A curtametraxe ‘Yalla‘, de Carlo D’Ursi, recentemente galardoado co Premio a Mellor Curtametraxe nos Premios Forqué, mostra o asasinato de crianzas en zonas de conflito e o impacto que teñen os drones non tripulados nos ataques á poboación civil. Cinema para despertar conciencias e que non todo nos sexa indiferente.

 

O 16 de xullo de 2014, catro nenos de entre 9 e 11 anos foron asasinados pola Mariña israelita na Faixa de Gaza. Xogaban fútbol na praia cando un dron militar non tripulado lanzou sobre eles un proxectil que acabaría coas súas vidas. Despois da investigación, o procurador xeral do Exército israelita concluíu que se tratou dun erro de identificación: pensaban que eran combatentes, non crianzas. Así, exculpou de toda responsabilidade as forzas israelistas. Unha decisión que provocou que diversas organizacións polos dereitos humanos alzasen a voz para denunciar o caso.

“Descubrín esta historia nunha viaxe a Palestina, alí coñecín un mozo que me contou como o seu irmán pequeno perdera a vida nun bombardeo cando xogaba fútbol cos seus amigos”, explica Carlo D’Ursi, director de Yalla, unha curtametraxe que recrea o momento exacto en que estes nenos son atinxidos polas bombas e que foi recentemente galardoado co Premio a Mellor Curtametraxe nos Premios Forqué. “Como director, indaguei durante moitos anos no campo dos dereitos humanos, e en especial dos dereitos da infancia. E neste caso, interesábame moito investigar o uso descontrolado dos drons militares, que causan vítimas civís inocentes”, di.

Durante a última década, os drons non tripulados formaron parte fundamental das estratexias militares. O motivo principal é que este tipo de ataques «teñen un custo económico moito máis baixo”, mais supoñen “un perigo enorme para a poboación civil que vive co constante temor de sufrir un ataque fulminante que en ocasións é totalmente arbitrario”, explica o cineasta. Por outra parte, o uso de drons non tripulados en operativos militares facilita o acceso a zonas remotas e permite realizar ataques sen asumir o risco de recibir unha contra-ofensiva.

Na curtametraxe, D’Ursi marca unha distinción cromática cando son mostrados os nenos -en branco e preto-, coa visión desde os drons -a cores-. Unha elección artística que nace da necesidade de representar de forma simbólica o contraste “entre o mundo a cores e aqueles que nunca terán a posibilidade de ver o mundo en policromía”, sinala o director.

Segundo a ONU, na actualidade, polo menos 102 países contan cun inventario activo de drons militares e 40 máis posúen ou están en proceso de adquirir drons armados. Así mesmo, a organización denuncia a gravidade do feito de existir unha proliferación de drons de guerra, que acontece sen regulación ou control. E é que os asasinatos con drons non están suxeitos de forma específica polas leis nacionais e internacionais, xa que non hai unha comisión investigadora que denuncie as consecuencias destes fenómenos. De feito, en moitas ocasións, nin sequera se informa das mortes ou lesións que os drons causan á poboación civil debido á imposibilidade de achar unha persoa física culpábel.

En xaneiro de 2020, Donald Trump orquestrou un bombardeo con drons que acabou coa vida do xeneral iraniano Qasem Soleimani, na cidade de Bagdad. Un crime de guerra que constitúe unha violación do Dereito Internacional. «Moitos Estados lanzan ataques de forma indiscriminada”, comenta D’Ursi, que cre que este tipo de actuacións por parte das principais potencias “fainos responsabeis directos das guerras que ocorren no Oriente Medio”.

Juan Salinas Quevedo

El Asombrario & Co.