Nos meses pasados temos sido espectador*s dun feito profusamente publicitado, en tanto que fenómeno que hibrida códigos do relato de sucesos coa gramática da comunicación rosa: o quebrantamento dun permiso de saida e posterior fuga ao bairro de Palermo, en Buenos Aires, do coñecido avogado J.E. RODRÍGUEZ MENÉNDEZ, recluso entón na prisión de Teixeiro.

Prácticamente no mesmo periodo aconteceu outro feito moito mais relevante, se ben non atopou igual eco mediático, ata o punto de que, con seguridade, se non tivese acontecido o primeiro, nunca seria publicitado. O 28 de agosto deste ano morreu en Teixeiro unha reclusa, C. BORJA JIMÉNEZ, de 44 anos de idade, por un fallo orgánico xeralizado vencellado a un avanzado proceso de degradación por infeción por VIH. C. BORJA estaba en prisión, como unha a maioria das mulleres reclusas, por tráfico de drogas.

Se ben toda morte en prisión é un feito notablemente lamentable, a frecuéncia coa que se producen falecementos nos cárceres apenas teria convertido ese óbito nun evento noticiable, as suas contradicións co caso RODRÍGUEZ MENÉNDEZ suscitaron a atención mediática. C. BORJA morreu en prisión porque en duas ocasións non se aceitou a sua petición de excarceración por enfermidade grave, suposto previsto polo art. 92 Código Penal. O mais chamativo, e o mais disimil entre os dous casos mencionados, é que quen tivo que decidir sobre ambas solicitudes de excarceración foi o mesmo xuíz de vixiáncia penitenciária, e que ese maxistrado contradeciu a decisión anterior da xunta de tratamento de Teixeiro tanto no caso de RODRÍGUEZ MENÉNDEZ (cando a prisión recomendara a denegación do permiso) canto no de BORJA JIMÉNEZ (no cal a xunta aprobara a excarceración).

Desde este marco comparativo, o caso RODRÍGUEZ MENÉNDEZ non amosa únicamente as evidentes diverxéncias de tratamento da xustiza penal. Ese punto de vista é óbvio, tanto que constituiu o marco de sentido co que os médios relataron o suceso do avogado. Polo demais, esas diferéncias de trato son tan manifestas que xa foron analisadas en profundidade, hai várias décadas, por orientacións de pensamento penal como o interacionismo simbólico, a teoria do etiquetamento ou a Criminoloxia crítica.

En consecuéncia, ler ambos casos desde ese punto de vista teria seguramente escaso interese. A perspectiva mais ilustrativa é ben outra, neste caso ausente da narrativa mediática. O caso RODRÍGUEZ MENÉNDEZ debe ser contemplado, ante todo, como expresión dunha sorte de profecia autocumprida, como unha mostra de que un estado de opinión socialmente construído está –aparentemente- no certo. Ese estado de opinión é a convición da excesiva benignidade do sistema penal, derivado tanto da insuficiente dureza das leis, canto do torticeiro aproveitamento das garantias por parte d*s infractor*s e da indulxéncia d*s xuíces/zas. Como toda persoa informada sobre a matéria coñece, a realidade é ben outra. En efecto, os datos estatísticos mais reveladores permiten afirmar, sen temor á hipérbole, que o sistema punitivo español é o mais severo de Europa occidental, apenas comparable co portugués, e que mesmo está á altura, en cuestións como a duración média das condeas, con o de estados do leste como Rúsia.

Ainda así, esta diverxéncia entre realidade e simulacro nas representacións do sistema penal non é tampouco nada novo. Daria, en todo caso, para unha reflexión sobre os marcos de sentido que permiten unha confusión tan insensata entre a realidade e a sua representación.

O verdadeiramente relevante reside, xa que logo, en percibir que o que condiciona a evolución e as próprias mudanzas do sistema punitivo español é o simulacro –é dicir, a grotesca convición da excesiva benignidade do modelo de castigo vixente-, e non a realidade. Se acaso poidese caber algunha dúbida neste punto, a luctuosa história de C. BORJA é suficiente para desbota-la. Ante todo, sirve para cuestionar a pretendida indulxéncia xudicial. Nada mais lonxe da realidade: *s xuíces/zas son partícipes –en ocasións, mesmo cualificad*s- dos mesmos estereotipos que comparte a cidadania, é dicir, do simulacro. Razóns variadas, entre as que se contan unha formación limitada, un grave descoñecemento da realidade penitenciária –isto tamén compartido co conxunto da cidadania- e os efectos dunha cultura profesional fortemente corporativista, fan que *s xuíces/zas actuais presenten en xeral menos tendéncia ao garantismo próprio do Estado de Dereito que ao populismo punitivo, hexemónico nos planos social e político.

En consecuéncia, a clave de leitura mais interesante do caso RODRÍGUEZ MENÉNDEZ, cando menos desde unha perspectiva de compromiso social e político, reside en confrontar o efecto do simulacro: a triste quimera dunha reclusión que non remate.

Ese desexo colectivo ten condicionado boa parte das últimas reformas penais, sustentadas sobre o erróneo convencemento de que o sistema penal español é excesivamente xeneroso na concesión de vias de excarceración anticipada. Cuestionar aquelas reformas esixe, xa que logo, desvelar a inveracidade dese presuposto.

Comezando polos permisos de saida, o sistema penitenciário español caracteríza-se, frente ao doutros estados, por unha maior escasez na concesión de permisos de saida penitenciários. Non en van, as taxas de quebrantamento dos permisos (o cal en moitos casos consiste apenas en retrasos dalgúns dias no retorno ao cárcere) son no noso sistema completamente insignificantes. A modo de mera referéncia, en datos de 2004, se quebrantaron o 0’21% dos 3367 permisos extraordinários concedidos -1 de cada 476-, o 0’57% dos 76974 permisos ordinários -1 de cada 175- e o 0’02% dos 153314 permisos de fin de semana -1 de cada 5000!-. Estes datos deben valorar-se, ademais, á luz da coñecida prudéncia das institucións penitenciárias e dos xulgados de vixiáncia á hora de conceder permisos, toda vez que ambos estamentos se ven tamén alcanzados pola tendéncia ao populismo punitivo. O caso RODRÍGUEZ MENÉNDEZ, polo tanto, é noticiable non só pola persoa en cuestión, senón tamén porque se trata dunha absoluta excepción.

Se esta é a situación real dos permisos, cos rexímenes de 3º grao (semilibertade) e de libertade condicional acontece algo semellante. Frente á opinión xeralizada, segundo o cal *s reclus*s saen sempre de prisión moito antes do que lles corresponde, as estatísticas evidencian que o 60% cumpre a condea íntegra en privación de libertade non atenuada, e que o 75% nunca alcanza o estádio de libertade condicional. O caso BORJA JIMÉNEZ, polo tanto, alén do seu triste desenlace, non pode contemplar-se facilmente como excepcional.

A pesar de que estes datos son os que ofrecen unha cartografia mais exacta do noso sistema carcerário, os sucesivos governos centrais, en particular o do PP –mestre no impulso dunha política punitiva baseada no simulacro- teñen intentado, por múltiples vias, evitar a rehabilitación progresiva dos reclusos, isto é, as libertades e semilibertades anteriores á data límite de condea.

As mais coñecidas desas vias son as pensadas específicamente para delitos de terrorismo –pero non aplicadas só a ese eido-, como o réxime do mal chamado cumprimento íntegro das penas e a igualmente infausta Doctrina Parot.

Sen embargo, o combate ás libertades e semilibertades, como sorte de procura da quimera dunha reclusión que non remate, non se esgota na confrontación co terrorismo. As reformas legais teñen intentando dificulta-las sobremanera para a xeralidade d*s reclus*s.

De xeito sinalado, no ano 2003, momento no que atravesaba un dos seus peores momentos de popularidade, o governo central impulsou reformas que impiden o acceso á semilibertade antes de metade do cumprimento en penas de prisión superiores a 5 anos (art. 36.2 CP; aplicable en 2006 ao 25’1% dos reclusos) e, sobre todo, o acceso á semilibertade e á libertade condicional, en calquera caso, sen o pago das indemnizacións derivadas do delito (arts. 72.5 Lei Orgánica Xeral Penitenciaria, 90 CP). Esta última medida, que aparentemente poderia parecer lóxica, supón descoñecer a realidade carcerária, na cal a meirande parte d*s reclus*s non conta con posibilidades de abonar esa responsabilidade civil.

Sen embargo, desde hai lustros resulta evidente o carácter autopoiético da actual cultura do castigo: todo endurecemento punitivo resulta sempre insuficiente, insatisfactório –entre otras cousas pola inevitable distáncia que separa as quiméricas expectativas que xera dos limitados resultados que pode producir-, co que só crea as condicións para unha ulterior demanda de incremento da severidade do castigo.

Algo disto estamos a vivir nestas semanas, nas que o governo central ven de propoñer un novo salto adiante na procura da quimera dun castigo que non remate. Se ata o de agora tratába-se de dificultar de xeito obsesivo a posibilidade de que *s reclus*s poidesen sair de prisión, mesmo ocasionalmente, antes da finalización do tempo de condena, a preocupación presente vai moito mais alá diso, abandonando xa a retórica do Estado de Dereito moderno. O tempo de condea xa non é mais que unha parte do castigo, na medida en que o governo ven de propoñer que determinad*s infractor*s, que actualmente poden acomodar-se ben ao rol de inimig*s, podan sufrir unha libertade vixiada de ata 20 anos tras ter cumprido a condea. Unha vez mais, unha medida carente de utilidade instrumental algunha, que non sexa a de procurar o incremento da aprobación cidadá do executivo, mediante a canalización das obsesións vindicativas –frente *s condead*s pola violéncia ilexítima en Euskadi- e dos medos irracionais –frente aos depredadores sexuais- colectivos.

Esta última reforma proxectada enmarca o tipo de reflexións críticas que merece toda a obsesión quimérica por un castigo que non teña fin.

O primeiro orde de críticas é de carácter axiolóxico. Mal que ben, a Constitución vixente continua a proclamar que a finalidade principal da prisión é a resocialización. Óbvio resulta que medidas que pretenden simplesmente impedir calquera saida de prisión son incompatibles co postulado de reinserción. A rehabilitación só pode lograr-se incrementando as posibilidades de (re-)adaptación á sociedade exterior aos muros da prisión. Mesmo ainda que nada importase quebrar o marco do art. 25.2 CE, o problema reside en que o castigo próprio do modelo de Estado moderno calificado como social, como democrático e como de Dereito non resulta pensable sen un momento rehabilitador. En consecuéncia, un esquema de castigo que persigue a quimera dunha reclusión que non conclúa corresponde a outro modelo de estado, a unha nova constitución material, que convirte á letra da CE 1978 apenas na constitución formal.

O segundo orde de críticas é de carácter utilitarista. O modelo de reclusión pechada que se persigue é contraditório cos mais básicos postulados do utilitarismo, sinaladamente da racionalidade instrumental moderna.

En primeiro lugar, a prisión pechada é un modelo moi disfuncional para o governo da vida penitenciária, que precisa dos estímulos, en forma de semilibertades, libertades e permisos de saida, necesários para disciplinar a convivéncia carcerária. Neste punto reside unha das –aparentes- contradicións da evolución do modelo penitenciário español durante a última etapa. Mentras o governo, no momento simbólico-comunicativo de produción das leis, persigue o progresivo endurecemento do castigo, de acordo cunha lóxica própria do espectáculo, a administración carcerária devalua permanentemente o modelo de prisión pechada, aproveitando as grietas normativas, e garantindo as liñas de fuga necesárias para o governabilidade prisional. A proba mais evidente disto é que, a pesar de que desde 2003 se pretendeu a redución drástica das semilibertades e libertades condicionais, a situación non ten mudado de xeito moi significativo, como consecuéncia da correción penitenciária das novas regras.

En segundo lugar, o modelo de endurecemento do castigo emprendido nos últimos lustros resulta disfuncional desde unha perspectiva mais xeral. Supón un gasto innecesário de libertade, do conxunto da cidadania que pode ser obxecto de castigo, en aras dun benefício apenas marxinal en matéria de seguridade. A evidéncia mais palmária é que o sistema punitivo español continua facendo un uso da prisión excesivo –en atención ás pautas dos demais paises europeus- para unhas taxas de criminalidade notablemente baixas, sen que a segunda magnitude garde conexión causal coa primeira. A reflexión económica sobre o castigo, tan á moda en EE.UU., deberia ser atendida cando menos para reflexionar sobre estos resultados antiutilitários.

Por todo iso, o modelo da prisión pechada, orientado tendencialmente a unha reclusión sen fin, é por completo inaxeitado. Por razóns axiolóxico-constitucionais ou por motivos utilitários deberia ser abandonada, para pensar outro esquema que seria moitas outras cousas, pero ante todo mais humano. A solución dos desequilíbrios sociais e das ansiedades colectivas non pode seguir residindo no permanente endurecemento do castigo e no incremento contínuo do que alguén tan pouco sospeitoso de radicalismo como WEBER definira hai case un século como violéncia do estado.