“É duro pasar tantas horas no bus e é frustrante chegar alí, ver os muros tan altos, non saber se te están a sentir…”. Cristina Rodríguez Ramos, integrante do colectivo Que voltem para a casa, fala sobre a Marcha às cadeias, que leva xa 12 anos a denunciar a vulneración de dereitos humanos que sofren as presas independentistas. “Entendémolo como algo necesario, unha mostra de afecto para a xente presa, e como un xeito de visibilizar a realidade da dispersión”, apunta.

 

Marcha às cadeias, máis de mil quilómetros nos que palpar a dispersión penitenciaria

 

Este sábado 21 de abril, unha caravana conformada por dous autocarros percorrerá os centros penitenciarios de Dueñas (Palencia), Ocaña (Toledo), Topas (Salamanca) e Villabona (Asturias) –dous cada columna– para acabar converxendo en Mansilla de las Mulas (León), onde está internada actualmente a presa independentista Maria Osório. O día da marcha, cada un dos autocarros percorrerá entre 1.100 e 1.400 quilómetros. “Hai xente que nunca foi visitar ningún preso ou presa e, claro, alucina coa cantidade de quilómetros que é necesario facer para unha visita de só 45 minutos”, explica Rodríguez.

Violación dos dereitos humanos

A actual situación das presas independentistas galegas incumpre sistematicamente varias lexislacións e normativas internacionais que atinxen os dereitos humanos. Logo de décadas da actual política penitenciaria do Estado español, na que se lles aplica de forma indiscriminada ás presas independentistas a clasificación en réxime FIES –’lexislación de excepción’ que contradí o réxime legal que debería ser imposta– e a dupla condena da dispersión, a situación non semella estar en vías de mudar. “Levan varias condenas do Tribunais de Dereitos Humanos de Estrasburgo por vulneración da protección da tortura, incumpren a súa propia Constitución, o Convenio de Dereitos Humanos, a Lei Orgánica Xeral Penitenciaria, entra en contradición coas regras Mandela apoiadas pola ONU…” , enumera Cristina Rodríguez.

Isto non semella provocar ningunha mudanza, pola contra, constatan un empeoramento da situación. “Seguimos a falar do mesmo problema que hai doce anos, e canto máis tempo pasa, máis están a sufrir as consecuencias desa dispersión, alén de ser trasladadas constantemente”, sinala. María Osório, Diego Santim e Eduardo Vigo –presas desde 2011– pasaron xa por catro centros penitenciarios, cifra que se eleva cinco no caso de Raúl Agulheiro –ingresou na cadea no ano 2014–. Roberto Rodríguez Fialhega ‘Teto’, tamén preso desde 2011, pasou por tres.

 

que voltem2

 

 

Intoxicación mediática

Desde Que voltem para a casa poñen o foco nun aumento xeneralizado da represión no Estado español, cada vez máis difícil de detectar debido á intoxicación mediática. “Nos últimos anos houbo un aumento da criminalización e persecución social, e non só do independentismo. Semella que a xente pode comezar a empatizar máis cando ve os casos dos rapeiros, titiriteiros… mais tamén ás veces dá a impresión de que no caso das presas independentistas galegas, fóra de sectores moi politizados, é máis difícil visibilizar a súa realidade. No mellor dos casos, non se coñece a súa situación, e na peor, a persoa ten unha visión totalmente distorsionada do que está a pasar por mor dos meios”, detalla Rodríguez.

O colectivo reclama que se garantan os dereitos das presas para que estas poidan cumprir a condena en centros penitenciarios galegos, de acordo ao que dita a lei. A dispersión penitenciaria, engaden, “non só é ilegal, senón que tamén responde a unha decisión política –tomada nas máis altas instancias do Estado español–, vingativa –xa que non existe argumento legal ou xurídico para xustificar a situación– e inhumana –ao implicar tamén unha condena extra para a presa, que cumpre a pena lonxe da súa terra, do seu idioma e dos seus seres queridos–”.

A dispersión en cifras

As familias e amizades son convertidas tamén en vítimas da sentenza. Así, no caso de Eduardo Vigo, son 61.707 euros os invertidos nas viaxes, que rexistran un total de 399.960 quilómetros entre setembro de 2011 e setembro de 2017. O círculo de Roberto Rodríguez Fialhega ‘Teto’, conta até 52.717 euros gastados en viaxar o total de 372.722 quilómetros que fixeron falla para visitalo cada fin de semana desde 2011. No caso de María Osório, as cifras ascenden até os 27.512 euros e os 185.320 quilómetros. As persoas achegadas a Diego Santim destinaron 8.793 euros en desprazarse os 71.098 quilómetros que o separaban del nestes últimos seis anos. Por último, a familia e amizades de Raúl Agulheiro -preso desde 2014- rexistran 27.012 euros adicados a percorrer 186.372 quilómetros.

“E non só estamos a falar do gasto económico que implica, senón dos riscos que asumen cada vez que collen o carro para facer unha visita, a ansiedade das persoas presas que non saben como estará a xente de camiño e todo o desgaste emocional que iso supón”, resume Rodríguez.

Participar na marcha

Os dous autocarros habilitados para as marchan sairán desde Santiago de Compostela (ás 3:00 horas do sábado) e de Vigo (á media noite) e pararán, respectivamente, en Lugo (por volta das 4:35 horas) e Ourense (arredor da 1:30 horas). As persoas que desexen participar na marcha poden anotarse no formulario web ou enviando unha mensaxe ao enderezo comunicacionquevoltem@gmail.com. Tamén se pode colaborar e apoiar a marcha –cuxo custe ascende até os 3.500 euros– mediante a compra de bonos-axuda (á venda en centros sociais) ou do merchandising do colectivo.

Fonte: Sermos Galiza