A familia dun estudante de primeiro curso de Bacharelato dun instituto de Santiago no curso 2017-2018 recorreu á xustiza despois de que, na vía administrativa, a Xunta non atendese as súas reivindicacións. Tratábase, reclamaron co apoio da CIG-Ensino, de anular as disposicións normativas que manteñen unha situación que, consideraban, “vulnera o dereito fundamental á educación” amparado pola Constitución, así como os dereitos fundamentais á liberdade ideolóxica e á igualdade.

 

O xuíz admite que a normativa vixente obriga a parte do alumnado a estudar Relixión se quere cursar materias como Robótica ou Coeducación para o Século XXI, pero non o ve discriminatorio porque hai “outras alternativas”

 

A sentenza chegou este verán e nela recóllese que, tal e como evidenciou a familia, a Relixión é a “única materia específica cunha carga lectiva dunha hora, sen outra alternativa con esa mesma carga horaria”. Nese primeiro curso de Bacharelato xunto ás áreas troncais -como as linguas, por exemplo-, o estudantado ten que seleccionar dúas ou tres materias entre varias alternativas posibles con cargas horarias diversas -4, 3, 2 ou 1 horas semanal- ata sumar seis horas. Deste xeito, quen seleccionen dúas materias que sumen cinco horas (3+2) vense na obriga a escoller a única dunha hora, a Relixión.

 

Un libro de Relixión Católica de Bacharelato e estudantes de Robótica © Rodeira / As Salgueiras

 

Isto é o que sucedeu co alumno cuxo caso foi dirimido nos tribunais. A Robótica é unha desas materias de libre configuración autonómica de dúas horas semanais, como tamén o son, por exemplo, Antropoloxía ou Coeducación para o século XXI. “O alumnado con conviccións relixiosas católicas poderá cursar todas as materias do currículo, mentres que o que queira ver respectadas as súas conviccións verá restrinxida a súa capacidade de elección”, resumía a denuncia.

 

“O alumnado con conviccións relixiosas católicas poderá cursar todas as materias e o que non as teña veráa restrinxida”, argumentaba a denuncia

 

A sentenza admite que a circunstancia denunciada é real, pero agrega que “o alumno e os seus pais, de entender que non era das súas preferencia a materia de relixión, tiñan outras alternativas para acadar as seis horas semanais, e o que sucede é que a devandita opción, conforme á normativa do centro, non lle permitirá cursar robótica”. Isto, agrega, non vulnera a súa liberdade ideolóxica ou o dereito á educación, porque existen alternativas.

 

Fragmentos da sentenza sobre a materia de Relixión, á que tivo acceso Praza.gal CC-BY-NC-SA Praza Pública
Resposta da CIG-Ensino

O sindicato CIG-Ensino, que no marco da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público apoiou esta familia, discorda da conclusión do xuíz. A conclusión da sentenza “non pode ser máis clara”, lamenta a central sindical: “Se non se quere cursar Relixión hai que renunciar á Robótica, o que implica unha clara discriminación co alumnado que non desexa ter clase de Relixión”.

A CIG-Ensino lamenta que a sentenza responsabilice os centros educativos e lembra que a Consellería de Educación ten “potestade para modificar” esta situación

Aínda que o xuíz “atribúe a responsabilidade desta situación á configuración da oferta formativa” de cada instituto, afirma a CIG-Ensino, o certo é que non “ten en conta” que “a norma que regula o currículo emana da LOMCE e que a Consellería de Educación tería potestade para modificar esta cuestión”. “Esta situación -resaltan- solucionaríase cunha regulación de carga horaria diferente das materias de libre configuración autonómica” como Robótica, de xeito que elixilas non implicase pola vía dos feitos ter que optar pola Relixión.

En calquera caso a central sindical constata a “negativa da Consellería a introducir ningún cambio”, polo que reitera a “necesidade de derrogar a LOMCE canto antes, por afianzar a presenza e o valor académico da Relixión” no ensino público. “Non cansaremos de seguir reivindicando que a relixión se manteña fóra das aulas”, conclúen.