Os colectivos galegos Esculca, Fuga en Rede e Pallasos en Rebeldía protagonizaron onte un acto de protesta e informativo sobre a situación en Palestina durante a conferencia que o ex ministro de Exteriores israelí Shlomo Ben Ami pronunciou no CGAC. Antón Gómez, membro de Esculca e activista, asegura que o acto tiña tamén coma obxectivo informar sobre a campaña de boicot e desinvestimentos lanzada contra o Estado de Israel. “Trátase de campañas promovidas dende a sociedade civil e coas que se pretende presionar os gobernos para que desestimen calquera tipo de acordo económico, financeiro ou cultural con Israel mentres manteña o bloqueo a Gaza e a ocupación en Cisxordania”, asegura.

Cal era o obxectivo do acto de protesta de onte en Santiago?
Dalgún xeito, a protesta enmárcase no que significa a figura de Shlomo Ben Ami, que representa esta retórica de personaxes que na súa biografía política tiveron cargos no goberno israelí e que se adican a dar conferencias falando da diplomacia coma un xeito de chegar á paz. Nós pensamos que todo iso son palabras que en absoluto se van converter en feitos.

Está o proceso de paz abocado ao fracaso entre Israel e Palestina?
Ambas as partes están completamente deslexitimadas. A israelí, porque dende o meu punto de vista non ten vontade de chegar a ningún acordo, nin de mínimos. E na parte palestina porque a representatividade de Abbas é dubidosa. Tiña que ter convocado eleccións hai xa moitos meses e á parte disto hai unha fractura entre Gaza e Cisxordania. A gobernabilidade está rachada e probabelmente nin Mahmoud Abbas a día de hoxe represente á poboación de Cisxordania. As negociacións non son máis ca un xesto.

O final da moratoria sobre a construción de colonias e as novas vivendas en Xerusalén enquista aínda máis a situación. É ese o grande atranco para o proceso?
É brutal o nivel de colonización. Nós estivemos hai cinco anos en Palestina, voltamos este ano e puidemos comprobar que agora mesmo en todo Xerusalén Este hai milleiros de colonos vivindo. Todo o que se di da moratoria é a punta do iceberg de algo que é a política de colonización que o que fai é imposibilitar a negociación, até o punto de que hoxe a parte palestina xa nin pon Xerusalén Este como algo a negociar, xa se dá como perdido e isto ten que ver coa política de colonización que non vai parar.

Sharon ordenou a retirada dos colonos en Gaza en 2005? Por que Israel non podería poñer en marcha a mesma solución para as colonias en Cisxordania?
É unha cuestión de política interna israelí. Nos últimos anos tendeuse a unha radicalización da sociedade israelí e a unha polarización. A que leva isto? A que a día de hoxe os partidos ultraortodoxos sexan os partidos bisagra que posibilitan a gobernabilidade do Estado de Israel mediante a esixencia de determinados tipos de cuestións, vencelladas ás colonias e outros aspectos militares. Hoxe en día é moi difícil desaloxar eses partidos do lugar que ocupan no poder. A radicalización do Estado de Israel nos últimos vinte anos está clara. O que quedaba do sionismo laico cada vez desaparece máis rapidamente e o que chega ao poder é un sionismo radicalizado tanto cultural como relixiosamente que secuestra o país.

Cal é a solución a medio prazo para acadar a reconciliación interpalestina?
Iso depende deles, entendo que dende a sociedade civil internacional se deben presionar os gobernos para que non deslexitimen o goberno de Hamás e respecten as decisións. Nós non podemos interferir en cuestións internas.

Cre que Israel emprega o discurso do antisemitismo para facer fronte ás críticas por algunhas das súas políticas?
Ese discurso está de raíz deslexitimado. Moitas das voces que se escoitan na sociedade civil internacional son de procedencia xudía, entre elas a de Noam Chomsky. E logo hai unha parte da sociedade mundial xudía que está en contra da ocupación. Nun eido global, hai un activismo compartido con esas partes da sociedade israelí que critican as políticas de colonización e a propia ocupación.

Teñen peso eses grupos en Israel?
Mediaticamente teñen moita forza, probabelmente máis do que é a súa representatividade real. Pero iso é dentro de Israel. Fóra non se lles dá a visibilidade que deberían ter. Organizacións coma Breaking The Silence están formadas por persoas que viviron en primeira persoa a ocupación e que despois de coñecela se senten fondamente mal e a denuncian. Unha das cuestións fundamentais para acabar coa ocupación é amplificar e acompañar o discurso deste tipo de organizacións que dende dentro tentan criticala.