De diversas instancias vimos denunciando a aplicación extraxudicial da pena de morte nas prisións españolas como consecuencia da buro-represión, quer dicir, dunha lóxica perversa e sutil que provoca finalmente a morte de moitas persoas presas, como pode acontecer no caso do preso vasco Xabier Rey, morto no cárcere gaditano de Porto III. Unha morte, aparentemente, por «suicidio», dunha persoa nova que, se estivese a cumprir condena nas condicións de respecto aos seus dereitos recoñecidos pola lei, posibelmente hoxe, estaría viva. A capacidade que o Estado ten de funcionar á marxe da lei, con total impunidade nuns casos, e a interpretación e aplicación da lei penal, como arma ou instrumento de castigo por cima de todo, frecuentemente, levan a desenlaces fatais como este.

Se non fose un preso vasco que por sorte conta con respaldo político, familiar e social, a administración carceraria tería simplesmente ocultado esta morte, como fixo con millares de persoas presas falecidas nos cárceres durante os últimos 30 anos. Así o documentou e denunciou a Coordinadora Estatal para a Prevención e Denuncia da Tortura nos seus relatorios anuais. Mais o que o Estado fai habitualmente é armar unha versión perversa, frívola e autoxustificadora dos feitos e divulgala através das empresas mediáticas hexemónicas, resaltando ao divulgar e manipular a súa versión do ocorrido, cuestións que nada teñen a ver co acontecido. O suicidio en prisión non é senón a aplicación extraxudicial da pena de morte posto que é o resultado directo da imposibilidade de soportar o sufrimento exercido polas condicións de encarceramento á que se somete a persoa presa.

O Goberno español, non sobrancea no que lle concirne e, de feito, implica. Xabier cumpría condena lonxe da súa familia e do seu lugar de residencia habitual. Vivía a preocupación polos seus achegados ante o risco de accidentes nas viaxes para as visitas, de Iruñea a Cádiz. A lonxitude da condena, e o longo tempo en prisión, supuñan unha deterioración no seu estado de saúde. As condicións infrahumanas de encarceramento en España, continuamente denunciadas en e por instancias internacionais e sistematicamente caladas, supuñan para el un sufrimento engadido non contemplado pola lei. A acumulación de todos estes factores, son unha inxección de tensión permanente nas persoas presas que, aumenta o risco de patoloxías físicas e mentais con resultado de morte.

Evitar o xenocidio carcerario debería ser un tema estelar nos «pactos de Estado» entre partidos políticos que se autodenominan democráticos. Contodo, na súa construción perversa da realidade, estes teñen outras prioridades, como, por exemplo, a unidade da patria española. E é que, ao estado, unicamente o preocupa como ocultar as mortes de persoas sob a súa custodia, negando a súa posíbel responsabilidade nas mesmas, cando non, desprezando as súas vítimas e os familiares das mesmas. Enviamos as nosas condolencias e solidariedade á familia de Xabier Rei Urmeneta e convidamos todo o mundo a manifestalo nos actos de homenaxe.

Fone: Naiz