En xaneiro de 2015, o Comité de Intelixencia do Senado de Estados Unidos deu a coñecer un relatorio sobre utilización sistemática da tortura por parte da CIA en centros clandestinos de detención durante a administración de George Bush. Un par de días despois, Juan Méndez, relator especial da ONU contra a tortura e outros tratos crueis, inhumanos ou degradantes, cumpriu 70 anos.

Cando tiña 32, caeu preso durante a ditadura cívico militar por defender legalmente varios presos políticos. O avogado estivo 18 meses suxeito a disponibilidade do Poder Executivo Nacional, no que era nada menos que unha detención ilegal, mais rexistrada. Amnistía Internacional adoptouno como "preso de conciencia", e en 1977 foi expulsado do país e trasladouse aos Estados Unidos.

Cunha traxectoria recoñecida como académico, estudou na Universidade Stella Maris de Mar da Prata, e o ano pasado recibiu o doutoramento honoris causa da Universidade Nacional de la Plata. Hoxe alterna o seu traballo nas Nacións Unidas coa docencia. Fixo un alto nas súas clases o Washington College of Law da American University para atender a Infojus Noticias, e lanzou duras críticas á pouca iniciativa dos Estados Unidos para investigar as súas propias prácticas contra os dereitos humanos, e referiuse ao relatorio que presentou a senadora Dianne Feinstein.

-Como avalía a presentación deste relatorio?

-É un relatorio moi contundente, moi gráfico e moi ben investigado. Cumpre polo menos cunha das obrigacións que todos os Estados teñen nesta materia, que son as de investigar, procesar e castigar. Lamentamos que houbese que esperar cinco anos para que se publicase, precisamente porque houbo incribeis presións para que non se publique, que chegaron até último momento e que continúan despois da publicación. A contribución deste comité do Senado hai que pola no contexto de dificultades políticas e de presións de todo orde que foron moi importantes.

-En que contexto chegou a desclasificación deste documento?

-Sabíase desde hai anos que sob instancias do goberno de George W. Bush, a CIA establecera todo un programa de torturas e as chamadas “rendicións extraordinarias”, que é unha forma de desaparición forzada que inclúe o uso de lugares clandestinos para tortura. Mais hai que lamentar que non se cumpra coas demais obrigacións que xorden dos feitos de tortura, que teñen que ver co procesamento e castigo de cada incidente. Forman parte dunha norma da Convención contra tortura, que os Estados Unidos asinou e ratificou. Tamén debe ofrecer reparacións e outras consecuencias que se derivan da tortura.

-A utilización da tortura en Estados Unidos é unha política de Estado?

-Durante o goberno de Bush houbo unha política de Estado claramente determinada polos memorándum da tortura “que habilitaban a utilización de cinco destas prácticas”. A partir do segundo día do goberno de Obama houbo unha orde presidencial de prohibir a tortura e de restaurar a plena vixencia do Código de Xustiza Militar, que tamén a prohibe. A partir de aí parece que non se usaron máis as rendicións extraordinarias nin os lugares secretos. Mais é imposíbel sabelo ao certo, sempre foi tan secreto que eu non poría as mans no lume ao dicir que non houbo máis tortura a partir de aí. Houbo asasinatos extraxudiciais usando drones e outros mecanismos en todo o mundo, que tamén son moi cuestionabeis. E iso si sábese. Eu creo que hai dúas políticas de Estado máis ou menos distinguibeis: ordenar a tortura e a decisión de non procesar ou inclusive de encubrir.

-Que espera que aconteza a partir da divulgación desta información?

-O relatorio dá bastante nova información que até agora polo menos oficialmente estaba bastante tapada. Teño a esperanza de que a súa publicación esperte un aumento no nivel de conciencia, e que faga posibel o que agora parece imposíbel: o procesamento e castigo dos responsabeis. A experiencia doutros países inclusive o noso, Arxentina, demostra que o que parece imposíbel nun contexto histórico faise posíbel máis adiante.

-Un sector do Partido Republicano e varios medios de comunicación cuestionaron a publicación destes datos e dixeron que iso puña en risco a vida de estadounidenses no exterior. É xustificado o segredo deste tipo de informacións?

-É un argumento falaz. Se vai haber reaccións violentas, que as pode haber, non vai ser pola publicación do relatorio senón polo contido mesmo, polo que fixo a CIA durante estes anos. Tratar de mantelo en segredo só acrecenta a especulación. Se alguén é responsábel da violencia contra cidadáns norteamericanos en calquera lugar do mundo é a CIA, non a revelación do relatorio do Comité de Intelixencia do Senado. Non pode haber segredos na violación dos dereitos humanos. O segredo en asuntos de seguridade nacional ten que ser eliminado cando se trata de coñecer a verdade sobre violacións dos dereitos humanos.

-Fíxose moito fincapé en que a información obtida mediante torturas non serviu para desarticular ameazas contra a seguridade de Estados Unidos. Pódese discutir sobre a utilidade da tortura? 

-A CIA mentiu cando dicía que obtivera certos resultados a través da tortura. O relatorio demostra que tiña a información desde antes, sen torturar, e que despois torturaron e non obtiveron ningunha outra información. A CIA mentiu ao Congreso, mentiu ao Senado e á opinión pública. Inclusive o director da CIA, na súa primeira reacción sobre o relatorio, dixo que non se pode saber se a intelixencia obtida sob a tortura conseguiu ou non salvar vidas. Mais a min cústame entender por que temos que discutir se a tortura funciona ou non funciona. Lamentabelmente parecese ser o único que importa, especialmente en Washington. Temos que seguir insistindo que a tortura é ilegal e inmoral.

-Ningún dos 54 países que colaboraron coa CIA no secuestro e envío de persoas para seren torturadas en bases secretas é de América Latina ou o Caribe. Ese dato merece unha valoración?

-É importante. Pode ser que aos Estados Unidos non lle interesase a colaboración dos seus aliados nestes países porque non había moita información que obter, mais tamén porque quizá non esperaba unha resposta positiva. Debemos estar orgullosos de que nos nosos países, case todos gobernados por democracias, non estaban dispostos a colaborar con isto e por iso non se lles pediu que o fixesen. O presidente de Polonia, un destes 54 países, dixo que prestaron esa información mais que non sabían que se torturaba. Francamente hai que preguntarse para que ía prestar un centro de detención sob condicións de clandestinidade se non era especificamente para torturar. Este relatorio pon moita presión sobre eses 54 países para que eles tamén fagan a súa propia investigación. 

-O presidente Barack Obama xa anticipou que non se van a iniciar accións xudiciais contra os torturadores. Está protexendoos? 

-Esa decisión foi tomada ao principio da administración Obama. Foi moi criticada pola sociedade civil norteamericana e por nós no ámbito das Nacións Unidas. Mais é máis grave aínda, porque non só se anunciou que non ía haber investigacións senón que se iniciou un proceso cun fiscal especial para entorpecer a investigación do Senado. Se o Senado pedía que declarasen funcionarios da CIA, como estaban tamén na posibilidade de ser investigados penalmente, debía inmunizalos. Como non quería facelo, non puideron ser interrogados. Agora a CIA di “nunca nos preguntaron nada”. Está claro que isto foi unha manobra. A investigación que supostamente fixo un fiscal especial non tiña por obxecto investigar delitos senón entorpecer outras investigacións, o que fala moi mal da administración Obama e do seu Departamento de Xustiza.

-Hai posibilidade de que se reverta esa medida e sexan xulgados? Non podería intervir a Corte Penal Internacional ou aplicarse a xustiza universal?

-Hai que insistir na obrigación internacional solemnemente contraída polos Estados Unidos e insistir en que o acceso á xustiza ten que ser na xurisdición interna. A decisión de non iniciar procesos depende dos fiscais. É unha decisión discrecional e até política que pode mudar no futuro. Está a posibilidade de xulgar as torturas que se cometeron no Afganistán, porque é signatario do Estatuto de Roma e por suposto é parte da competencia da Corte Penal Internacional. Mais creo que vai ser moi difícil que se poida chegar a iso. As presións norteamericanas van ser moi grandes. O mesmo canto á xurisdición universal. Algúns países teñen aberta a posibilidade de usar os seus tribunais, mais noutros casos houbo tanta presión que se retraiu moito esa posibilidade. Non vexo máis solución que insistir no xulgamento na xurisdición interna norteamericana.

-Nos xuízos por delitos de lesa humanidade no cadro do terrorismo de Estado na Arxentina derrotouse á teoría da Obediencia Debida. Existe esa lóxica nos Estados Unidos?

-En todo caso nos Estados Unidos fíxose ao contrario. Castigouse os bodes expiatorios, polo menos ao lado do Pentágono. Porque hai catro ou cinco torturadores que si foron condenados por tribunais militares polas torturas que cometeron na base de Abu Ghraib no Iraq. Mais foron bodes expiatorios, porque o de máis alto grao creo que era un cabo. Ademais cometeron a estupidez de tirar fotografias cos torturados, entón era un pouquiño difícil de ignorar. Mais aínda as investigacións do Pentágono non cumpriron coa obrigación de seguir a cadea de mando e castigaren todos os que puidesen resultar responsabeis. Neste caso, a lei penal norteamericana é ben clara en que se debe castigar non só o executor material senón tamén os que cometen o delito a través doutros.

-O relatorio deuse a coñecer en pleno conflito pola violencia institucional desatada a nivel interno e cun forte ingrediente de racismo. Que lectura fai destas prácticas? 

-O público norteamericano deuse conta dunha práctica dos fiscais de protexer as violacións cometidas por axentes policiais, especialmente cando as vítimas pertencen ás minorías raciais. Creou un grande estupor no público. É moi interesante a reacción social perante a impunidade dos asasinatos de Michael Brown en Ferguson, Missouri mais tamén de Eric Garner, en Staten Island, Nova York. É realmente inaudito que nin sequera se pase á etapa de xuízo antes de absolver os perpetradores destes asasinatos. Indica que os fiscais, aínda que aducen tratar de usar o grande juri para tratar de investigar, en realidade úsano para protexer os policías. 

-Que impacto teñen estas revelacións sobre a imaxe internacional dos Estados Unidos? 

-A imaxe internacional dos Estados Unidos viña moi deteriorada despois do 11 de setembro de 2001 porque se coñecía o recurso á tortura. Até os aliados dos Estados Unidos teñen un concepto moi negativo sobre a relación do país cos dereitos humanos. Todo isto acrecéntase a esa perda de imaxe internacional que teñen os Estados Unidos, que cada vez manteñen máis o seu peso a través do uso da forza que non desde a persuasión e do exemplo dun país gobernado polas leis e disposto a manter o Estado de dereito. Mais isto pode ser momentáneo. Hai que esperar que o rumbo mude e que os Estados Unidos polo menos fagan esforzos por tomar a serio a vixencia dos dereitos humanos que está sempre impondo a outros países, mais que nunha sorte de excepcionalismo norteamericano parecese que non se aplica a si mesmo.

Orixinal aqui.