A Segunda Frotiña Rumbo a Gaza ten as datas pechadas. Trece barcos –doce europeos e un estadounidense– partirán deica pouco con axuda humanitaria cara a ese territorio palestino. Pero os cinco integrantes galegos da expedición que tentarán rachar o bloqueo israelí a Faixa de Gaza seguen traballado para recadar máis apoios. Ultiman un acto en Compostela de despedida e habilitaron unha páxina web –www.saramaganta.info– para recoller as sinaturas de apoio. Elvira Souto, unha dos cinco activistas que se embarcarán este verán cara a Gaza, asegura que solicitaron o apoio e a protección das autoridades galegas, españolas e europeas para evitar que Israel cometa un masacre como o de 2010, no que morreron 9 activistas turcos e outros 30 resultaron feridos. Pero até o momento non houbo resposta.

A Segunda Frotiña parte nun escenario diferente do de 2010. Exipto vén de abrir o paso de Rafá e por vez primeira en catro anos Gaza ten unha porta aberta ao mundo...

O paso non está aberto para todo o que queira pasar por el. Ten limitacións. Pero o bloqueo mantense por mar con consecuencias terríbeis. O feito de que a Armada de Israel bloquee a entrada a Gaza impídelles aos pescadores faenar. O peixe está a cinco millas da costa, que é unha zona prohibida para os gazatíes. E, deste xeito, un territorio que é unha faixa fronte ao mar ten que importar peixe fresco. É un xeito de afogalos economicamente. Pero alén das consecuencias que ten para a vida das persoas, é ilegal. O feito de que non se poidan importar materiais de construción levou a que a auga estea toda contaminada despois dos bombardeos de Israel. E tamén se depende da enerxía israelí. Gaza é coma un campo de concentración, coma un Auschwitz moderno.

Zarpan co temor a que Israel poida responder cun masacre semellante ao do ano pasado?

Con temor, si; pero tamén coa esperanza de que non ocorra. Temos a esperanza de que os gobernos europeos tomasen nota do que aconteceu o ano pasado –unha acción que non só foi cruel e criminal, senón ilegal dende a perspectiva do dereito internacional. E tamén esperamos que haxa sentido común por parte das autoridades españolas. Nós solicitamoslles aos gobernos galego, español e europeo que interveñan e fagan respectar a lexislación internacional.

Houbo algún tipo de resposta?

En Galicia enviámoslle unha petición ao Bloque Nacionalista Galego, que a través de [Carlos] Aymerich presentou unha proposición non de lei para que se inste ás autoridades españolas a tomar medidas de protección. No Congreso, Francisco Jorquera –deputado do BNG– presentou unha iniciativa na que lle preguntaba ao Goberno se pensaba tomar algunha medida e coñecía o risco que corremos, e se está disposto a que lle poida ocorrer algo a persoas que ostentan a cidadanía española. Tamén houbo unha entrevista con Exteriores e enviouse un escrito ao Parlamento Europeo. Europa e o Estado español saben o que vai pasar. Se toman ou non medidas, é cousa deles.

Que é exactamente a iniciativa Rumbo a Gaza?

É un proxecto civil, da sociedade e para a sociedade, no que non participan expresamente partidos políticos, e a través do cal se pretende transportar material de primeira necesidade á Faixa e furar o bloqueo. Non é dabondo con transportar só axuda humanitaria, porque a axuda acábase transformando en esmolas e ningún país pode sobrevivir así. Queremos cubrir as necesidades máis importantes. No estado español, moitas organizacións e persoas se sumaron á iniciativa. E en Galicia o apoio está dado polo BDS Galicia, que promove o boicot a Israel e que xa desenvolveu varias iniciativas.

O acordo de unidade entre Fatá e Hamás é un motivo de esperanza para o futuro da Faixa de Gaza?

Respecto aos acordos entre os grupos políticos palestinos, non nos pronunciamos porque non somos quen para decidir a vida de ningún pobo. Pero si consideramos que ese pacto pode ser un elemento positivo. Porén, non temos a certeza de que vaia contribuír a que Israel non actúe, porque a súa reacción diante dese acordo foi iracunda. Os israelís prefiren ver os palestinos divididos, non unidos.

O feito de que Exipto viva unha transición que indica que a política anterior cara á Faixa mudou é un factor que pode dar maior seguridade na aproximación a Gaza?

Recentemente, o barco Rachel Corrie Spirit tentou rachar o bloqueo e foi bombardeado pola Armada de Israel. Refuxiouse en augas exipcias e a actitude do Exército exipcio foi diferente. Alertaron a Israel de que non podían disparar porque estaban nas súas augas territoriais e os barcos israelís marcharon sen que houbese feridos. A veciñanza con Exipto vai axudar.