Algúns delitos de agresión poden ser castigados con seis meses de prisión ou multa para os adultos, mais no caso dos menores, a pena é elevada a como mínimo un ano de internamento

 

Foto: La ministra de Igualdad, Irene Montero. (EFE/Daniel González)Foto: A ministra de Igualdade, Irene Montero. (EFE/Daniel González)

 

 

A lei do ‘só si é si’ castiga con maior dureza os menores que os adultos cando cometen determinados delitos sexuais. Tanto a xuíza de menores de Madrid, Eva Saavedra, como o procurador do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, Francisco García Ingelmo, recollen esta advertencia en dúas análises diferentes e, segundo informan fontes xurídicas, a mesma tese foi discutida na segunda-feira na Procuradoría Xeral durante unhas xornadas de fiscais especialistas en menores. Após analisaren os efectos que comporta a nova norma na hora de condenar adolescentes, cada vez son máis as voces que avisan de “incongruencias” que obrigarían a facer un encaixe de palillos.

“A Convención sobre os Dereitos da Crianza, que o Reino de España asinou, establece que un menor de idade non poderá ser de peor condición que un adulto”, critica Saavedra nun relatorio interno da Asociación Xudicial Francisco de Vitoria. “Pode parecer unha opción lexislativa deliberada que se decanta por unha política criminal puramente represiva e allea aos principios reitores básicos da xustiza xuvenil”, denuncia García nun artigo publicado na Editorial Jurídica Sepín.

As fontes consultadas explican que os procuradores de menores abordaron esta problemática durante as xornadas celebradas na segunda-feira e polo menos un dos participantes puxo como exemplo que algúns delitos de agresión poderían ser castigados agora con seis meses de prisión ou mesmo multa para os adultos, mais no caso dos menores, non baixan dun ano de internamento.

Multa ao adulto, internamento ao menor

As mesmas fontes destacan para iso o artigo 182 do Código Penal: “O que, con fins sexuais, fixer presenciar a un menor de dezaseis anos actos de carácter sexual, aínda que o autor non participar neles, será castigado cunha pena de prisión de seis meses a dous anos”, establece. Apesar diso, desois de aplicar este mesmo delito aos menores de máis de 14 anos, a duración mínima de internamento en réxime fechado elevaríase a un ano coa nova lei.

A isto súmase que se un adulto é condenado a dous anos de prisión por algúns dos delitos sexuais, pode conseguir a suspensión de condena desde o primeiro momento, mais se o menor supera os 16 anos —non os 14—, terá de pasar un mínimo de seis meses en internamento antes de se acoller a calquera beneficio.

A xuíza de menores Eva Saavedra destaca por este motivo o artigo 178 do Código Penal, que castiga “coa pena de prisión dun a catro anos como responsábel de agresión sexual o que levar a cabo calquera acto que atente contra a liberdade sexual doutra persoa sen o seu consentimento”. No seu terceiro punto, este delito abre a porta a cambiar a mencionada pena por “multa de dezaoito a vinte e catro meses”, e aí é onde unha vez máis surxe a controversia ao compararse cos menores.

“Ao menor de idade (16-17 anos) que cometa un feito subsumíbel no artigo 178.3 será imposta unha medida privativa de liberdade, de internamento en centro de reforma en réxime fechado, que non poderá ser suspendida, modificada ou substituída até cumprida a metade da medida imposta [un mínimo de seis meses], en canto ao adulto, pola mesma conduta, poderá serlle imposta unha pena de multa”, critica. No caso do artigo 183.1, as fontes consultadas apuntan a que a situación é similar: é posíbel impor unha multa de 12 a 24 meses ao adulto, frente a un mínimo de seis meses de internamento en réxime fechado para o menor.

O artigo da discordia

A chave para entender este efecto da nova normativa está no artigo 10.2 da lei que regula a responsabilidade penal dos menores: “Se ao tempo de cometer os feitos o menor tiver catorce ou quince anos de idade, unha medida de internamento en réxime fechado dun a cinco anos de duración”, establece. “Se ao tempo de cometer os feitos o menor tiver dezaseis ou dezasete anos de idade, unha medida de internamento en réxime fechado dun a oito anos de duración”.

A mudanza respecto da anterior lexislación céntrase en que estas penas antes eran aplicadas aos delitos sexuais que facían referencia ao de violación e ao de agresións sexuais cualificadas, mais coa lei do só si é si, agora esténdense a todos os que van desde o 178 até o 183 do Código Penal.

 

Foto: Isa Serra e Irene Montero en una imagen de archivo. (EFE/Fernando Villar)                           Foto: Isa Serra e Irene Montero nunha imaxe de arquivo. (EFE/Fernando Villar)

Segundo resume o procurador García Ingelmo, “a consecuencia da reforma do artigo 10.2 (…) é a extensión que cobra esta regra excepcional para os delitos contra a liberdade sexual”, que agora abranxe desde “as agresións sexuais do artigo 178 do Código Penal sen penetración” até o que antes eran regulados como “abusos”. Para o procurador, o propósito do lexislador non sería outro que “impor a medida máis grave e excepcional, o internamento fechado, para todos os delitos contra a liberdade sexual previstos neses artigos, sen matices”.

No mesmo sentido, o problema coa concesión de beneficios está en que, apesar da extensión destes delitos, o 10.2 mantén que a “modificación, suspensión ou substitución” das penas para agresores de 16 e 17 anos só é posíbel “cando tiver decorrido, polo menos, a metade da duración da medida de internamento”. Quer dicir, o mínimo de seis meses.

Un endurecemento das penas a menores difícil de encaixar

Como se reflicte no tres casos mencionados, este endurecemento das penas para os menores sitúa as mesmas por cima das dos adultos ante determinados delitos sexuais, unha situación que, segundo denuncia a xuíza de Madrid, supón incumprir a Convención sobre os Dereitos da Crianza e a normativa interna de España.

Para contornar este obstáculo, algunhas fontes consultadas apuntan ao artigo 8 da lei que regula a responsabilidade penal dos menores, que sinala que “as medidas privativas de liberdade” para os que non superen os 18 anos “en ningún caso” poden superar as penas de cárcere que foren impostas “polo mesmo feito” a un adulto. O artigo 9.2 segue o mesmo criterio e limita “a medida de internamento en réxime fechado” para “os feitos que foren tipificados como delito grave”, entre outros.

Desta maneira, ambos os artigos permitirían encaixar o problema e evitar a literalidade do 10.2 no que se refire ao mínimo dun ano de internamento e, cando se trate de agresores de 16 e 17 anos, a imposibilidade de acollerse a beneficios até decorreren seis meses. Ou o que é o mesmo: diversos xuíces e procuradores consideran que estes artigos permitirían evitar distorcer”, “incongruencias” e “sinsentidos” que fan de “imposíbel aplicación” a nova lei a menores agresores.

Outras fontes avisan que esta normativa corre o risco de acabar en mans do Tribunal Constitucional, e no caso do procurador Francisco García Ingelmo, dá ainda outro paso ao considerar que eses dous artigos só permitirían evitar “unha medida privativa de liberdade de duración superior á que correspondería a un adulto”, mais non solucionarían o problema de fondo: “O lexislador con esta reforma fai tábua rasa, non distingue situacións, nin permite individualizar, senón que impón o internamento en centro fechado para todos os casos, aínda cando parte deles, pola súa menor entidade, merecerían medidas máis leves ou de medio aberto”.

No fin de contas, a extensión dos delitos no artigo 10.2 non só implica castigar con maior dureza menores que adultos, senón que implica equiparar calquera destes delitos sexuais co resto de feitos que se castigan no mesmo. En concreto, os casos de homicidio e asasinato consumados, así como os de grupos terroristas.

El Confidencial