A campaña CIEs NON revela que Marouane Abouobaida redactou unha dilixencia de información desde o cuarto en que estaba isolado após unha agresión que tamén denunciara. Afirmaba que non tiña visión no ollo esquerdo e achegaba un relatorio médico das lesións que sofría. Activistas da Campaña critican que fose isolado apesar das súas advertencias.

 

Marouane Abouobaida antes de fallecimiento donde se aprecian las lesiones en su rostro. (Derecha) Diligencia de información que Marouane redactó a la atención del director del centro. -CIES NO

 

 

O día antes de morrer, Marouane Abouobaida, o mozo marroquino encontrado sen vida no pasado 15 de xullo no Centro de Internamento de Estranxeiros (CIE) de Zapadores, en València, redactou unha dilixencia de información ao director de centro, Carlos Llorca Ponce, en que advertía das consecuencias da pelexa en que se viu envolvido e denunciaba ter sido vítima dunha agresión.

Así consta no documento divulgado nesta segunda-feira pola Campaña CIEs NON, que esixe o fechamento dos CIE en todo o Estado e o fin das deportacións de migrantes internos nestes opacos e criticados centros de detención. A notificación foi entregada no día seguinte, o 15 de xullo, ás 14.00 horas, unha hora e nove minutos antes de que Abouobaida tirase a vida esganándose coa propia camisola, tal e como foi rexistrado pola cámara de seguranza do local en que fora recluído en confinamento solitario logo após a agresión.

As gravacións foron entregadas ao xulgado que investiga a morte do mozo e tamén foron revisadas durante a investigación que está a realizar a Xefatura Superior de Policía de València. Segundo informou El Diario Levante, citando fontes da investigación, non foi até as 15.28 horas cando os policías que custodian aos internos detectaron que o mozo se suicidara, 19 minutos despois de as cámaras rexistraren o feito.

Na dilixencia remitida ao director do CIE, en que Abouobaida achegaba un relatorio médico relativo ás súas lesións e solicitaba denunciar a agresión sufrida por un ou varios internos de nacionalidade colombiana, o interno aseguraba que sufría dores na cabeza e que non tiña visión no ollo esquerdo. Xunto con este documento, a plataforma polo fechamento dos CIE difundiu unha fotografía en que o mozo aparece con contusións na cara, o ollo esquerdo inchado e vermello, do mesmo xeito que os beizos. Segundo fontes da plataforma, a imaxe foi enviada o día da súa morte a Malika, unha tía do falecido que reside en Madrid e que relatou aos activistas que, unha semana antes da morteo, viaxara a València para ver o seu sobriño.

 

“Pasaba moi mal e non ía poder aguantar moito máis”, afirma a tía do falecido

 

“Escribiu á súa nai, que vive en Rabat, e a min para que o sacásemos de alí porque tiña moitas dificultades e non ía poder aguantar moito máis. Asusteime e vin a València. Cando o vin, pediume que falase cun avogado e que fixese todo o posíbel por p sacar do CIE”, asegurou aos membros de CIEs NON.

Segundo CIES Non, a notificación do interno ao director “probaría que os responsabeis do centro coñecían as precarias condicións físicas e psicolóxicas” en que estaba Marouane “e a súa resposta foi encerralo nunha cela de isolamento sen vixilancia e sen prestarlle a atención que el mesmo reclamaba”. En declaracións a Público, Adrián Vives, portavoz de CIEs NON, afirma que o interno pedía “axuda desesperada para saír do isolamento e mellor asistencia médica” e pon en dúbida que o centro dispoña de protocolos para prevenir os suicidios e que, caso os ter, non funcionaron.

 

Diligencia de información que Marouane redactó a la atención del director del centro el día 14 de julio y, según consta en el documento, entregó al día siguiente. CIES NODilixencia de información que Marouane redactou ao cuidado do director do centro o día 14 de xullo e, segundo consta no documento, entregou ao día seguinte. CIES NON

 

Segundo Vives, “había indicios de que Marouane podía suicidarse” e non se tomaron medidas para evitalo. O delegado do Goberno na Comunitat Valenciana, Juan Carlos Fulgencio, recoñeceu nunhas declaracións que os axentes notaron o falecido “desanimado”, polo que solicitaron que o vise o médico do CIE a mañá antes da súa morte. Tamén o visitou o doutor do turno de tarde, aínda que Vives desconfía de que puidesen comunicar correctamente, xa que non hai tradutores no centro, denuncia. Segundo este activista, máis que “desanimado”, Marouane sentíase “humillado”, segundo algúns dos seus compañeiros cos que puideron falar. Os mesmos explicaron á plataforma que o mozo “estaba angustiado e triste desde había días”.

De feito, esixen que se paralisen as posibeis deportacións de internos que poidan achegar testemuños das circunstancias que rodearon a morte do xoven. “Varios internos comunicaron á Policía e ao persoal da Cruz Vermella que traballa dentro que quererían ser escoitados polo xuíz, mais cónstame que non se lles fai caso”, denuncia Vives.

Briga ou malleira?
As primeiras informacións sobre as causas que levaron o mozo a acabar en isolamento falaban de que protagonizara no día anterior unha pelexa, ao parecer entre un grupo de internos marroquinos e outro de latinoamericanos. Contodo, segundo Vives, os relatos e pormenores fan pensar máis ben en que Marouane foi vítima dunha malleira en grupo. Mesmo o propio delegado do Goberno deixou entrever esta posibilidade no día seguinte ao falecemento, cando falou de que a agresión dun grupo rival se centrara nel.

“A nai de Marouane ten o corazón partido, non come, non bebe, non fala”
Marouane levaba menos de dúas semanas no CIE, segundo calcula a plataforma CIEs NON, que tiña previsto visitalo para facer o seguimento xurídico e psicolóxico a semana en que decidiu acabar coa propia vida. Chegou ao centro valenciano despois de ser interceptada a patera en que tentaba cruzar o Estreito e por orde do Xulgado de Instrución número 2 de Alxeciras. Segundo explicou a familia do falecido, o mozo dedicábase no Marrocos a facer traballos de soldador e outros pequenos traballos despois de terminar os estudos de bacharelato, o que o decidiu a probar sorte en España para axudar economicamente a nai, “viúva, nunha situación económica precaria”. “A nai de Marouane ten o corazón partido, non come, non bebe, non fala”, explicou a tía do falecido aos activistas.

“A morte dunha persoa sob a tutela do Estado e a custodia policial non pode e non debe ficar impune”, sentenza Vives, que lembra que deben comparecer para explicar en pormenor o acontecido o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, e o delegado de Goberno na Comunitat Valenciana, Juan Carlos Fulgencio. Tamén esixen a destitución do director do CIE de Zapadores.

Pola súa banda, o grupo parlamentar de Unidas Podemos pediu no Congreso información sobre as circunstancias que rodearon esta morte, o pasado 15 de xullo, dun cidadán marroquino no Centro de Internamento de Estranxeiros (CIE) de Zapadores en Valencia.

JAIRO VARGAS 

Público