Etxerat culpou da morte do preso iruindarra Xabier Rey a «política penal aniquiladora de excepción» que se mantén seis anos despois de ter cesado a actividade armada de ETA e un ano despois do desarmamento.

 

 

«A morte de Xabier Rey podería ter sido evitada. E non quixeron. Hai máis de seis anos do cesamento definitivo da actividade armada de ETA e un ano desde o seu desarmamento, mais os familiares e achegados das persoas presas e exiliadas políticas vascas, e elas mesmas, seguimos sen poder falar en pasado do sofrimento e a dor que provocan as medidas de excepción da política penitenciaria», salientaron os portavoces de Etxerat Urtzi Errazkin e Patricia Belez nunha comparecencia en Iruñea, en que estiveron presentes achegados do falecido preso de Donibane.

«A responsabilidade pola morte de Xabi Rei recae na súa totalidade na política penitenciaria aniquiladora de excepción que mantén o Estado español», engadiron, antes de preguntar se non é cruel manter os presos vascos en primeiro grao, en réxime fechado, de maneira colectiva e por tempo indefinido.

Xunto a iso, destacaron que a aplicación sistemática do primeiro grao impide calquera avance na vía penal individualizada, ademais de supor graves restricións no réxime de vida dos presos. «Que nome darmos á morte de Xabier, após dez anos encarcerado en primeiro grao? Que nome van darlle os partidarios da politica de dispersión para sacudiren as responsabilidades?», preguntaron.

 

«Non é cruel até o extremo de os familiares e achegados de Xabier Rey teren que acudir a recoller e repatriar o seu corpo a Puerto de Santa María, a 1.050 quilómetros de distancia, após dez anos do seu encarceramento e, portanto, outros tantos anos de viaxes interminabeis para poder visitalo mentres viviu?»

 

Os portavoces de Exterat lembraron que «viñamos reiterando o risco de atoparnos con outra persoa morta no contexto do aínda irresolvido proceso de paz e de resolución do conflito, en que o Estado español continúa sen acometer as necesarias mudanzas nas súas políticas penitenciarias» e subliñaron que no pasado verán, despois da morte de Kepa do Hoyo, xa fixeron público esta formulación.

«Sabemos que a sociedade vasca está no camiño correcto para, xunto a institucións de Euskal Herria e os axentes políticos, sindicais e sociais, afrontarmos unha solución definitiva ao asunto dos presos en prazos razoabeis e factibeis de tempo», destacaron, antes de reclamar «compromiso, determinación e valentía para afrontar o desafío porque a sociedade vasca non pode permitir unha soa vez máis que alguén fique no camiño».

Despois de mostraren a súa dor aos achegados de Rey, os portavoces de Etxerat reclamaron o fin da política penal de excepción. «Etxean eta bizirik nahi ditugu», proclamaron.

MartxeloDiaz