Datxu Peris, concelleira non adscrita de Catarroja (València), que despois da morte do toureiro Víctor Barrio manifestou que o aspecto “positivo” do feito era que deixara de matar, foi xulgada o pasado 24 de outubro no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Sepúlveda (Segovia) acusada dun delito de intromisión á honra do toureiro. Á saída do xuízo, en resposta a preguntas de xornalistas, Peris declarou non estar arrependida dos seus comentarios.

 

La edil que frivolizó sobre la muerte de Víctor Barrio no se arrepiente

Explicou que “non podía sentir máis polo asasino que morreu que por todos os cadáveres que deixou ao seu paso” e salientou que “ao longo da súa carreira matou demasiado”. Tamén se preguntou cantas baixas máis son necesarias para que “gobernos centrais, Generalitats, Deputacións e Concellos deixen de subvencionar estas prácticas con cheiro a sadismo”.

O seu avogado alegou que estas palabras “non atentan contra a honra do toureiro” e insistiu na falta de “legitimación activa” de pais e viúva do toureiro que esixen a aplicación da lei de Axuizamento Civil, polo que pediu a desestimación da demanda.

Pola súa banda, o avogado da familia de Víctor Barrio e da Fundación Toro de Lidia, José Miguel Soriano, manifestou ante os medios o seu convencemento de que o xuízo, que quedou visto para sentenza, dará a razón á acusación que foi apoiada “con firmeza” polo Ministerio Fiscal.

Soriano insistiu en que se produciu unha “intromisión ilexítima” no dereito á honra de Víctor Barrio, polo que o xuíz “ten que atender estas peticións e condenar Peris para que restableza a honra de Barrio”.

Delito de intromisión á honra

A edil está acusada pola viúva e os pais do toureiro dun delito de intromisión á honra, ao que se sumou a Fiscalía, e polo que a acusación particular pide 7.000 euros de indemnización e que publique nas redes sociais o contido da sentenza.

Tanto a acusación como o Ministerio Fiscal lembraron que “non se trata dun debate sobre a tauromaquia”, senón sobre o dereito á honra dunha persoa que faleceu “trágicamente” durante o exercicio dunha profesión “legal”. Neste sentido, Soriano admitiu que o dereito á honra e a liberdade de expresión “deben coexistir” mais, na súa opinión, “cos límites que implica a liberdade duns e a honra doutros”.

Durante a súa intervención ante o xuíz que instrúe o caso, relatou que Peris empregou expresións “vexatorias”, “ultraxantes” e “desnecesarias” e destacou o uso de palabras no seu comentario como “asasino”, “opresor” e “sadismo”. Ademais, subliñou a repercusión mediática que tivo este caso que cualificou de “reprochable” e “inhumano” e a notoriedade que deu á familia.

Pola súa banda, o avogado da concelleira defendeu que o comentario vertido por Peris é “unha crítica á tauromaquia, unha reflexión política que fixese igual se falecese outro toureiro”.

Tampouco o seu obxectivo era a difusión destas palabras, segundo explicou, xa que non emitiu nota de prensa nin o publicou en foros ou redes de maior repercusión e escribiuno en valenciano nunha rede na que ten 300 contactos. Por último, manifestou que a indemnización que pide a acusación “non ten base” e pediu ao xuíz que teña en conta o dereito á liberdade de expresión.

A fiscal admitiu que a “lexítima” defensa dos dereitos dos animais e a oposición á tauromaquia pode ser feita “doutras maneiras” e sen aludir á traxectoria profesional dunha persoa que faleceu.

Do mesmo xeito, fixo referencia á entrevista que o xornalista Carlos Herrera fixo á concelleira e que se reproduciu ao comezo do xuízo como proba, e ao seu xuízo, “puido utilizala para matizar as súas palabras mais non o fixo”.

Durante esta entrevista Peris insistiu en que se estaban contando “moitas mentiras” en busca do “sensacionalismo” e esclareceu que nunca celebrara “” a morte de Víctor Barrio, senón que o consideraba “unha vítima máis da tauromaquia”.

O próximo 20 de novembro celebrarase outro xuízo das mesmas características neste xulgado e, ademais, hai pendentes outros dous por inxurias e calumnias contra o profesor valenciano Vicente Belenguer, que xa foron admitidos a trámite. Un deles celebrarase en Valencia e outro en Sepúlveda, segundo informou Soriano.

Fonte: La Vanguardia