As implicacións profundas da celebración deste G7 en Euskal Herria requirirán, sen dúbida, dunha análise máis acougada, tanto para situarmos na súa xusta medida os distintos episodios acontecidos como para actualizarmos estratexias fronte a unha axenda autoritaria que pasa por cima de pobos e persoas.

 

Os balanzos serán sen dúbida parciais, como incompletos foron non poucos relatos deste evento en que hai quen contou o que viña contar, aínda que acontecesen outras cousas.

 

Comezarei a narrar en primeira persoa, para evidenciar que non son allea á epidemia de hedonismo que afecta a nosa sociedade e da que non está exento ese que García Marquez cualificou como o oficio máis fermoso do mundo, aínda que estivese cheo de canallas. Estas son apenas unhas reflexións como unha seta sobre as implicacións reais e as distorsións de relato evidentes que nos deixou o asalto do G7.

Esta mañá levanteime cunha sensación estraña nos ouvidos. Por primeira vez desde hai unha semana o inquietante ruído dos helicópteros tiña cesado.

O ceo está descuberto sobre Hendaia, o centro da nosa cidade recupera aos poucos o ritmo habitual nun fin de agosto e na estrada da costa «só me crucei cun par de vehículos policiais”..

 

Resultado de imaxes para g-7 biarritz

 

«Hoxe é o día do suspiro», pensei. Ese en que os músculos da cara comezan a relaxarse. Non todo acabou, e até hoxe non voltaremos ser o que somos: nin máis nin menos que o país europeo co cociente policial máis alto. Esa é a situación cotiá, a que non cabe atribuír ao G7, a que deberá resolverse máis cedo do que tarde, porque esta sobre-ocupación fixo abrir bastantes ollos.

Durante estes días cruceime, saudei, escoitei persoas que levaban no rostro marcada esa carga de tensión que xerou unha cimeira cuxo disparatado dispositivo de seguranza converteu o norte do país nun escenario de ocupación militar.

Falo desa xente a que o presidente galo, Emmanuel Macron, fai as beiras, cando a súa política de comunicación atravesa por momentos baixos, e apela con respecto «aos cidadáns que se levantan cedo para traballar», co propósito de transmitir certa empatía.

 

Resultado de imaxes para g-7 biarritz

 

Cidadáns, maniféstense ou non.

Efectivamente, hoxe vou falarlles desas persoas anódinas a que confiscaron o seu lugar de vida, e esa rotina cotiá que nos proporciona a todas un sentimento de seguranza persoal, todo cun único fin: proporcionar aos poderosos do planeta un escenario formoso.

Atopeinos ante a persiana dunha tenda fechada ou dun posto de mercado sen clientes, reprochando ao policía dun control o eterno atasco, voltando dun caixa electrónico que non expendía diñeiro, esquivando un vehículo militar que bloqueaba a entrada do seu caserío, tratando de soportar os días sen ter acceso a servizos domiciliarios, negociando mudanzas de turno no traballo ou simplesmente fuxindo por uns días a calquera parte.

Xa sei que as súas historias non contan moito, por canto non son actores organizados, aínda que xa quererían moitos contar con informacións tan certeiras e servizos tan eficaces como os que foron partillados nalgúns grupos de washapp para tentar tornar máis soportábel este estado de sitio.

Check-points sen violencia explícita. Impactáronme -e sigo narrando en primeira persoa- esas fileiras de veciños en Biarritz cun cartón pendurado no pescozo á espera de o escanner emitir o seu «vip-vip» para entraren nunha rúa contigua ao seu domicilio, mais que ficou alén do perímetro de seguranza debuxado sobre o mapa por securócratas que cuadricularon a cidade.

Os «check-point» son unha imaxe violenta en calquera circunstancia e lugar. E non porque teñamos a retina infectada da brutalidade nas rexións quentes do planeta debería inquietarnos menos que se poñan tales barreiras neste país. Un país empeñado en construír unha paz que non sempre é fácil de identificar, e menos estes días, na paisaxe.

Dóenme os «check-point» que vin en Biarritz, por máis que os policías encarregados da súa custodia cumprisen a consígna de tratar con amabilidade os seus súbditos. Pouco importa se a miña visión do mundo ten moito ou pouco a ver coa de moitos deses cidadáns. A eses vascos aplicáronlles unha doutrina de control social que me implica porque me perturban as consecuencias que, no futuro, extraerán as elites securócratas deste experimento.

 

Resultado de imaxes para g-7 biarritz

 

26.000 fichaxes «inocuos». 26.000 persoas solicitaron o pase ou cartón de identificación imposta pola seguranza do G7 aos seus habitantes para poderen saír e entrar da súa casa, en Biarritz. Finalmente aproximadamente 18.000 recibiron tal autorización. Portanto a millares de cidadáns foilles negado ese acceso, por opacas razóns de seguranza, despois de explorarse a fondo, entendo, a súa vida.

E así as cousas, un ancián de Biarritz non puido dispor durante longos días da masaxe que lle alivia a dor porque á súa quiropráctica non lle deron un pase, aínda que a súa vida profesional a leve habitualmente á cidade costeira en que non todo é luxo, non todo é escaparate. En Biarritz tamén viven persoas «que se levantan cedo para traballar», xentes ás que se lles dixo que isto non sería para tanto mais que ficaron ás portas ou encerradas nun formoso cárcere ao aire libre.

Cidade demasiado vacía, mesmo para Macron. Non é a miña obsesión. Algo fallou mesmo para o anfitrión, ao parecer perturbado pola imaxe de cidade morta en que discorreu a cimeira. O teléfono vermello tocou e os responsabeis da comunicación do Eliseo meteron, de feito, a última hora e con calzador, algún acto de Macron en rúas e prazas mortas para estreitar a man dun feixe de cidadáns ou lanzar saúdos ao vacuo.

Os balanzos, presumo, van ser parciais. Como tamén foi parcial a cobertura informativa de todo o que rodeou un acontecemento imposto, ao que este país afeito a resistencias chegou contodo a responder, co alento contido, através dunha contracimeira infestada de obstáculos e opcións difíceis. Responsabeis dalgunhas ONGs presentes, cuxa sede radica en París, valóranma como «un encontro que non estaba gañado de antemán, menos aínda á vista do declinio percibido en precedentes G7, mais que permitiu pór sobre a mesa o mapa das alternativas».

Balanzo represivo, realidade opresiva. As alianzas que se forxaron estes días, con actores vascos convertidos en interlocutores de entidades para as que Euskal Herria simplesmente non existía, poden achegar sementes de futuro, aínda que a ninguén lle escapa que haberá que sementar máis e mellor para confrontarmos á globalización autoritaria, para a que, do mesmo xeito que ocorre na Amazonía, as árbores que respiran por si mesmas son un obstáculo a eliminar porque o capitalismo sempre necesita gañar terreo.

As axendas binarias non son úteis para afrontar tamaña crise, e é que sen biodiversidade ningún outro mundo é posíbel. Este país mostrouse con valores e con fallas, ou polo menos asomouse ao xigante, que, tal como estaba o patio, non é pouco.

É unha boa noticia que non debamos de lamentar, como ocorreu no 19 decembro en Biarritz, un cruel balanzo de feridos. Aquel día, na preparación destes fastos, unha moza de 18 anos, a miarriztarra Lola Villabriga, viu o seu rostro deformado por recibir o impacto dun deses proxectís que, apesar de seren causantes de graves mutilacións, a Policía voltou empregar ao longo desta cimeira para reprimir algunhas manifestacións «non comunicadas».

 

Resultado de imaxes para g-7 biarritz

 

Á marxe da manifestación que reuniu 15.000 persoas nunha mobilización pacífica e colorista o sábado pola mañá en Hendaia, o desfile dos «retratos de Macron» o domingo marcou, por número de participantes e impacto mediático internacional, o outro fito forte na denuncia do G7.

Polo demais, non houbo moitas ocasións máis de baixar á rúa, e os gases lacrimoxéneos ou os cercos con balizadas -impresionantes como os «check-point»- esperaron aos que tentaban denunciar a cimeira con «protestos á brava».

«Menos protestos con incidentes». Así podería dicirse se se extirpar do relato a afronta á liberdade absoluta que representan a violencia, a eito ou e a conta-gotas, que se inflixiu á poboación: na súa vida cotiá, si, e tamén no seu lexítimo dereito a expresar na rúa o seu rexeitamento a unha cimeira imposta cuxo aparato militar ficará na memoria moito despois de que, por fin, marchen as delegacións.

As perdas económicas, e outras. Os balanzos compezan xa a aflorar, en forma de perdas económicas -está claro na economía dos «menos grandes»-, e a partir de agora mesmo haberá que reflectir moito e ben sobre como facer frente aos efectos colaterais desta enorme operación de espionaxe social.

Falo da pretensión de implantar unha especie de democracia formal que nin as formas respecta, pola que a Prefectura regula dereitos básicos, como o de manifestación, e abre ou fecha espazos urbanos. Un sistema en que as garantías xurídicas son contornadas con procesos administrativos sen maxistrado ou através de xuízos exprés ou con expulsións arbitrarias.

Os policías (os extra para esta cimeira) marcharán, os 1.500 xornalistas acreditados apagarán os seus computadores, e, déixenme que lles diga que acolleremos con alborozo que saian os carros de combate, mais tamén despediremos con alivio esa corte de xornalistas de pau-selfie que chegou a este pequeno anaco dun país dividido para plantar os seus trastes, sen especial atención ás pequenas vidas dos seus habitantes.

E non crean que falo só deses correspondentes de pompa desexosos de presentaren a súa cara en cámara en tanto por atrás, oh sorpresa!, saúda un mandatario facendo footing seguido por unha corte de garda-costas. A feira das banalidades tamén se nutre de clientela, a priori, bastante alternativa. E o turismo con aureola comunicativa non nos é alleo. Son os tempos, e se non fose porque apagar twits está mal visto, tampouco repetiría algúns xestos propios.

Contodo, á vista da pegada en redes, teño a sensación de que para este, o oficio máis marabilloso do mundo, estar e alentar un relato previo é hoxe máis importante que contar o que acontece e pór en contexto os feitos. Por iso, a pouco que nos descoidemos, o autorretrato suplantará á información. Vaise o G7, mais todo está por pensar.

Maite Ubiria Beaumont

Naiz