O código penal español recolle os colectivos que poden ser obxecto dun delito de odio, entre os cales non se inclúen os corpos policiais.
Nestes últimos días, diversas persoas foron acusadas de delitos de incitación ao odio. Oito docentes da Seu d’Urgell foron encausada/os por teren falado do 1-O nas aulas, houbo como mínimo seis persoas detidas por comentarios sobre a policía española nas redes sociais, o actor Eduard Biosca tamén foi encausado por ter feito unha piada sobre a policía española e a revista satírica El Jueves por publicar un chiste, tamén sobre a policía. Nesta sexta feira un home foi detido en Barcelona por comentarios desagradabeis sobre a morte do ex-fiscal xeral do estado José Manuel Maza en Buenos Aires. Compre acrescentar ainda a causa xeral aberta en Reus contra concelleiras e concelleiros independentistas e moitas outras persoas da cidade.
Mais, realmente, pode ser utilizado o delito de incitación ao odio para encausar persoas que fan comentarios nas redes sociais, docentes que falan do 1-O nas aulas e veciños e veciñas dunha cidade que se manifestan contra a presenza dos corpos policiais españois?
O código penal español recolle este delito no artigo 510 e cita os colectivos que poden ser obxecto dun delito de odio: “Motivos racistas, antisemitas ou outros referidos á ideoloxía, relixión ou crenzas, situación familiar, pertenza a unha etnia, raza ou nación, a súa orixe nacional , o seu sexto, orientación ou identidade sexual, por razóns de xénero, doenza ou discapacidade.”
Corpos policiais: colectivo discriminado?
Os corpos policiais españóis non pertencen a ningún destes grupos que recolle o código penal. Así o explica o presidente da asociación Drets, Sergi Blàzquez, nunha entrevista publicada no xornal VilaWeb: “A incitación ao odio, á violencia e á discriminación é por razóns de sexo, relixiosas, étnicas ou ideolóxicas. Din que se crea un odio por razóns ideolóxicas contra o colectivo dos policiais españois.”
A avogada penalista Laia Serra coincide: “Os corpos policiais non foron nunca un colectivo discriminado nin recibiron unha discriminación estrutural”. Serra considera que se a policía española cre que foi inxuriada ten outros mecanismos legais para defender a sua honorabilidade. “Falar de delitos de odio ten unha carga simbólica moi apetitosa no ámbito politico para escarmentar e disuadir o persoal”.
Non está claro onde está a liña que separa a crítica política, a liberdade de expresión e o humor negro da inxuria. “O cidadán ten dereito a criticar a policía, mais non a insultala. Falar de delitos de odio é unha barbaridade xurídica, porque non se lles pode atribuir motivación ideolóxica. A policía non ten unha ideoloxía definida”, argumenta. Os dous xuristas coinciden tamén en explicar que é difícil que estas acusacións de delitos de odio podan prosperar xudicialmente.
Blázquez denuncia que hai unha persecución contra a xente que se expresa contra a presenza da policía española en Catalunya e contra as críticas “porque espancaron persoas”. Acrescenta: “Recorren a este artigo para dicir que hai persecución contra a policía”.
O Ministerio do Interior español insiste
Apesar diso,o Ministerio do Interior español abriu unha pestaña nova no web destinado aos delitos de odio: ‘Situación na Catalunya: protección de vítimas’, onde facilita un teléfono e un correo de contacto para que se denuncien supostos delitos de odio. “É unha auténtica falta de respecto ás vítimas de delitos de odio. Non se fixera en ningún outro caso”, di Serra.