Novo relatorio de Amnistía Internacional contra o goberno español. Despois de denunciar no seu relatorio anual que o Reino de España vulnerara reiteradamente os dereitos humanos en Catalunya, agora carrega contra a censura que exerce sobre a sociedade. “O espazo para expresar a discrepancia en España redúcese con rapidez”, alertan.

 

Censura Eric Drooker

 

Nun documento publicado este martes en todo o mundo sob o título ‘Tuitea… se te atreves’, a organización denuncia algunhas medidas recentes aplicadas polo goberno español. O executivo, din, “somete a fustigación” expresións na Internet utilizando as “categorías xerais” de enaltecemento do terrorismo e humillación ás vítimas. Aseguran que estes cargos, previstos nas leis antiterroristas doutros países, teñen unha “imprecisa redacción” no caso español.

Tamén destacan especialmente o retroceso nas liberdades que supuxo a instauración da ‘Lei Mordaza’ no ano 2015, como a resposta a vaga de descontento nacido da crise económica. “As autoridades españolas restrinxiron os dereitos á liberdade de expresión e á reunión pacífica”, critican. Estas restricións traducíronse en “decenas de millares de multas a manifestantes, defensores dos dereitos humanos e xornalistas” por condutas que están protexidas polos dereitos fundamentais.

 

 

Retirada de cargos e liberdade para a presos
Amnistía bate especialmente contra a reforma do artigo 578 do Código Penal que, coa introdución de novas emendas, alargou o seu ámbito de aplicación que xa era “xeral e impreciso”. As mudanzas permitiron penalizar a difusión de “mensaxes ou consignas” de enaltecemento do terrorismo ou humillación das vítimas, co agravante que se faga através Internet e aumentando a pena máxima de dous a tres anos de prisión.

As novas emendas tamén dispararon as condenas por enaltecemento do terrorismo, aínda que, para AI, moitas non cumpren os requisitos establecidos polos dereitos humanos. Estes ditan que as restricións da liberdade de expresión teñen que ser “estritamente necesarias e proporcionais para unha finalidade lexítima”, condicións que non se cumprirían nestes casos.

Por todo iso, a entidade internacional insta o goberno español a derrogar este artigo e garantir que “non se detén, investiga, procesa nin encarcera” ningunha persoa na súa aplicación. Tamén pide que sexan retiradis os cargos e posta en liberdade calquera persoa acusada en base a este artigo “só polo exercicio pacífico do seu dereito á liberdade de expresión”.

Non tolerar a discrepancia
A actitude actual do Estado é unha maneira de avisar que “non serán toleradas certas formas de discrepancia, así como o cuestionamento e as perspectivas alternativas”, denuncia o relatorio. Salienta tamén a decisión do Tribunal Supremo que asegura que é posíbel vulnerar o artigo 578 mesmo sen ter intención de facelo. O exemplo máis claro é a penalización de rechiar unha mensaxe, o que pode ser declarado como enaltecemento do terrorismo.

O relatorio tamén valora como “especialmente preocupante” a inhabilitación política e para cargos públicos das persoas acusadas deste delito por “expresaren opinións políticas alternativas”. Iso, ademais das multas e as penas de prisión, pode provocar efectos “duradeiros e devastadores” sobre persoas que só querían “expresarse libre e lexitimamente”.

Restricións excesivas
A organización explica detalladamente no relatorio toda unha serie de casos “criminalizados” pola aplicación do 578 mais que, á luz dos dereitos humanos, non terían que ser considerados delitos. Amnistía defende que se trata de “expresións lexítimas” e arremete contra as autoridades españolas por incumpriren as leis internacionais ao castigalas alén dunha demanda civil.

Falan dos casos como o da tuiteira Cassandra Vera ou o dos rapeiros La Insurgencia e Pablo Hasel, ademais da Operación Araña contra expresións nas redes sociais. Canto a xornalistas, denuncia restricións “excesivas e innecesarias” no seu traballo que acaba provocando unha “redución constante do espazo para o xornalismo independente e crítico”. “É un reflexo inquietante da situación da liberdade de expresión en España”, asegura o relatorio.

Neste sentido, a ONG móstrase preocupada ante unha autocensura que vai en aumento por medo a sufrir a represión. “A criminalización dun leque tan amplo de expresións ten un efecto paralizante”, explican. Esta redución do espazo para o debate público, avisan, supón unha ameaza a longo prazo para “a forza da sociedade civil e a garantía dos dereitos humanos”.

Maria Maciá

Fonte: El Nacional