Jiménez morreu sob custodia policial no pasado 31 de maio. A xuíza que leva o caso desestimou todas as dilixencias presentadas e deu por finalizado o proceso. Un colectivo de letrados ciganos tenta agora que se saiba o qué foi deste home nas últimas horas nos calabouzos de Alxeciras.

 

Daniel Jimenez

 

 

Daniel Jiménez, un home cigano residente en Alxeciras foi detido e levado á comisaría o 31 de maio, poucas horas despois estaba morto. A súa familia leva desde entón tentando saber o qué pasou. A xuíza non considerou necesario admitir a trámite ningunha das dilixencias solicitadas polos avogados.

O pai de Daniel Jiménez falou co seu fillo o mesmo 31 de maio. Este díxolle que estaba ben e que pasaría ao xulgado no día seguinte. Pola mañá, o home soubo que o seu fillo morrera, suicidárase aquela madrugada. Non lles entregaron o corpo até cinco días despois.

En canto a familia iniciaba un proceso para esclarecer os feitos, nas redes sociais diferentes colectivos ciganos daban visibilidade ao caso. A morte de George Floyd como resultado de violencia policial estaba recente e a denuncia da violencia policial no centro de debate. Moitos preguntábanse por que a sociedade española puña a ollada sobre o acontecido nos EUA e non sobre a realidade do pobo cigano, concretamente en casos como este. Lembraban tamén a impunidade coa que se responde a estes feitos. Unha impunidade que a familia, da man de Xuristas Ciganos, quere evitar despois de a xuíza ter arquivado o caso despois de recusar as principais peticións de dilixencias.

Na comisaría de Alxeciras faleceron dúas persoas en menos de cinco meses e da mesma forma, denuncia a Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía (APDHA)
‘Falamos de dilixencias como a recolla de declaracións dos policías que estaban a cargo da custodia de Daniel cando se produciron os feitos. Identificación doutros detidos nese momento no calabouzo e, por suposto, o máis importante: as gravacións nos calabouzos dese día’, repasa o avogado Israel Cortés que estima que é de suma gravidade que se recusase esa información. Gravidade á que se suma a fórmula elixida pola xuíza para desestimar as dilixencias: ‘Faino através dunha providencia que é un tipo de resolución que está pensada para meros trámites e que non require sequera de xustificación. Algo así debe ser xustificado por auto e, alén diso, fundamentándoo, porque se non xeras unha indefensión que é absolutamente inadmisíbel’. Para Cortés, as implicacións deste proceder son relevantes: vulneran o dereito á tutela xudicial efectiva. Anuncia que tamén recorreron esa providencia.

Esta resolución por providencia é unha anomalía máis das que padece o caso, como a non entrega do corpo durante días e o feito de ser a segunda morte dun interno en iguais circunstancias. ‘O que me parece mais grave aínda é que nin sequera nos admitiron a trámite a comparecencia’. Un feito que Cortés atribúe en certa medida ao hiato derivado da pandemia, mais que limita as súas posibilidades de participar no proceso.

 

As gravacións en vídeo non foron remitidas ao avogado da familia, e poderían ser eliminadas automaticamente aos 30 días da súa gravación

 

‘Non só pedimos as prácticas de dilixencia, senón tamén que se garanta que eses vídeos son conservados tendo en conta que en trinta días a gravación pode ser eliminada’. As gravacións permitirían ver que aconteceu, mais ‘o tempo corre en contra de nós, lamenta o avogado. Cortés fala en plural, pois non está só neste recurso. Pertence a un colectivo de Xuristas Ciganos. O caso Jiménez é a súa primeira experiencia común.

AVOGADOS CIGANOS
‘Que haxa un colectivo de avogados ciganos é unha boa noticia, era necesario’, explica Iñaki Vázquez, director da Plataforma Khetane, unha entidade que reúne colectivos ciganos por todo o estado. Vázquez conta que, en xeral, até o momento para tratar coa xustiza optábase a miúdo por recorrer a avogados e avogadas ciganas ou xente con sensibilidade sobre este asunto. O feito de se ter articulado unha rede, pensa, facilitará este labor de coordenación ante as dificultades de acceso á xustiza que padece o pobo romaní.
‘Se os ciganos e ciganas non acceden á Xustiza, é un tema estrutural. Se tivésemos que reducilo a unha frase, diría que s e trata dun tema de desconfianza nunha parte do poder do estado que normalmente é culpabilizadora dos ciganos’. Vázquez compárao até un certo punto co que pode pasar coas violencias machistas, e as reticencias daquelas mulleres que ao padecer violencias machistas, senten ‘que non se acredita nelas e alén diso son culpabilizadas’.

 

Se realmente Daniel Jiménez se suicidou sob custodia policial, ‘teremos que ver se nese labor de custodia foron cumpridas todas as esixencias para evitar que iso acontecese’, apunta o avogado

 

Cortés conta que no caso de Jiménez ‘a familia está rota. Agora mesmo o que queren é saber o que aconteceu, buscan descansar. Asegurarnos de que foron cumpridas todas as garantías con Daniel, nin máis nin menos’. O avogado considera necesario deitar luz sobre o asunto, tanto se se corresponde co que di a versión policial como se non. No primeiro caso, apunta, se realmente Daniel Jiménez se suicidou estando sob custodia policial, ‘teremos que ver se nese labor de custodia foron cumpridas todas as esixencias para evitar que iso acontecese’. Ver, en definitiva se hai responsabilidades e que sexan apuradas, porque é evidente que non é normal que alguén morra de maneira violenta nunha comisaría’.

E menos normal é, que como denunciaba a Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía (APDHA) na pasado terza-feira 23, que isto aconteza dúas veces en menos de cinco meses. A organización rexistraba unha Queixa xunto do Mecanismo Nacional para a Prevención da Tortura (MNPT) e solicitaba que se realizase unha visita á Comisaría Local de Alxeciras co fin de examinar as condicións de detención e custodia, pois, á morte de Daniel Jiménez, hai que sumar a de Imad Eraffali hai menos de seis meses. A delegación do Campo de Xibraltar, comunicaba en nota de prensa que sentía preocupación ‘dado que as dúas persoas morreron da mesma forma, por esganamento coas tiras dunha manta’.

Na APDHA cuestionan que os protocolos de actuación policial durante a detención e custodia sexan adecuados para evitar estes casos, así como, en termos de vixilancia, lembran que ‘a Instrución 11/2015 da Secretaría de Estado de Seguranza obriga a dispor de sistema de vídeo-vixilancia e vídeo-grabación de todas as dependencias en que, pola razón que for, permanezan as persoas detidas conforme aos requisitos técnicos establecidos polo Ministerio do Interior despois de diferentes recomendacións do Defensor del Pueblo’.

 

O delegado de Alxeciras, Andrés de la Peña, reafírmase na súa estrañeza, xa non só ante o feito de se teren producido dous casos de suicidio senón ante as circunstancias, case idénticas, e que en ambos os casos o xuíz a cargo non vise nada estraño

O delegado de Alxeciras, Andrés de la Peña, reafírmase na súa estrañeza, xa non só ante o feito de se teren producido dous casos de suicidio senón ante as circunstancias, case idénticas, e que en ambos os casos o xuíz a cargo non vise nada estraño. Conta que no caso de Eraffali, o mozo marroquino que aparentemente fora á cidade ver a moza, foi detido por unha cuestión de papeis. 72 horas despois de entrar nos calabouzos estaba morto.

Conta que se o primeiro caso lles pareceu estraño mais entenderon que talvez entraba no pausíbel, a cuarentena, a posibilidade de o mozo tirar a vida ante a angustia dunha eventual expulsión, ‘no segundo feito dixemos, aquí pasa algo. Neste caso, de resto, ao principio algúns medios dixeron que o mozo xa tentara suicidarse. De ser así, o mínimo é ter un protocolo preparado para que esta persoa con estes indicios non o tentase outra vez’.

Alén de divulgar diversas versións dos feitos, ‘rumoroloxía’ nos termos do letrado Israel Cortés, foron varias as versións dos motivos polos cales a policía tería detido Jiménez, sendo finalmente unha cuestión de violencia de xénero o determinante. Para este avogado, contodo, do que fose acusado Jiménez e a causa ao redor da súa morte son dúas cuestións totalmente diferentes.

Vázquez resúmeo así: ‘Cando hai un incidente racista articúlase todo un sistema de culpabilización da vítima porque algo faría, ou se comportaría dalgunha maneira incorrecta. E o que fai o movemento, Black Lives Matter é dicir, non me importa o máis mínimo o que fixese, este asasinato ten unha componente racista que hai que eliminar da sociedade, hai que acabar con ela, argumenta desde unha ollada máis ampla que a que, culpabilizando a vítima, ‘dalgunha maneira xustifica a reacción recibida’.

Por iso, tanto Vázquez como Cortés consideran un grande paso á frente a creación deste grupo de avogados e avogadas ciganos, sensibeis ao anticiganismo e ao racismo institucional e control policial que forma parte da realidade cotiá do pobo romaní. ‘No fin de contas o dereito non é máis que unha expresión da propia sociedade en que vivimos’, argumenta Cortés. ‘Nós o que non quereríamos que acontecese nunca é que a morte dunha persoa, neste caso particular dun cigano, se meta nun arquivo de mero trámite’.

Para Cortés, apesar do doloroso do caso, o feito de que se teña creado estre ‘brazo xurídico propio’ é moi emocionante, pois ‘é evidente que a vía xurídica, a vía legal é unha ferramenta indispensábel que hoxe por primeira vez utilizamos de maneira colexiada como ciganos.

O grupo, un proxecto con varios meses de percorrido que comezou a articularse durante a pandemia mediante encontros online conta hoxe con persoas en todo o territorio: ‘Non temos todos unha relación directa ou non a tivemos até a data, mais eu creo que compensamos esa falta de cohesión agora mesmo coa sensación de que estamos a facer historia dalgunha maneira e sabendo que toda esta experiencia imos combinala no futuro porque infelizmente imos ter que lidar en máis dunha ocasión con situacións así’. Para facilitar o seu labor o grupo ofrecerá nos próximos días asesoría xurídica virtual.

SARAH BABIKER

El Salto Diario