Jabier Salutregi, exdirector de Egin, saíu da prisión de Burgos o pasado 29 de outubro tras cumprir unha condena de sete anos e seis meses por pertenza a banda armada -nun primeiro momento a Audiencia Nacional impuxeralle unha pena de doce anos-. Salutregi foi o único director dun xornal encarcerado na Unión Europea e o último xornalista preso no Estado español. Asegura que nunca recibiu unha directriz de ETA e que se limitou a exercer o seu labor xornalístico.

Que lle pasou pola cabeza cando soubo que o condenaban a doce anos de prisión?

-O primeiro en que pensei é na barbaridade que fixeran, do punto de vista xurídico e político. Demostrouse que a liberdade de expresión non cabía tan facilmente nunha Constitución como a española. Eu sentín raiba e unha indignación tremenda, e lamentei que a caste xornalística se deixase dominar cunha docilidade tremenda. Iso é imperdoábel.

En que se apoiou neste sete anos e medio?

-Sobre todo nas miñas conviccións, que se fortaleceron, na familia e nos amigos. Son o tres alicerces fundamentais. Tamén axúdache a manter unha disciplina, estudar, ler. No meu caso, aprendín a pintar. Aínda que o cárcere é un camiño moi tormentoso e moi tortuoso, ao final acabas aguantando. Malamente, mais aguantas.

Cumpriu a súa condena en tres fases. Como vivía pensando que en calquera momento podía volver entrar en prisión?

-É un gran pesadelo, porque desde a primeira vez que me encarceraron até sair o pasado día 29, pasaron máis de 17 anos. O peor era a incerteza. Eu estaba a correr a 250 quilómetros por hora polas estradas e camiños de Euskal Herria. Cando me detiveron, o cuentakilómetros quedou en cero. Coqueteé coa depresión e andei moi mal.

Como lembra o 15 de xullo de 1998?

-Eu estaba de vacacións polo Levante. Recibín unha chamada ao cinco e media da mañá e pensei que eran os compañeiros que estaban de despedida de solteira.
Mais quen estaba ao teléfono era un inspector de policía que entrara no xornal con Garzón. Cando cheguei á redacción topei con 200 axentes rodeando o edificio con pistolas e todo tipo de equipamento militar. Foi moi doloroso ver aquilo, porque alí non había máis que papel e tinta, e computadores que revisaron unha e outra vez sen achar nunca nada.


Acudiu vostede voluntariamente á Audiencia Nacional para que o encarcerasen.

-Fun o día 22 de xullo. Fixéronme sentar nun banquinho que había xunto ao despacho de Baltasar Garzón. Abriuse a porta e dixéronme que estaba arrestado. Até o xuíz aceptar verme pasaron bastantes horas. Tomoume declaración e mandoume ao cárcere en calidade de detido. Ao día seguinte volvéron levarme á Audiencia Nacional e o señor Garzón esta vez non apareceu. Veu a súa secretaria e díxome que ía incondicionalmente a prisión.

Había unha fixación con Egin entre os maxistrados e os políticos de Madrid?

-De Madrid e de aquí. A gran campaña orquestrada por Ardanza e Atutxa foi tremenda. Dixeron que por "hixiene democrática" había que pechar Egin, e botaron a alfombra ás institucións de Madrid para que entrasen con todas as súas correaxes.


Algunha vez recibiu vostede directrices de ETA sobre que debía publicar ou como debía dirixir o xornal?

-Como pode pensar ninguén que un tío de ETA poida dirixir un diario? É imposíbel. Dicían que recibiamos "directrices xerais". Que directrices pode ter un xornal? Un xornal ten que estar ao día e onde xorde a noticia. É inconcibíbel que unha organización armada diga a alguén que é o que ten que escribir. Non houbo nada diso. Nós eramos un xornal que xurdira cunha achega cidadá de diñeiro tremenda, por vontade popular. Mais nin se nos respectou nin se nos aceptou: esmagáronnos.

Como reaccionou a sociedade vasca ao encerramento de Egin?

-Moitos reaccionaron con medo e outros con indignación, sobre todo os lectores.
Nós non vendiamos moito, mais difundiamos bastante e tiñamos impacto nun sector da sociedade. Líannos os funcionarios e mesmo a Garda Civil.

Vostede acusou á clase xornalística vasca e española de "covardía" e de calaren "como mortos".

-Referíame á caste xornalística, aos columnistas e tertulianos que fan o pallaso.
Eles dan corpo a toda a hexemonía política española e son os opinadores oficiais do stablishment. Saben de todo, falan de todo e nunca profundan, sempre andan na superficie. Son pus, así o dixen e así o manteño. De todos os xeitos, non se pode xeneralizar. Eu neste caso falo mirando cara a Madrid, onde hai xornais que dan grima. O único que tivo os suficientes narices e criterio para dicir que o encerramento de Egin estaba mal foi Luís María Anson. O resto non dixo nada, case aplaudiron. En Europa calquera cidadán levaria as mans á cabeza, aquí aceptouse como a cousa máis normal do mundo. Tivo que chegar o Supremo para dicir que non se podía clausurar un medio salvo en contadísimas ocasións, como un estado de alarma ou de guerra. Pasáronse a Constitución pola entreperna.

Que sentiu cando o Supremo ditou que a Audiencia Nacional aplicara indebidamente a disolución de Egin e que a actividade do diario non era ilícita?

-Pensei que o tribunal tiña que ter ido máis lonxe e meterlle un puro a Garzón por prevaricación. Era un home dado á prevaricación, podía actuar como quería contra a esquerda abertzale, sempre llo toleraban. Cando pechou o xornal ninguén lle dixo nada, até chegar o fallo do Supremo. Mais xa era tarde, a un medio tíraslle a produción e cae en por si.


Non houbo posibilidade de o reabrir?

-Non houbo ningunha, porque economicamente non estabamos como para deitar foguetes. Non produciamos, non xerabamos beneficios e as débedas que tiñamos non podían ser pagas. Entón, ao sete ou oito meses do peche houbo unha quebra técnica.


Que lle parece que o xuíz Garzón se convertese nunha icona da esquerda?

-É o colmo dos colmos. É un señor que pasou de estar de caza con toda a jet set española a ser o maior progre do mundo. A Garzón gústalle a fama, as fotos, que o aplaudan na universidade, en Chile, en Arxentina… Enganaba entón e engana agora. Que se vaia a casa e que nos deixe en paz a todos.


Podería darse hoxe en día no Reino de España o encerramento policial dun medio?

-Eu creo que non. Non creo que sexan tan torpes de repetir aquela barbaridade.