Pablo Hasel dixo hoxe na Audiencia Nacional que ‘Medio país pensa o mesmo’. Escritoras ‘nada sospeitosas de ir contra o Estado’ relatárono nos seus libros, como Pilar Urbano ou Ana Romeu. ‘A ver se ainda vou ser eu o culpábel de que o Rei pida diñeiro público para ir de caza ou pida diñeiro público para pagar o silencio da súas amantes, como Bárbara Rei. Se houbese que pedir prisión para cada medio que contase isto, non habería cárceres que chegasen’, respondeu á Fiscalía.

 

Pablo Hasel

 

 

Hasel volveu ser xulgado na Audiencia Nacional, esta vez por cantar cancions críticas coa monarquía, por mensaxes en redes sociais de denuncia de brutalidade policial e por criticar a morte de Isabel Aparicio, militante dos Grapo que faleceu en abril de 2014 na prisión de Zuera, segundo denuncian colectivos como Socorro Rojo, por ausencia de atención médica. A Fiscalía pede, neste xuízo, até cinco anos de cárcere.

A canción intitulada  Juan Carlos El Bobón comeza co resumo dunha entrevista realizada por unha televisión francesa ao rei de España Juan Carlos, en 1969, en que este louva Franco. A letra da canción, entre outras críticas á Casa Real española, apunta á criminalización da crítica á institución monárquica.

Hasel tamén está acusado por publicar chíos na súa conta do Twitter en que se refere aos supostos ‘negocios mafiosos’ entre a Casas Reais española e saudita.

Os límites da liberdade de expresión

Pablo Hasel defendeu que ‘cada un ten dereito a elixir quen o representa e eses son os exemplos que para min representan a liberdade’. Segundo Hasel, quen se definiu como ‘comunista’, os membros do GRAPO a quen se refería nos seus chíos son para el exemplos de resistencia polas ‘duras condicións que aguantaron en prisión’.

Neste sentido, lanzou: ‘a min os marines estadounidenses parécenme repugnantes. Mais non vou perseguir ninguén porque siga o seu exemplo. Cada un elixe os seus exemplos e quen o representa en liberdade’, defendeuse.

Durante a quenda de última palabra, Pablo Hasel ensinou aos presentes un chío da Policía Nacional do 30 de xuño de 2013 en que se podía ler: ‘Oxalá morran ou (unha bomba)… é unha mesquiñez, unha idiotice, mais NON É DELITO Por que non os ignoras e bloqueas? Cabrearíaste menos’.

Despois fixo unha exposición dos motivos polos que pensa que os seus chíos e cancións non son delito e queixouse de ser perseguido por feitos polos que non se persegue outra xente: ‘Isto é outra inquisición en que non se pode nin sequera contar feitos verídicos. Se se venderon armas a Arabia Saudita eu que teño que dicir, que son para garantir a vida á poboación? Os límites da liberdade de expresión sempre son para os mesmos, os antifascitas. O erro é que eu non sexa un fascista que desexa pór bombas a homosexuais ou cataláns?’, concluíu ante o Tribunal.

 

 

Outras condenas e xuízos

Pablo Hasel foi condenado en 2014 a dos anos de prisión polo contido das súas cancións, mais a AN acordou a suspensión da pena. Tamén ten dúas causas pendentes, coas que as penas de cárcere a que se enfronta poderían sumar até 12 anos.

Segundo explica no video publicado pola plataforma de apoio, unha destas causas é por “desprezar un xogador de futbol nazi”, en referencia ao xogador Roman Zozulya. A outra por denunciar que a policía local de Lleida utilizou unha testemuña falsa para encobrir nun xuízo a brutal malleira propinada a un compañeiro que penduraba cartaces sobre o dereito á autodeterminación.

Fonte: Insurgente e El Salto