Nas declaracións das testemuñas durante o xuízo polo suicidio de Raquel E.F., unha das funcionarias lembrou que a interna manifestara que “non queria vivir” e o xefe de unidade caeu en contradicións sobre se coñecía ou non as condutas autolesivas da presa. Os funcionarios declararon que as autolesións son habituais entre as persoas presas e as fan “se están moi nervosas ou como forma de relaxarse ou para chamar a atención”.

 

 

Dicía ‘no quiero vivir’, queria mancarse e leváronna a isolamento provisorio”, lembra a funcionaria 373 da prisión de Brians I en relación a unha situación conflituosa en que interveu coa interna Raquel E.F. No pasado 11 de decembro celebrouse na Ciutat de la Justícia a segunda sesión do xuizo pola morte de Raquel E.F., que tirou a vida o 11 de abril de 2015 despois de seis meses no Departamento Especial de Réxime Fechado. Agora a familia reclama unha reparación patrimonial de 19.172,54 euros á Generalitat por esta morte sob a súa custodia. Durante a vista, os responsábeis da prisión aseguraron que non activaran o protocolo de prevención de suicidios porque non consideraron que os indicios que daba Raquel E.F. o fixesen necesario.

Cuestionamento das autolesións

Joan Carles Navarro, na altura director de Brians I, asegurou non ter tido constancia de condutas autolesivas de Raquel E.F. nos días inmediatamente anteriores á morte, “mais si que era unha persoa que tiña un cadro de autolesións xerais leves”, acrescentou. Apesar diso, o ex director considera que “as autolesións na prisión raramente teñen un obxectivo finalista, fanse para rebaixar a angustia, pedir outras cousas, mais raramente teñen por obxectivo a morte”.

Navarro explicou que a activación do protocolo de prevención do suicidio era unha cuestión que dependía dos servizos médicos e psiquiátricos. Óscar Sanz, o psiquiatra que fixo o seguimento de Raquel E.F. desde agosto do 2014 até a súa morte en abril do 2015 afirmou que “o protocolo de prevención de suicidio dependía case exclusivamente das equipas de tratamento”, os funcionarios de prisións e non dos profesionais médicos. A funcionaria 3.123 asegurou que naquel momento, cando se producían situacións de autolesión, limitábanse a comunicalo aos servizos médicos, mais non preenchían ningún formulanio nin seguían ningún protocolo como é obrigado facer actualmente.

Para o avogado de Iridia García Berrio “ficou claro que se estivo traballando nun novo protocolo de prevención de suicidios e que o que existía era informal e non se aplicaba de maneira correcta”. “Hai moitos argumentos que levan a entender que houbo diferentes accións e omisións que terían determinado un resultado diferente para a vida de Raquel e que seguramente seguiría entre nós”, considerou.

“A tese da Generalitat, que coincide con algúns testemuños, é que autolesións como queimar a cela, darse golpes coa cabeza contra a parede ou mesmo que unha das funcionarias dixese que temía pola súa vida antes da morte, tiñan unha finalidade manipuladora, e iso é no preservar o dereito fundamental á vida e á integridade física”, asegurou García Berrio. “Ficou claro que era necesario outro tipo de intervención e que a Raquel o que realmente lle facía dano era o isolamento”.

João França | @jotaemi 

Sònia Calvó | @scalvocarrio

Directa