.
.
O ano 2.020 remataba cunha marabillosa nova : a absolución das 12 persoas, militantes independentistas, procesadas a raíz das operacións Jaro 1 e Jaro 2, á vez que se esvaecía a amenaza de ilegalización que pesaba sobre as dúas organización nas que militan as persoas encausadas :Causa Galiza e Ceivar , e xa que logo poderán seguir desenvolvendo a súa actividade política con normalidade. Despois de 5 anos de instrución , no caso das persoas afectadas pola Jaro 1, e de 3 anos no caso das persoas afectadas pola Jaro 2, nos que estas persoas tiveron que vivir coa espada de Damocles enriba dos seus pescozos, por fin semella que poden recuperar as súas vidas, pois unha sentenza que dá como probados os feitos sobre os que se sustenta a querela da fiscalía, pero os desposúe de contido penal, apenas deixa vías para que prospere un suposto recurso da fiscalía.Nós falamos con dous dos avogados que representaron os seus intereses; Guillermo Presa, avogado da organización Causa Galiza, e Manuel Chao, avogado de 9 das persoas procesadas.
.
xxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxxx
.

 

GUILLERMO PRESA AVOGADO DE CAUSA GALIZA

 

 

“ A SATISFACIÓN POR ESTE SENTENZA É INMENSA, PENSANDO EN 12 PERSOAS QUE LEVAN TEMPO COA SÚA LIBERDADE AMEAZADA”

Ti Guillermo, a quen representaches no recente proceso da operación Jaro?

Eu fun o avogado de Causa Galiza como organización

Fainos unha valoración da sentenza, tanto desde o punto de vista moral como desde a perspectiva técnica xurídica?

Desde o punto de vista persoal a satisfacción é inmensa, sobre todo pensando nas doce persoas que desde hai tempo vían ameazada a sua liberdade.

No que respecta á valoración xurídica que me pides, dicirche que a nosa defensa baseábase no exercicio do dereito á liberdade de expresión.E que nas expresións ou actos obxecto de enxuiciamento nunca se rebasaron os límites que poderían considerarse como enaltecemento ou apoloxía de actividades terroristas.E iso é o que recoñece a sentenza, xa que logo considera a inexistencia de feitos delituosos

Ti, agardabas unha resolución absolutoria?

Ben, nunha instrucción destas características e nun tribunal como a Audiencia Nacional, pois non era esperable. O que si é certo é que a acusación se baseaba en alicerces moi febles

Eu carezo de coñecementos xurídicos, pero puiden ver algún corte de vídeo do xuízo, e algunha actuación da acusación, estou lembrando en concreto unha na que a parte acusatoria interroga a unha acusada tratando de atribuir contido penal ao feito de amosar un cartel no que se parabeniza o aniversario a unha persoa, pareceume propia dun esperpento valleinclanesco?

Dentro de toda esta instrucción que abrangue moitísimo tempo e moitísimos feitos, hai de todo, tamén esa cuestión que mencionas e outras que son auténticamente chuscas .O certo é que a acusación centrouse en dúas actuación: -a celebración do día da Galiza combatente nos anos 2.014 e 2.015, e -a organización de homenaxes a persoas que estiveran presas como consecuencia de delitos supostamente relacionados con actividades terroristas.

A sala analiza estes feitos e conclúe que non se rebasaron os límites da liberdade de expresión nesas dúas actuación concretas

É normal que a instrucción dun procedemento deste calibre se extenda tanto tempo, 5 anos, deixando ás persoas procesadas coa espada de Damocles enriba súa?

Non, non é normal. Pero é un mal endémico da xustiza española, tanto a prolongación excesiva da fase de instrucción como o abuso da prisión preventiva. Neste caso non houbo prisión preventiva pero si medidas como a prohibición de actividade política da organización que eu representei. Alén dun tratamento mediático que claramente demonizou ás persoas procesadas.

Prevés a posibilidade de que a fiscalía presente recurso?

Aínda están en prazo. É certo que as sentencias absolutorias son difíciles de modificar por vía de recurso , pero hai que ser prudentes e agardar a ver o que fan.

MANUEL CHAO AVOGADO DE 9 DAS PERSOAS PROCESADAS

 

Concentracion iussaeaurelio 3 | Manuel Chao Dobarro ...

 

Acabamos de coñecer a absolución das 12 persoas procesadas na operación Jaro.Ti a quen representaches?

O noso despacho, representou 9 persoas. En concreto ás nove de Causa Galiza

Quero unha valoración da sentenza, tanto desde o punto de vista moral como desde unha perspectiva técnica e xurídica?

Pois é unha vitoria moral contra un procedemento inxusto, sobre todo pensando nos encausados que tiveron que aturar cinco anos un procedemento moi difícil de comprender.No que atinxe á valoración xurídica que me pides dicirche que é unha sentenza moi interesante porque se constrúe en torno aos dereitos fundamentais que nós viñamos sostendo ao longo do proceso: a liberdade de expresión, a liberdade ideolóxica e a liberdade de asociación política

Entendo que a túa avaliación xurídica é positiva?

Si, é moi positiva porque recolleu case todas as nosas teses.

É normal que un proceso xudicial alongue 5 anos a súa fase de instrucción?

Non .Ademais nós pedíamos constantemente o arquivo porque tiñamos claro que non existía ningún feito delituoso, e este caso en concreto o único que se estaba a esperar era un informe da Garda Civil sobre os arquivos informáticos incautados, co que era todavía máis inxusto.A longa duración da fase de instrucción nin é usual nin responde á xustiza que se espera nun país da Unión Europea.

Recordo que no momento da detención das 9 persoas que ti defendías, o tratamento mediático, nalgún dos medios máis importantes de Galicia, foi pasar a presunción de inocencia polo forro, e asumir así sen máis, as teses referentes a que os detidos eran o brazo político dunha suposta organización terrorista.Sabes se as persoas que ti representaches teñen a intención de exercer algún tipo de acción xudicial contra eses medios para que restitúan o seu honor?

Penso, que si que o están estudando.No que comentas do tratamento mediático non só foi así no momento da detención destas persoas.Resultou moi sorprendente que en pleno xuízo se seguira sostendo nos medios ese carácter acusatorio para unhas persoas ás que non se lles respectou a súa presunción de inocencia

Nalgúns cortes de vídeo, do proceso xudicial, que tiven a oportunidade de ver, parecéronome que as actuacións da fiscalía nalgún momento bordearon o surrealista

Si, é así. Como neste proceso non existía ningún tipo de proba dos feitos dos que se acusaba ás persoas encausadas, pois o procedemento chega a momentos en que se trata de temas verdadeiramente chocantes

Hai unha parte da sentenza que me chama moito a atención e é a que considera que non pode haber enaltecemento cando non existe organización terrorista.Ti cres que pode xerar xurisprudencia?

Non, a xurisprudencia díctaa o TS.Pero si é un aspecto moi relevante porque recolle unha consideración básica desde a perspectiva dos dereitos humanos: Non pode haber enaltecemento de algo que non ten exteriorización real.

Prevés a posibilidade de recurso da fiscalía?

Está no seu dereito pero eu creo que é unha sentenza moi difícil de recorrer

A Nova Peneira