha testemuña recoñece Pérez de los Cobos entre os que o torturaron. Temo que non pasará nada. Infelizmente, en España os torturadores van á tumba coas medallas e a honra intactas».

 

Alcantarilla recoñece que non esperaba que o seu testemuño chegase a Catalunya. Lamenta que en Madrid non se fixesen eco da noticia: «A ver se lle chega a el».

Por outro lado, cando lle preguntaron se pretende empregar vías xudiciais, asegurou que non, que agora está «moi ben», e «aínda que non sirva de moito», fica satisfeito coa denuncia pública en prensa.