“A Policía Nacional responsabiliza os clubs de fútbol da retirada de estreleiras” e este corpo “define a estreleira como simboloxía sectaria”. Estas son as dúas conclusións que o Movemento polos Dereitos Civís (DDCC) extrae da resposta que recibiu do Defensor del Pueblo á súa queixa sobre a retirada das bandeiras galegas con estrela vermella –e outra simboloxía galega- no estadio do Leganés antes do encontro entre a equipa madrileña e o Celta de Vigo.

O Defensor traslada a DDCC a resposta que lle deu a Xefatura da Policía Nacional cando lle preguntou sobre a queixa tramitada por este movemento. Nela, a Xefatura informa que foron membros da seguridade privada do clube os que procederon a retirar as bandeiras con estrela vermella a seareiros do Celta nos accesos ao estadio. Bandeiras a que se refire como “de idiología sectaria”. ”Procedieron a la retirada de algunas banderas gallegas, al parecer de simbología sectaria”, indican textualmente.

Unha requisa que se realizou por entender que dentro do estadio esa simboloxía puidese “fomentar, incitar ou axudar” a “comportamentos violentos”. Informan asemade que a Policía Nacional limítase a supervisar o acceso ao estadio e que mentres “a petición de non exhibir certa simboloxía sexa aceptada polo seguidor sen xerar incidente ou protesta algunha”.

Seareiros celestes denunciaron aquel día de xaneiro que lles foran confiscadas  ‘estreleiras’ , así como bufandas e outros elementos, como camisolas con tríscele e mesmo unha bandeira das 7 nacións celtas.

X.M.P.

Escrito do Defensor del Pueblo a Dereitos Civís

Fonte: Sermos Galiza