Na súa comparecencia do pasado 3 de abril perante a prensa para dar conta das denuncias anónimas recibidas no cadro do programa Stop Radicalismos, o Ministro Zoido avanzou a implantación de «Grupos locais» formados por traballadora/es sociais, persoal de educación, etc. que serán activados en 15 concellos, entre eles, Vigo e A Coruña. EsCULcA solicítalles non colaboraren con este programa manifestamente islamófobo.

 

“Os concellos son as administracións mais achegadas á cidadanía”, argumenta EsCULcA. “Non parece de recibo que persoal da administración local con funcións en materia de benestar social (como traballadores/as sociais) pasen a realizar funcións policiais. Carece de sentido que concellos escollidos democraticamente para xestionaren intereses de veciños/as pasen a colaborar de costas á cidadanía cun programa que ten recollido nun ano datos de mais de 3.000 persoas , por medio de denuncias anónimas, pola sua pertenza a colectivo específico, sen que esas persoas podan solicitar o acceso ou a cancelación deses datos . O sistema STOP RADICALISMO é claramente islamófobo e esta tinguido de arabofobia , polo que o Concello da Coruña/Vigo non debe cooperar nel”.

EsCULcA solicita que, en consecuencia, sexan adoptadas as medias legais a tales efectos (denuncia ou rescisión de convenios coa FEMP e o Ministerio de Interior) e pede ser informada expresamente das medidas tomadas para evitar a creación ou participación no devandito grupo local.

Lembramos que EsCULcA reclamou sen éxito do Ministerio do Interior, ao abrigo da Lei de Transparencia, información relativa a medios de acceso: rectificación e cancelación das persoas interesadas en relación cos datos persoais dos que foren titulares incorporados ao citado ficheiro; cesións previstas dos citados datos, transferencias previstas e destinatarios das cesións e transferencias; garantías establecidas nos sistemas creados para evitar a comunicación de datos e denuncias falsas dado o carácter anónimo da denuncia e período de conservación dos citados datos.

Como se procesan estes datos, quen accede a eles, para que son utilizados, que medidas se toman para evitar denuncias falsas, … continúa sendo portanto unha incógnita.

Ver aquí solicitude de EsCULcA.