“Un cidadán acaba de perder o seu posto de traballo por facérense públicos os seus antecedentes policiais. A súa xefa foi informada de xeito ilegal acerca do seu expediente, por parte dun axente da Policía Nacional de Santiago de Compostela. Esta vulneración da confidencialidade está gravemente penada pola lei, máis aínda ao tratarse dun membro das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Segundo informa o MpDC, a persoa despedida inxustamente presentou unha denuncia contra a Policía Nacional polo Delicto de Descubrimento e Revelación de segredos, recollidos nos artigos 197 a 201 do Código Penal, dentro do seu título X referido aos Delictos contra a Intimidade, o Dereito á Propia Imaxe e a inviolabilidade do domicilio, e polo Delicto de Infidelidade na custodia de documentos e Violación de Segredos, dos artigos 413 a 418, incluídos dentro do Título XIX dos Delictos contra a Administración Pública.

“Os feitos ocorreron hai un mes, cando a propietaria dun local hostaleiro de Santiago comunicaba o despido a un dos seus empregados sen razón aparente. O despedido, abraiado polos feitos, regresou ao día seguinte a aclarar a situación e a reclamar unhas horas extras que aínda que non foran remuneradas”, contan dende o MpDC. A xefa explicoulle ao empregado que o motivo fora o coñecemento que ela tiña dos seus antecedentes policiais. “Ao día seguinte, sospeitando que o seu dereito á intimidade fora vulnerado e sabendo que esta información só podía provir de fontes policiais, o denunciante acudiu novamente á cafetería onde traballaba para tentar coñecer máis datos (…) cunha gravadora oculta por se coas súas palabras puidese confirmar algunha das súas sospeitas”.

A xefa acusou ao empregado de roubo, baseándose nos seus antecedentes. A dona do local recoñece que alguén lle filtrou esta información pero négase a dicir a identidade Independentemente do que a gravación poda demostrar parece claro que a xefa coñecía datos da súa ficha policial, datos que non foron facilitados polo denunciante, e que só poideron chegar ao seu poder a través de fontes policiais. A amizade entre a hosteleira e un axente parece confimalo.

Este cidadán decidiu presentar unha denuncia para esclarecer de onde saiu a información sobre a súa ficha policial e conseguir que o axente responsábel pague todo o dano que lle causou, ao quedar sen traballo e en moi malas condicións para atopar un novo pola súa reputación.”