O xuíz do Tribunal Supremo Pablo Llarena suspendeu o president Carles Puigdemont, Oriol Junqueras, Jordi Turull, Josep Rull, Raül Romeva e Jordi Sànchez dos seus cargos de deputados ao Parlament de Catalunya dando así por concluído o sumario que instruíu contra os líderes independentistas polos feitos diante da sede da Consellaria de Economia no pasado 20 de setembro, o referendo de independencia do 1 de outubro e a declaración de independencia do 27-O. Aínda que non é a primeira vez que así o sinalamos, é obrigado suliñalo novamente: o xuíz instrutor chegou a unha serie de conclusións e, en consecuencia, formulou unha serie de acusacións de rebelión e malversación a partir duns feitos que non se produciron como el foi deixando escrito nunha serie prolixa de autos. En ocasións, nin aconteceron como sinala e, noutros casos, non están documentalmente probados. O estado de dereito en España cubriu unha páxina negra, negrísima, que terá, non hai dúbida, serias consecuencias no futuro e que reputacionalmente será un pesado lastre para a súa imaxe.

Para os que non acreditaban foi verdade: desde a aplicación do artigo 384 bis do Código Penal pensado para casos de terrorismo até o timing do anuncio, o día despois da entrevista entre o presidente do goberno español, Pedro Sánchez, e o de Catalunya, Quim Torra. Na segunda feira toca diálogo e na terza suspensión de seis! deputados sen sentenza firme, sen xuízo algún e cando o auto non é firme e pode ser recorrido. Aí hai unha fenda xurídica, seguramente, para que o Parlament non deba suspender os seus parlamentares e defender os seus dereitos que, en última instancia, son os dos cidadáns que os votaron e quen representan.

O xuíz Llarena perpetrou en moitos aspectos unha auténtica manta de retallos. Mais sendo iso importante xa que en xogo hai privación de liberdade de persoas honorabeis, perda de dereitos fundamentais, alteración de decisións políticas tan importantes como quen pode ou non pode ser president da Generalitat… o máis grave de todo, nestes momentos, é o pulso político -e reaccionario- que acaba facendo ao Parlament de Catalunya. Un xuízo á disidencia política encadrado nun acto de rebelión e cuxos deputados teñen acima das cabezas a decisión última que adopte o Parlament. Así de sinxelo e así de cruel. E así de difícil. Europa déixaos en liberdade, e o Parlament ten que suspendelos? A ratafía non causou os efectos esperados e a xustiza hai moito tempo que tomou o control do Estado.

Postdata. O Poder Xudicial pedindo ao goberno socialista cobertura para que as súas decisións non sexan xulgadas polos tribunais belgas e Pablo Llarena non teña que comparecer en setembro á citación que se lle formulou desde Bruxelas é de antoloxía. Mais supérao o ministro Josep Borrell ordenando ao embaixador que defenda a inmunidade do xuíz. Debe ser unha nova versión da separación de poderes.

José Antich

Fonte: El Nacional