“Primeiro neno yihadista condenado en Madrid”, alertaba a primeira páxina do ABC nesta sexta-feira. E un le a información e parece veraz, mais o que non acabas sabendo, por moito que leas, é o porqué desta condena. Son asuntos secundarios que non teñen por que desvelar o xornalismo nin a xudicatura. O importante é informar de que os mouros, desde pequenos, son moi malos.

 

                     Primeira páxina do ‘Abc’.

 

Aníbal Malvar

 

Sobre fondo negro, en lúgubre portada, é resumida a historia deste asasino sen asasinados: “Ficou orfo de pai sendo moi neno en Marrocos. Era un perigo real para a seguranza de España. De familia desestruturada, con apenas 12 anos comezou a consumir propaganda djihadista. Aos 16 estaba ao servizo do Daesh, asumira o seu sangrento ideario e xurara fidelidade ao grupo terrorista”.

Parece a biografía de Froilán en versión mil e unha noites, plausíbel agora que o sobriño after hours do rei váisenos exiliado a Abu Dabi.

Se a detención do rapaz é tal e como nola conta o torcuatiano xornal, estamos ante un claro caso de condena preventiva en plano Minority Report. A condena, por suposto, é de conformidade. É costume que as condenas de conformidade se produzan cando o teu avogado de oficio ten o día preguiceiro ou considera que as probas son terminantes. A proba de que o neno este é culpábel de algo é a colección de vídeos djihadistas almacenados no seu teléfono. Non vexo motivo nin para a detención nin para que a historia mereza primeira páxina nun dos nosos máis grandes diarios, salvo que un queira perceber certo cheiro racista por trás de todo o asunto.

Non lembro que xurista de prestixio dixo, non hai moito, que a Xustiza española está deseñada para condenar os ladróns de galiñas e absolver os grandes delincuentes. O deste rapaz ten toda a pinta de caso ladrón de galiñas. Se todo o seu delito consistiu en descarregar vídeos de asasinatos djihadistas, é un asunto máis de psicólogos que de policías e xuíces. A nosa Xustiza e as nosas forzas de seguranza, segundo a información de Pablo Muñoz, andan perseguindo adolescentes por rumores de aldea: “A Policía puxo no foco o mozo grazas á colaboración cidadá. Os axentes recibiron unha alerta segundo a cal un home menor de idade chamaba moito a atención polo grao de radicalismo djihadista que exhibía, ao punto de asumir o ideario do Estado Islámico. Durante meses os investigadores centráronse en controlar as actividades do rapaz, até os servizos de Información conseguiren acceder ao seu teléfono móbel”.

Se a cousa é como nola conta o repórter, podemos imaxinar os homes de Harrelson escoitando e gravando, durante meses, as conversas dun rapaz de 16 anos sen ningún tipo de antecedente, os seus vídeos porno se os houbese, as súas video-chamadas con noivos e noivas, as súas emoticones, a súa intimidade. Debe de ser moi humillante para un bo axente que che asignen unha misión así, entretanto a identidade do inescrutábel Eme Punto Rajoy continúa a ser un misterio policial.

Público