Malick Gueye (Pikine, Senegal, 1982) é portavoz do Sindicato de Manteros e Lateros de Madrid. Na última semana, o seu nome estivo nos medios de comunicación, após a morte do seu compañeiro e amigo Mame Mbaye. A Unión de Policías Municipais anunciou na segunda feira 19 de marzo que se querelará contra Gueye por “incitación ao odio”, por cuestionar a versión policial sobre a actuación dos axentes locais no falecemento de Mbaye.

Un sindicato de axentes da policía municipal anunciou que vai querelarse contra ti. Que valoración te merece esa noticia?
Poden querelarse todo o que queiran. Eu digo que só falo de casos que levamos denunciando desde hai tres anos. Concretamente, no últimos tres anos marcamos encontros moitas veces co Concello para facerlle saber as agresións e as persecucións policiais que sufrimos. É que eles o saben. Fixemos denuncias no Rexistro do Concello de Madrid, tamén perante o Defensor do Pueblo. Fixemos debates co Concello e coa Policía Municipal e co Defensor do Pueblo para explicarlles as agresións e as persecucións que sufrimos os manteiros. E se queren querelarse contra min, non teño ningún problema. Eu son activista, non son político. E vou seguir defendendo sempre o dereito da xente a ter dereitos.

Que pasou nas manifestacións da quinta feira, ante a espera da confirmación da morte de Mame Mbaye?
Era unha agonía porque estábamos alí desde as cinco da tarde agardando a que nos desen información acerca de que pasaba co noso amigo. Primeiro de nada, hai que dicir que morreu un amigo, un compañeiro que está no noso colectivo, que caeu alí. E estivemos tres horas sen saber nada. Son momentos moi duros, moi difíceis. Tres horas, até sabermos pola prensa que o noso amigo morrera. E ninguén se achegou para dar ningunha información.

Cal foi a actitude da policía municipal alí?
Cando nós chegamos xa había un cordón policial. Ninguén puido entrar na rúa do Oso para ver o que pasaba con Mame.

O cordón era da policía municipal ou da nacional?
O primeiro cordón foi da policía municipal. Despois chegou a policía nacional e fixo outro cordón. E non nos deixaban achegarnos. Estabamos angustiados, tristes, sen saber que pasaba co noso compañeiro, sen que ninguén nos dese ningunha información.

Alguén do Concello achegouse a dialogar con vós alí?
Ninguén. E eu creo que é porque non tiñan ningún argumento para darnos, porque o Concello sabe ben destas persecucións, coñecen estas agresións. Dixémosllo en reiteradas ocasións, contámoslles durante este tres últimos anos que a Policía Municipal persegue demasiado os manteiros. Presentamos denuncias de roturas de brazos, de roturas de pernas, e non fixeron nada para solucionar o asunto.

Esas denuncias están rexistradas?
Están, si, no concello. Entre outras, o 7 de de xullo de 2017 presentamos unha denuncia no Concello de Madrid e temos máis denuncias de agresións que presentamos ante o Defensor do Pueblo. Todo está rexistrado. Todas as denuncias que nós fixemos son públicas.

Despois dos acontecementos púxose en contacto con vós alguén do concello?
Houbo algúns que se achegaron persoalmente e dixeron que querían ter un encontro con nós na sexta feira, mais ao final adiáronno até hoxe [a entrevista foi feita na segunda feira 19 de marzo] onde espero que nos reciban ás 20 horas. Mais ninguén do Concello entrou en contacto directo nin coa familia de Mame, nin co colectivo de manteros.

Os primeiros senegaleses que empezaron a vender como manteros chegaron a Madrid en 1984. E explícannos que desde esa data nunca viviron tanta persecución nin tanto acoso como hoxe

Que vos parece a actitude do goberno de Manuela Carmena ante o de Mame e co resto do sucedido?
Sinceiramente, paréceme lamentábel porque cando Ahora Madrid chegou ao goberno un dos lemas da súa campaña era loitar contra as desigualdades sociais que hai en Madrid. E que fixo? Nada, foi chegar e permitir que se criminalice a pobreza. Neste caso criminalizar o colectivo máis vulnerábel. Ao principio quixeron achar unha xustificación moral a iso dicindo “é que entre os manteiros hai mafias”. E explicámoslles millares de veces que é unha actividade que a persoa desenvolve porque non ten outra alternativa. É unha actividade só para sobrevivirmos. O manteiro vai e compra unha mercadoría a cinco euros e tenta vendela a dez. Mais sempre se tenta apelar a esa xustificación moral para criminalizar os manteiros.

Ten algún fundamento esa idea de que algúns manteiros seriades vítimas de mafias organizadas?
Non, non ten ningún fundamento. Eu que levo tanto tempo no colectivo e que dediquei anos a vender na rúa e son activista do colectivo desde hai moito, expliqueino millares de veces. Ao final cansa explicalo e é que a xente xa o sabe, non hai ningunha mafia. Sábeo a policía, sábeo o Concello, o manteiro compra a súa mercadoría e véndea. O manteiro non é un mago, a mercadoría non vén do ceo. O manteiro vai comprala e despois véndea. Nin máis nin menos. E sábenno todos eles.

Para vós hai algunha diferenza no tratamento que recibides entre o que eran as administracións do Partido Popular e a administración actual, de Ahora Madrid?
Vou falar claramente. Os primeiros senegaleses que empezaron a vender como manteiros chegaron a Madrid en 1984. Ou sexa hai 34 anos. E aqueles primeiros compañeiros manteiros explícannos que desde esa data nunca viviron tanta persecución nin tanto acoso como hoxe. E iso que antes gobernaba a dereita. Hai máis acoso policial co goberno de Ahora Madrid que antes. E hai datos oficiais do concello de Madrid que podes verificar nos que se demostra que hai máis persecucións dos manteros agora. En 2016 houbo uns 8.000 procedementos e en 2017 houbo ao redor de 12.000, quere dicir que subiron case un 40%.

 

Malick Gueye                          Malick Gueye, durante un momento da entrevista na sede de El Salto. Foto David Fernández

 

Cales son as vosas reivindicacións ante o concello que quereríades ver atendidas?
A única reivindicación que temos ante o concello desde sempre é que poña fin ás agresións, á persecución e ao acoso policial. Sempre tentamos pór sobre a mesa a cuestión da venda ambulante, que é un problema legal. A Lei de Estranxeiría condena os manteiros a vender na rúa, despreza e encurrala os manteiros, discrimínaos, só poden vivir na clandestinidade.

Sobre a Lei de Estranxeiría o concello non ten potestade, mais sobre o tema da persecución si a ten?
Ten potestade sobre o tema da persecución e dos acosos. E de sentar para buscar alternativas. Os manteiros demostramos -como é o exemplo de Barcelona- que cando nos dan oportunidade ofrecemos alternativas. Alí, os nosos compañeiros fan as súas roupas, os seus zapatos, teñen as súas propias marcas, para tentar sacar adiante as súas vidas sen dedicarse á manta. A manta non é o soño de ninguén, ninguén quer vender na rúa, o 95% dos manteiros nunca vendeu nada na súa vida. Por iso, ante a mínima oportunidade que teñen, abandonan a manta.

Cales son as consecuencias prácticas e psicolóxicas despois de vivir tantos anos nun país e non conseguir ter unha situación legalizada?
Aí tes un exemplo no caso do noso compañeiro e amigo Mame Mbaye. Estivo 13 anos vivindo en España e nunca lle deron os papeis. Pediu a regularización dúas veces e sempre, sempre, puxéronlle barreiras para non lle daren os papeis, porque Mame era manteiro. E el só estaba na manta para poder sobrevivir. Neste momento para o Código Penal español a manta é un delito castigado con até dous anos de cárcere. Por iso, cos antecedentes que por esta actividade teñen os manteiros, moitas veces denéganlles os papeis.

Outra cousa tremenda tamén son as multas das ordenanzas municipais. Aos manteiros, que non conseguen gañar nin 20 euros ao día, ponlles multas de 300 ou 400 euros. De onde van sacalos?

E o problema é que con estas multas despois non poden obter os papeis. E máis aínda, non é só que non se conseguen os papeis, senón que aqueles que si teñen papeis e que se dedican a vender na manta, porque por culpa do racismo social non poden entrar no mercado laboral, teñen que vender na rúa e así perden os papeis. Hai xente que, tendo xa papeis, debido aos antecedentes penais das multas do concello, á hora de renovar os papeis denéganllos.

Ao final é unha gaiola na que meten á xente, da que nunca poderá saír. Despois tamén están os CIE [centros de internamento de estranxeiros], están as expulsións. E chama a atención, cando facemos as concentracións pedindo o encerramento dos CIE e ves xente do Concello que parece non darse conta de que moitos dos manteiros que están detidos nos CIEs é pola acción da Policía Municipal.

As primeiras detencións fainas a Policía Municipal. E logo ábrenlles expedientes de expulsión. Entón, parecen non percibir que eles son os responsabeis de que moitos dos manteiros que están nos CIE é por culpa destas ordenanzas municipais, que lles aplican multas, que pos perseguen e acosan.

O que contas quer dicir que tendo a túa situación legalizada, podes perdela facilmente?
Claro. Podes perdela facilmente ao dedicarte á venda ambulante. Por iso hai que entender que a xente se dedica á venda ambulante só para poder sobrevivir. É que coa crise, como moitos dos manteiros somos negros e dado o racismo social existente, estamos excluídos do mercado de traballo. Así, non temos máis remedio que vender na rúa, con este risco de que xa teñas os papeis e poidas perdelos por vender na rúa.

Que esperades -se esperades algo- despois do acontecido con Mame Mbaye e das mobilizacións que houbo?
Nós o único que esperamos é que fagan unha investigación e que se faga xustiza. Que haxa unha investigación clara, que diga o que pasou. Hai un informe do Samur en que consta que houbo persecución e o Concello e a policía negan isto. Por iso o único que queremos é que se faga unha investigación. E que, se houber responsabilidades na morte do noso amigo, que se faga xustiza.

ALBERTO AZCÁRATE

Fonte: El Salto