Que un xuíz do Tribunal Supremo guste dos touros é normal. Costuman ser señores de certa idade e bastante conservadores. No fin de contas, non son nomeados polos seus méritos senón por decisión discrecional dun órgao controlado sempre polo Partido Popular. Así que a maioría encaixa co perfil de afeccionado á tauromaquia. Algúns son de ver as corridas desde o burladero fumando un charuto, como os maxistrados dos Constitucional contrarios ao estatut de Catalunya. En fin, é algo previsíbel e respectábel. Cada un é libre de ter os seus gostos e de buscar a arte e a emoción onde prefira. A cousa muda se eses mesmos xuíces tentan forzar o resto de cidadáns a ir tamén aos touros. Ou se impoñen que se usen fondos públicos para manter o seu gosto. Mais iso é precisamente o que acontece. A sala do contencioso do Tribunal Supremo acaba de ditar unha sentenza alucinante que pon de maneira descarnada de manifesto o difícil que é en España gobernar en contra da ideoloxía dos xuíces e aonde leva a falta de contrapesos internos no poder xudiciario.

 

 

Alejandro Talavante durante a tradicional corrida polo Día da Hispanidade, na Praza de Touros das Vendas, ao 12 de outubro de 2022, en Madrid (España). Jose Velasco / Europa Press

 

 

Joaquín Urias

O caso refírese ao “Bono Cultural Xoven” aprobado polo Goberno no ano pasado. Trátase dunha axuda de até 400 euros que poden pedir os mozos para adquirir produtos e servizos culturais. O decreto excluía que as axudas se usasen para algunhas actividades culturais como a tauromaquia, a compra de obras de arte, compra de moda, gastronomía ou espectáculos deportivos e as obras ou produtos cualificados de pornográficos. De todas estas exclusións, só é discutida a da tauromaquia, a pedido da Fundación Toro de Lidia.

A sentenza recorre a unha argumentación simples: como a lei di que a tauromaquia é patrimonio cultural, non hai razóns para excluíla dunha axuda tan suculenta. O Tribunal acepta que, con efecto, a tauromaquia goza de axudas e medidas de fomento propias e específicas alén do bono xoven. No entanto, entende que, xa que este se dirixe ás novas xerazóns, ten un efecto para o futuro do que non deberían ser excluídos os touros. Non se trata dunha motivación xurídica. Simplesmente, os xuíces do Supremo substitúen o criterio político do Goberno sobre o que é oportuno polo seu propio. Cren que sería conveniente promover que a mocidade gaste en corridas de touros. Na súa visión do mundo é importante promover a tauromaquia, e como teñen o poder de dicir a última palabra pois isso é o que fan.

Durante o franquismo, os xuíces do Tribunal Supremo -como explicou o profesor Bastida- non só impuñan as leis senón tamén o moral e a ideoloxía política do réxime de partido único. Hoxe, decorridos cuarenta anos, é evidente que ao noso máximo órgao xudiciario lle custa librarse dos malos hábitos adquiridos na ditadura. Os seus maxistrados ilústrannos a diario con reconvencións morais, soflamas ideolóxicas e discursos partidistas misturados nas sentenzas que ditan. Agora pretenden tamén ocupar o papel do lexislador e do goberno… sen someterse para iso a unhas eleccións.

Quen aproba unha oposición demostra os coñecementos técnicos necesarios para exercer unha profesión. Mais non adquire ningún encargo representativo que lle permita impor opcións políticas ou ideolóxicas. Nestes días raros non é invulgar ler no Twitter xuízas e xuíces que se queixan de que as leis están politizadas. Como se a tarefa de elixir o modelo de país e decidir o seu deseño e prioridades non fose política. A lei, en democracia, é a plasmación xurídica dunha vontade política apoiada maioritariamente polos españois através do voto dos seus representantes. Toda lei é un acto ideolóxico. Aínda que maxistrados afeitos a abusaren do seu poder como o famoso xuíz Llarena non queiran aceptalo, non corresponde aos xuíces decidir se unha conduta será ou non castigada. O código penal é aprobado polo parlamento que é quen, a partir do seu modelo político ideal, decide o que vai ser permitido ou prohibido na sociedade. Aínda así, carentes de auténtica cultura democrática, moitos dos nosos xuíces queren facernos pensar que as leis son cuestións técnicas que deben facer eles… para así de camiño impornos a súa visión do mundo como a única aceptábel.

Igual que o Parlamento fai as normas supremas por baixo da Constitución, ao Executivo corresponde a dirección política da sociedade. Con lexitimación democrática e sometido ao control parlamentar, é o responsábel de elixir entre as diferentes opcións posibeis, sempre respectando o marco legal. E debe facelo baseándose no seu exclusivo criterio político: idealmente, aplicando a ideoloxía coa que se presentou ante o seu electorado. Son os dirixentes políticos do país os que deciden se convén reparar antes unha estrada ou outra, se o salario mínimo vai ser maior ou menor, ou que relación temos con Marrocos, por pór varios exemplos. Todas estas decisións teñen sempre un compoñente ideolóxico porque son a plasmación dun modelo concreto de sociedade. A tarefa dos xuíces é exclusivamente que se faga no marco e cos procedementos que establecen as leis.

Contodo, iso non frea o noso taurino Tribunal Supremo. Respecto á tauromaquia, como outras veces, di que a motivación da decisión do Gobierno é insuficiente, mais en realidade quer dicir que non lle convence e que el o faría doutra maneira. Non valora a cantidade de motivación das condicións do bono xoven, senón o seu valor persuasivo frente a quen -como el mesmo- defende o valor estrutural da festa nacional na cultura española. Se gustasen do rap poderían argumentar igualmente que non está xustificado que non se invista máis neste tipo de música… Só que, como ben saben Valtonyc ou Pablo Hasel, os nosos xuíces non gustan do rap.

Por trás desta invasión de competencias escóndese unha realidade moito máis dura que a mera constatación de que o noso sistema inclínase para o que Lambert chamaba o “goberno dos xuíces”. As circunstancias históricas e sociolóxicas da xudicatura española determinan ideoloxicamente a carreira xudicial. Non é só que os xuíces impoñan ilexítimamente as súas crenzas, senón que estas resultan ser sempre conservadoras. Así que o que veñen demostrar sentenzas como esta é que os gobernos de esquerda en España teñen moi limitada a súa capacidade de introducir reformas. Se o parlamento, por lei, muda os requisitos do delito de malversación os xuíces do Supremo van saltar a lei e reinterpretala para impedir que alcance o seu obxectivo. Se o Goberno decide non subsidiar a tauromaquia entre os mozos, os xuíces van ocuparse de que si o faga. A capacidade transformadora dos partidos que venzan as eleccións estará sempre constrinxida pola acción en contra dun Poder Xudiciario descontrolado alén de calquera división de poderes.

Con efecto, ou que destrui a separación de poderes no noso país non é -como queren facernos crer- que políticos e xuíces critiquen mutuamente as decisións dos outros nas redes sociais. A maior ameaza contra a división de poderes neste momento é un activismo xudicial imparábel.

Se os maxistrados do Supremo queren facer política, que se presenten ás eleccións. Se prefiren facer as normas a aplicalas, que se presenten ás eleccións. Se queren impornos o seu modo de pensar, que se presenten ás eleccións. Se tanto gustan das corridas -de touros polo menos- que vaian a unha e salten á arena. Mais que deixen de usar dunha vez os seus poderes constitucionais para tourear os poderes democráticos e atropelarnos coas súas rancias conviccións.

Público

.