A difícil situación que afronta GARA despois de lle ser endosada a débeda que Egin tiña coa Seguranza Social, a seguir a clausura ilegal do xornal en 1998 decretada por orde do que na altura era xuiz da AN Baltasar Garzón (investigado agora prevaricación da man do ex-comisario Villarejo) e de este aducir “sucesión ideolóxica”, xerou a resposta de profesionais do sector, que se sumaron a un manifesto de solidariedade co xornal.

 

Gara

 

Preocupados polo caso ‘Gara’

Non son poucos os problemas e desafios, tecnolóxicos e humanos, que o xornalismo afronta nestes turbulentos tempos.

As e os xornalistas deberiamos estar preocupados pola propagación das «fake news», noticias falsas que existen desde sempre mais se propagan como nunca. Debería tirarnos o sono a crise de credibilidade e lexitimidade que sofren os medios de comunicación. Deberiamos poder dedicar tempo e esforzo a os prestixiar, a explicar que, afortunadamente, os e as xornalistas pensamos de formas moi diversas, mais que por trás de cada noticia que un profesional do oficio compón existe un esforzo honesto por retratar unha realidade poliédrica que sempre terá diversos puntos de vista. Somos conscientes de que hai excepcións e estas son outra fonte de preocupación.

Os e as xornalistas deberiamos estar máis que preocupados polos 94 compañeiros e compañeiras mortas en 2018 en todo o globo cando exercían a profesión. Sobretodo tendo en conta que os ataques a xornalistas adoitan ser, aliás, un indicador de violacións de dereitos graves e xeneralizadas contra a poboación civil.

Tamén deberían alarmarnos os máis de 10.000 postos de traballo perdidos no sector durante a última crise económica, só no Estado español. Debería ocuparnos unha precariedade estrutural que a miúdo fai imposíbel conciliar o oficio cun proxecto de vida a longo prazo…

Deberían preocuparnos estes temas e moitos máis, e con efecto, preocúpannos. Amamos este oficio e asumimos como propios todos os desafíos que expostos. Son os nosos, con eles selamos o noso compromiso coa sociedade en que vivimos.

O que non debería ser obxecto de preocupación en pleno 2019 é o risco de bancarrota dun xornal como consecuencia dunha persecución xudicial que se prolongou durante dúas décadas. Egin foi fechado de maneira ilegal en 1998, segundo recoñeceu anos despois mesmo o Tribunal Supremo. Consideramos que endosar agora a súa débeda coa Seguranza Social a ‘Gara’ é absurdo e castiga inxustificadamente ese medio e os seus traballadores.

Por iso queremos solidarizarnos cos nosos compañeiros e compañeiras de ‘Gara’. Queremos defender o seu dereito a facer xornalismo sen máis obstáculos que os xa mencionados. Queremos apoiar a liberdade de prensa e a pluralidade. As e os xornalistas temos suficientes problemas presentes e desafíos futuros como para ter,ps que estar preocupados por pantasmas do pasado.