A Mesa denuncia que o xulgado do penal número 2 desta cidade “incumpre a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias”.

xustiza, xuices, xuiza

 

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que o xulgado do penal número 2 de Lugo se nega a notificar unha sentenza en galego a un cidadán e que iso supón que incumpre a Carta europea das linguas. A Mesa explica que a persoa afectada solicitou en dúas ocasións recibir en galego unha sentenza relacionada coa denuncia a un piquete informativo na folga xeral de 2010. O xuíz respondeulle, informa a MNL, que “non há lugar”, apoiándose no artigo 231 da Lei orgánica do poder xudicial (LOPX) “e ignorando o artigo 9 da Carta europeas das linguas, que como tratado internacional ratificado polo Estado español ten un rango superior á LOPX”.

A Mesa anuncia que vai dirixirse ao Consello Xeral do Poder Xudicial, “para que advirta á xuíza que está obrigada a cumprir os compromisos adoptados polo Estado en relación aos dereitos lingüísticos do cidadán afectado”.

A Mesa xa se ten pronunciado en diferentes ocasións a respecto deste artigo da LOPX, por considerar que “se sitúa claramente fóra da Carta europea das linguas, promovida polo Consello de Europa e ratificada polo Estado en 2001”.
A Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias é un tratado internacional promovido polo Consello de Europa para garantir a normalidade das linguas minorizadas que o Estado español ratificou en 2001 no seu grao máximo. Segundo a Carta, o Estado ten que garantir o uso pleno do galego nos territorios onde é oficial ou está protexido polo Estatuto en ámbitos como educación, xustiza, administración, relación sociais e económicas, cultura ou relacións transfronteirizas.

No seu artigo 9, a Carta estabelece (a. en procesos penais) i. facilitar que os órganos xurisdicionais, a petición dunha das partes, desenvolvan os procedementos nas linguas rexionais ou minoritarias; e/ou iv. producir, previa solicitude, os documentos relacionados cos procedementos legais nas linguas rexionais ou minoritarias pertinentes, se fose necesario, recorrendo ao uso de intérpretes e traducións que non supuxesen gastos adicionais para as persoas en cuestión.

Sermos Galiza