España ten un dos códigos penais máis duros, extensos e pormenorizados de Europa. Aínda así parece que sempre fica curto cos criminais e nunca resulta suficientemente claro para os nosos indefensos xuíces. Cada vez que unha sentenza nos indígna, reformamos a lei penal. O Código Penal vixente foi aprobado en 1995 e viu trinta e unha reformas desde entón. Parece que non foron suficientes. O dereito penal réxese polo principio de mínima intervención, a separación entre o castigo e as vítimas e a tipificación de condutas, non de casos particulares ou individuais. En España abusouse extensivamente de todo o contrario mais, mesmo así, ao que parece, continúan faltando ferramentas e clareza para facer xustiza.

En materia de delitos sexuais o vixente Código Penal contemplou polo menos tres reformas desde 1995. Todas estaban destinadas a ampliar e mellorar a tipificación de condutas que permitían os seus perpetradores escaparen á acción da Xustiza, aproveitándose dunha concepción restritiva da violación brutal como único delito sexual verdadeiramente merecedor de privación de liberdade. Para iso foron concebidos tipos como os abusos sexuais ou os delitos contra a liberdade sexual, para que non todo se reducise a determinar se houbera ou non consentimento en situacións onde esixir semellante posicionamento á vítima implica a pór aínda en maior risco.

Agora parece que o xusto e o mellor para as vítimas pasa por focalizalo todo de novo na cuestión do consentimento. Seguramente sexa así e necesitemos voltar a aqueles procesos onde se dedicaban horas a determinar se a vítima consentira ou non tácitamente, ou se a súa negativa resultara suficientemente clara e incontrovertíbel ou daba lugar a confusión. Mais pode ser que, á vista dos desastrosos resultados que estamos a recoller de reformas anteriores, tamén efectuadas a lombos da indignación e o populismo punitivo, deberiamos preguntarnos se a incomprensíbel sentenza de ‘La manada’ ten a súa causa realmente na lei ou en quen a aplica.

Co vixente Código Penal poderían ser condenados por agresión sexual e sentenciados en consecuencia. Quen diga que a lei obrigaba a este resultado, mente. Nada hai na nosa lexislación penal que vincule inexcusabelmente a existencia de ameaza expresa coa concorrencia de intimidación. Máis ben ao contrario, desde o momento que se considera probada a falta de consentimento, todo na nosa lexislación penal conduce indefectibelmente á concorrencia de intimidación nunha situación de abafadora superioridade física. Só nun mundo onde a intimidación se mede en función da actitude da vítima e non do agresor, unha situación de cinco contra un pode catalogarse como prevalimento.

Aí radica a esencia do noso problema cos delitos sexuais. Diga o que dixer a lei, son os únicos delitos onde a vítima debe acreditar certos niveis de resistencia para conseguir xustiza. Mentres noutros delitos aconséllase non resistir, nunha violación é a vítima quen debe demostrar canto e até onde se resistiu e que significaba esa resistencia en termos de vontade. Non se esixe resistencia física á vitimas dun roubo, ou negarse a pagar as primeiras nas doce primeiras horas unha chantaxe, ou repelir claramente os primeiros apuñalamentos nunha tentativa de homicidio. Nunha violación se non o fas, é que consentes.

Outra reforma do código penal non arranxará iso. Só mudará de lugar, voltaremos da intimidación ao consentimento. Só se  arranxa revisando e mellorando a formación e a selección dos xuíces, mudando a xurisprudencia e tratando como se merecen aberracións xurídicas e morais como o voto particular do xuíz Ricardo González. Mais para iso fai falta un Goberno que invista os recursos e poña en marcha as políticas imprescindibeis para promover tales mudanzas. Exactamente o que non fai este Goberno que agora anuncia outra reforma do código penal.

Antón Losada

Fonte: El Diario