Reproducimos a seguir o apartado relativo a este asunto.

PENSIÓNS NON CONTRIBUTIVAS

No ano 1999, e despois de numerosas demandas contra as diferentes administracións, colectivos de apoio às persoas presas (nomeadamente a Mesa SIDA Galiza) conseguiron do Tribunal Supremo un pronunciamento polo cal se recoñecia a “infámia” da “deplorável decisión” que en 1993 tomara o IMSERSO (Instituto de Maiores e Servizos Sociais): suspender o pagamento das pensións non contributivas que percebian as persoas presas con un grau de minusvalia igual ou superior ao 65%. Na circular, en que se notificava esta decisión às Comunidades Autónomas –circular secreta e nunca coñecida directamente polas persoas afectadas- argumentava-se que estas persoas teñen xa “as necesidades básicas cobertas”.

No entanto, e apesar de sentenza do TS estabelecer con clareza a obrigación de entregar a pensión a estas persoas dentro do exercício dos seus direitos fundamentais (Art. 25.2 da Constituición Española) a administración continuou denegando o pagamento até que no ano 2001 mudou de parecer. Nesa altura, o IMSERSO acordou pagar estas prestacións mais, iso si, descontando os gastos de manutención, de maneira que agora as persoas afectadas dunha minusvalia séria (mormente VIH-SIDA) perceben unha prestación non contributiva duns 100 euros, os 2/3 restantes son retidos pola administración (3-6 euros por dia segundo sexa o centro penitenciário, a idade, o estado de saúde, etc.).

Para entender o alcance real desta medida, basta pensar que a unha persoa ingresada na enfermaria do cárcere se lle deverá praticar un desconto maior por seren mais elevados os gastos que provoca. E esta, desgrazadamente, non é unha ficción de laboratório senón unha situación coñecida no cárcere en que a aplicación da norma conduz en ocasións as persoas presas a abandonar tratamentos para evitaren a total debacle económica.

Pensemos por un momento que pasaria se às persoas que no exterior cobran Pensións Non Contributivas lles fose descontada unha cantidade similar cando estiveren ingresadas nun hospital público. O argumento seria basicamente o mesmo: o estado cobre durante o período de internamento as necesidades dunha persoa a quen paga mensalmente unha determinada cantidade para atender precisamente esas necesidades. A menos que, como parece ser o caso tamén aqui, se viole mais unha vez o direito constitucional que estabelece a igualdade de todas as persoas (presas e en liberdade) perante a lei (Art. 14 da CE). Como de costume, a discriminación exerce-se contra os colectivos mais débeis. Se hai que recortar gastos –e esta parece ser a razón última da medida- nada mais fácil que arrañar nas economias dos grupos mais desfavorecidos e con menor capacidade reivindicativa. Terá algo que ver com isto o chamado Pacto de Toledo?

Ora, por se todo isto non for suficiente, a administración ainda nos surprendeu con outra iniciativa extravagante: iniciou procedimentos de reclamación de cantidades que estas persoas supostamente lle deven. O parodoxo é grotesco, mais a Administración parece por completo allea ao tráxico ridículo e chega ao extremo de embargar contas correntes compartidas con familiares a efeitos de ingreso de pecúlio.

Reiteradas vulneracións de direitos básicos que obrigaron os colectivos sociais a reemprender as suas accións reivindicativas. Accións que, entre outros frutos, deron como resultado a tramitación de Proposicións non de Lei perante a Comisión de Asuntos Sociais do Congreso e perante o Pleno do Parlamento Galego en que se instava o restabelecimento imediato dos direitos destas persoas.

Por outra parte, o 14 de Febreiro deste ano, estes colectivos interpuxeron demanda perante os xulgados do Contencioso Administrativo Central e a sala do Contencioso do Tribunal Supremo contra as circulares emitidas clandestinamente polo IMSERSO e mantiveron reunións con representantes da administración autonómica, mais en concreto con o Subdirector de Inclusión Social.