O pasado 15 de maio celebrouse xuízo oral no Xulgado do Penal nº 2 e Vigo contra dous sindicalistas e a anterior responsábel do gabinete de prensa da CIG. Os dous sindicalistas estaban acusados de danos e desordes públicas durante as mobilizacións da folga do metal de 2009. EsCULcA entrevistou a Antolín Alcántara, para quen o Fiscal pedía a pena máis elevada: catro anos e medio.

EsCULcA: Poderias explicarnos cando aconteceron  os feitos polos que se celebrou o xuizo?
Antolín Alcántara: Os feitos sucederon o 5 de Maio de 2009 na Folga polo Convenio do Metal, ese día o piquete do naval que saía de beiramar (todos os días saían 5 piquetes dende distintos lugares da cidade, este era o mais numeroso) tentou ocupar a praza da estación Marítima, agardando que desembarcasen os turistas do trasatlántico para facer visible o conflito. A policia rompeu o grupo e quedamos illados uns 100 traballadores, polo que decidimos refuxiarnos na estación marítima, pecharon as portas e tivemos que forzalas para entrar. Permanecemos aproximadamente media hora dentro tentando buscar outra saída que evitase a carga e o enfrontamento directo coa policía que estaba forá. Despois negociamos a saída coa policía e posteriormente cando xa estabamos na rúa voltaron cargar. Durante toda a xornada sucedéronse enfrontamentos directos polas rúas de Vigo que remataron no estaleiro Barreras.

EsCULcA
: Cantas persoas foron acusadas inicialmente?
Antolín Alcántara: Tres, que identificaron polas filmacións da propia estación marítima:  Ramón Sarmiento de CC.OO. e Zélia Garcia e eu da CIG. Zélia resultou absolta no propio xuizo.

EsCULcA
: Habia indícios suficientes contra as persoas imputadas  para que o procedemento chegase a xuizo oral ou estimas que  debeu ser arquivado en instrución?
Antolín Alcántara: Os indicios resultan das filmacións e atribúesenos a responsabilidade dos danos na porta de cristal da entrada e desordes públicas. En ningún caso queda probado que nós directamente producísemos eses danos, e canto ás desordes, a maiores da nosa responsabilidade como dirixentes sindicais, atribúesenos a intención de tomar o cruceiro.

EsCULcA: Cal  foi a acusacion formulada contra as persoas  imputadas?
Antolín Alcántara: A acusación é por desórdes e danos. Inicialmente a fiscalía pediu 4 anos para cada ún de nós. Finalmente no xuízo, a fiscalía reduciu as peticións pero mantivo penas importantes: solicitou a absolución de Zélia e pediu 2 anos para Sarmiento e 2 anos e medio para mín.
EsCULcA: Tedes idea de por qué  se produciu esa redución das peticións do fiscal?

Antolín Alcántara: A redución na petición do Fiscal obedece a unha lóxica de imputar con penas  que no meu caso me levarían á cadea, sabendo que en breve teño un novo xuízo pola anterior Folga do Naval na que a petición da Fiscalía é de cinco anos polos feitos acontecidos na Xunta de Galiza en Vigo, e na que curiosamente só estamos imputadas dúas persoas da CIG, cando o Comité de Folga estaba composto por 12 persoas de catro sindicatos distintos. Non parece unha decisión inocente

EsCULcA: Do punto de vista técnico, non parece  coherente  formular acusación por delito de desordes públicas e danos. Estimas que houbo un especial asañamento na petición de pena da acusación pública?

Antolín Alcántara
: Considero que a petición e a instrución do caso formúlase con clara intencionalidade política pois resulta acreditado que unha vez dentro da Estación non sucedeu ningunha acción violenta nen danos. Os traballadores estiveron permanentemente tranquilos sen incidentes.
EsCULcA: Ao voso xuízo, pudo haber presión de poderes económicos con repercusión mediática para que a acusación pública formulase unha peticion de pena “examplarizante”?
Antolín Alcántara: Efectivamente naqueles días diferentes asociacións de empresarios e a propia Xunta de Galiza reclamaron a intervención do poder xudicial, por tanto entendo que nese momento tomou corpo de xeito coordinado toda a instrución que posteriormente se executou contra nós. Destaco unha acción corporativa da Xustiza, coa titular da Instrución e da fiscalía especialmente viscerais contra o movemento sindical.

EsCULcA: Pensas que foi  proprocionada a presenza policial nas dependencias xudicais o dia de celebración do xuizo?
Antolín Alcántara: En absoluto, entendo que a numerosa participación da policía, tanto nacional como Garda Civil e policía portuaria, pretende dar forza á acusación con declaracións moi imprecisas e preguntas moi dirixidas pola fiscalía.

EsCULcA: Cal foi a actutide da xuíza coas persoas acusadas?
Antolín Alcántara: A actitude da xuíza foi en todo momento belixerante coa defensa e cos acusados, dando toda prerrogativa ao Ministerio Fiscal e interrumpindo a defensa en diferentes ocasións. Permitíu que as testemuñas marchasen logo de declarar e ignorou esta observación de irregularidade por parte da defensa, o que permitiu que existise cambio de impresións entre as testemuñas que xa declararan e as que permanecían fóra. A maiores nas alegacións finais da Defensa estivo, ostensible e intencionadamente, distraída sen prestar atencións aos argumentos.

EsCULcA: Como transcurriu o xuízo do punto de vista dos feitos? Estimas que o fiscal conseguiu acreditar os  que sostiñan a súa acusación?
Antolín Alcántara: Entendo que en ningún caso a Fiscalía pudo acreditar a acusación.

EsCULcA:
Como valorades unha actuación penal como esta no contexto de recortes sociais e de dereitos  e das consecuentes movilizacións sindicais e sociais previstas?
Antolín Alcántara: Non está separada da actuación política que pretende criminalizar e neutralizar pola vía da represión todos os movementos de contestación a esta política devastadora nos dereitos sociais e do mundo do traballo. Asi mesmo avanza unha idea en sintonía coa modificación do código penal que nos indica até que punto o PP e o sistema teñen a decisión firme de retroceder a unha situación predemocrática que asfíxie á contestación popular.