De feito, até a mañá da sexta feira non puideron ver os vídeos que estarían eventualmente relacionados cuns feitos sobre os que se decidiu menos dunha semana despois de se teren producido e sen que fosen ouvidas as acusacións. A avogada da familia entende que se trada dun “pechamento en falso” xa que as dilixencias practicadas “resultan insuficientes”.

 

 

A avogada da acusación particular, Amanda Romeu, sinala que o lóxico é que se puidese ouvir a todas as partes comparecentes: “Entendemos que o arquivo é en falso”. Na quinta feira a última hora da tarde a acusación particular, que exerce o irmán de Mohamed, aínda non recibira a notificación do auto, que adiantou a Cadena Ser a media tarde. “Coa cautela de que non vimos o auto e descoñecemos a fundamentación, o único que podemos dicir é que á vista das dilixencias practicadas non só son imprescindibeis as que solicitaramos ao comparecermos, senón novas dilixencias de proba”, explicou Romeu.

Sobre as dilixencias que foron practicadas, cre que “resultan insuficientes”. “Até que non se investigue en profundidade non poderemos concluír o que pasou”, engade. O procurador da acusación só conseguiu comparecer e acceder ás actuacións mediada a mañá da quinta feira, despois de días tentando en balde, primeiro polas xornadas feriadas e despois por problemas co apoderamento.

Andalucía Acoge, a outra parte comparecente, neste caso como acusación popular, tamén coñeceu pola prensa o arquivo da causa que tampouco lle foi notificado, non quer pronunciarse respecto diso até ler o auto, segundo informan fontes da federación, que detallan que o seu procurador lles confirmou na tarde da quinta feira que a el non lle comunicaron o arquivo da causa.

Horas despois de comparecer e mentres revisaban a documentación nas dilixencias, as acusacións e a propia familia decatáronse pola prensa do arquivo do procedemento. “Entendemos que está en xogo o dereito á tutela xudicial efectiva. Coa cautela de que non tivemos acceso ao informe do fiscal e o auto do xuíz, entendemos que procedía canto menos que se nos dese traslado ás acusacións comparecentes no procedemento cun tempo prudente, máis dunhas horas, para instruírnos na causa e interesar a práctica de novas probas ou solicitar o arquivo se o considerabamos oportuno, mais como mínimo que se puidese ouvir todas as partes comparecentes”, lamenta a avogada da familia.

Que pedía a familia?

Amanda Romeu avanzou a intención de recorrer o auto de arquivo. “Agora mesmo só podemos pronunciarnos sobre as dilixencias que se practicaron, e até agora resultan insuficientes”, insiste a letrada. A acusación particular e Andalucía Acoge solicitaran que se acordase a suspensión da devolución a Arxelia dos internos do módulo 3, para identificalos e propor testemuñas oculares dos feitos. Tamén propuxeran dous internos que puidesen ter sido testemuñas dos feitos e solicitaron que se ordenase, mediante mandamento do xulgado, que o director remitise a listaxe de internos dese módulo para avanzar na identificación. Así mesmo, pediuse a inspección ocular do lugar onde foi achado o corpo e a documentación que detalle o feito de que Mohamed estivese só nunha cela.

“Impedíusenos propor medios imprescindibeis que derivan do contido das dilixencias, como son a declaración de axentes que viron o corpo, de quen o viu por última vez, a relación de internos que cita o atestado e do mesmo corredor e módulo, e do equipo médico, así como explicacións ampliatorias do informe médico forense, que é moi conciso ao ser preliminar”.

A avogada conclúe que “até non se investigar en profundidade non poderemos concluír o que pasou”, e lembra que o feito de que fose un suicidio non exclúe de seu as posibeis responsabilidades e a necesidade, segundo Romeu, de seren investigadas as circunstancias en que se produciu.

Néstor Cenizo

Fonte: El diario