“Os maxistrados foron postos inexorabelmente diante dunha encrucillada e unha evidencia: se fixesen caso dos designios do goberno español poríanse en ridículo internacionalmente e enterrarían o pouco prestixio profesional que lles resta cunha actuación absolutamente ignominiosa”.

Sábado pasado, cando Vicente Partal nos sacudiu co seu interesante artigo ‘Estoura a guerra entre o Constitucional e Mariano Rajoy‘, moita xente me chamou para esclarecer alguns fundamentos xurídicos da cuestión. Ainda sabendo que a persoa máis indicada para explicar adecuadamente estas profundezas é o bo amigo, e grande estratega do dereito procesual, Agustí Carles -avogado da Molt Honorable Presidenta e membro, por certo, da plataforma Constituïm– permítome pór en negro sobre branco algunhas das ideas básicas, pois sei que agora está dedicado -en corpo e alma- ao que lle foi encomendado. De xeito que -co seu permiso- explicarei alguns elementos xurídicos que axudan a reforzar, ainda máis, o que nos explicou Vilaweb de maneira tan brillante.

A lei orgánica 15/2015 de 16 de outubro é unha reforma encoberta (máis unha) da constitución de 1978

Todos somos conscientes da ‘sacralización’ que se fixo da constitución de 1978. Tamén sabemos que, con nocturnidade e aleivosía, os que defenden a súa inmutabilidade modificárona cando lles prestou: ben por interese da institución monárquica, ben cando llo pediu a Unión Europea para salvar os seus créditos. En ningún destes casos pediron o parecer da cidadanía. Mesmo así, o que a moitas persoas pasou completamente despercebido foi que -hai agora dous anos- tamén se fixo unha modificación de longo alcance a instancias do PP.

Foi a lei orgánica 15/2015 que, sen subterfuxios nin circunloquios, mudaba radicalmente a natureza do Tribunal Constitucional. Con efecto, antes da lei orgánica, o Tribunal Constitucional dirimía unicamente os conflitos entre as administracións e as institucións, non formaba parte do poder xudicial, declaraba a constitucionalidade ou non das normas e tiña unha mínima capacidade de execución (con multas máis ou menos irrisorias). En definitivo, como tribunal neutral e ‘de leis’ que tiña que ser, limitábase a dirimir conflitos constitucionais e de amparo (como a maioría deste tipo de tribunais).

Ainda máis, tratábase dun tribunal en que as autoridades, funcionarios ou particulares, non podian ser xulgados de ningunha das maneira. Nin máis nin menos.

O PP decide ir máis alá

Que no Reino de España non existe unha verdadeira separación de poderes é máis do que evidente. Que, por iso -e moitas outras razóns-, a democracia española é lamentabelmente dun nível moi moi baixo xa hai pouca xente que o dubide. Só aqueles que pretenden manter o control do aparello financeiro e político -e, consecuentemente, o seu estatus- ousan defender que están nun verdadeiro estado de dereito e nunha democracia ‘das máis avanzadas’.

O Tribunal Constitucional, dominado claramente polo executivo e completamente desprestixiado -a ollos de calquera persoa ecuánime- entrara -desde había tempo- nunha deriva máis que lamentábel. O goberno español sentíase lexitimado para manipular o que for preciso. E tanto o tribunal como o goberno español non parecían ter a máis mínima vergoña.

Eis, no entanto, que cando se aproximaba o final da lexislatura (2015), o PP constatou dúas cousas: que podía perder a maioría e o control das cámaras -como pasou-; e que o ‘conflito catalán’ non só non diminuía -dacordo coa teoría do suflé- senón que estaba máis vivo que nunca. Compría actuar.

Foi nesa altura cando o presidente Mariano Rajoy e a súa vice-presidenta decidiron facilitar armas -xuridicamente espurias- aos seus ‘colaboradores’ do Tribunal Constitucional para que, chegado o momento, plantasen cara ao ‘desafío catalán’ desde o dique xudicial. Armas que, pensaban, serían máis do que suficientes para acovardar e dividir a sociedade catalá.

Unha vez tomada esta decisión, o PP -por medio do senador (?) Sr. García Albiol (lembrai aquilo de ‘acabou a brincadeira’)- presenta unha proposición de lei o 1º de setembro de 2015 que será a definitivamente aprobada.

Consecuentemente, pasaron (via lei orgánica 15/2015) dun Tribunal Constitucional ‘teoricamente neutral e alleo ao poder xudicial’- e, portanto, sen capacidade xurisdicional de xulgar e executar- a un tribunal que podía xulgar, condenar e executar as súas sentenzas, con multas de até 30.000 euros diarios e suspensións e inhabilitacións de cargos públicos.

Quer dicir, asume funcións do poder xudicial, pode condenar administrativamente as persoas implicadas e pode facelo, dacordo coas instrucións e desexos do goberno español, de maneira rápida e sen ningunha garantía de defensa.

Que iso fose unha reforma efectiva da constitución do 1978 (feita, como outras, ás agachadas); que a Comisión de Veneza advertise da perigosa deriva do tribunal -caso a lei prosperar-; ou que uha minoría de maxistrados se mostrasen contrarios ao papel que o goberno queria facerlles xogar, non serviu, obviamente, de nada e a lei adquiriu vixencia plena.

Ataque aos dereitos individuais máis elementares

Logo que un tribunal -incluído o Constitucional-, un xulgado ou unha autoridade detecta actuacións persoais que puderen ser constitutivas de delito, teñen a obrigación de enviaren un testemuño das actuación xudiciais ao ministero fiscal para que este actúe en consecuencia.

Nesa altura, a persoa implicada -e investigada- ten o dereito de presunción de inocencia, de non se declarar culpábel e de ter un xulgado e un tribunal imparciais (tanto en fase de instrución como de sentenza). En definitivo, ten o dereito de ter un xuízo xusto, con todas as garantías e probas, con dobre instancia e coa posibilidade de interpor todo tipo de recursos.

Isto tan elementar é recoñecido polas leis e a constitución españolas e encontra, así mesmo, orixe e amparo na normativa internacional sobre os dereitos humanos: a Declaración dos Dereitos Humanos de 1948, o Pacto Internacional de Dereitos Civis e Politicos de 1966, O convenio Europeo de Dereitos Humanos de 1950, a Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea do 2007, etc. Todos foron asinados e ratificados polo Reino de España.

En consecuencia, calquera autoridade ou cargo público sabía, antes do 16 de outubro de 2015, que o Tribunal Constitucional non podería xulgalo xamais, e menos ainda sancionalo, por ter defendido as súas ideas, por as ter incluído nun programa electoral, por as ter debatido publicamente ou por ter tentado facelas efectivas pacifica e democraticamente.

Máis ainda, no suposto específico dun referendo, tiña plena constancia de que o lexislador español determinara modificar -por medio da lei orgánica 2/2005- o código penal, eliminando os delitos de convocatoria ou participación en referendos ‘ilegais’ que o presidente Aznar se empeñara en tipificar como delito dous anos antes (2003).

Sabía, tamén, que tiña todas as garantías procesuais para defenderse caso ser investigado por calquera outro delito.

Pois ben, precisamente todo iso -absolutamente todo- ficou esnaquizado o día que o goberno de Rajoy decidiu impulsar e aprobar a lei orgánica 15/2015. Unha vez promulgada, calquera cargo -electo ou non- podía ser inhabilitado e sancionado polo Tribunal Constitucional, con imposición de multas extraordinarias e embargo do patrimonio por parte do mesmo tribunal sen ningún tipo de garantía.

O señor Rajoy e a súa vice-presidenta gañaran a partida e xa se preparaban para actuar con execucións de urxencia contra todos os que se movesen en favor do soberanismo e o referendo.,

Unha inmensa vía de agua

Antes do verán, o presidente Rajoy anunciou, botando a boca no trombón, un incidente de execución contra a presidenta do noso parlamento e contra as autoridades e traballadores públicos de Catalunya que colaboraren coa aprobación, organización e execución do referendo.

A idea era, basicamente, aplicar as inhabilitacións de urxencia, impor multas coercitivas elevadísimas e, en definitivo, acovardalos e deixar en estado de shock a cidadania. A ferramente era a lei orgánica 15/2015 e o brazo executor, o Tribunal Constitucional.

E aquí é onde a defensa da Molt Honorable Presidenta Carme Forcadell se adianta aos acontecementos e, mesmo antes de recibir ningún requerimento nin citación, fai -no meu parecer- un grande xeque mate: solicita -e obtén- a consideración de ‘parte procesual’ da súa representada, coas consecuencias que explica Vicent Partal.

Lembremos que ningunha autoridade nin ningún funcionario foran nunca recoñecidos como parte. Os conflitos dirimíanse entre institucións. Non se trataba, portanto, de agardar que o parlamento fose citado e que, como institución, contestase. Tratábase de defender que había dereitos individuais, plenamente lexítimos, da presidenta do parlamento que non podían ser conculcados de ningunha das maneiras mediante a aplicación automática da lei orgánica 15/2015.

Era, e é, evidente a vontade do goberno español. Tamén o é o feito de a aplicación desta ‘suposta xustiza’ express implicar a conculcación da normativa internacional en dereitos humanos e mesmo da constitución española, que di garantir un xuízo para todos con plenas garantías. A vía do Tribunal Europeu ficaba -e fica- aberta.

Os maxistrados tiñan de decidir, pois, por vez primeira, se aceptaban unha persoa física como parte nun conflito de leis. O desafío era este. E aquí é onde radica o grande mérito da defensa da presidenta e onde o artigo de Vicent Partal centra o confronto existente entre os membros do tribunal e o señor Rajoy.

Os maxistrados foron inexorabelmente postos diante dunha encrucillada e unha evidencia: se facían caso dos designios do goberno español poríanse en ridículo internacionalmente e enterrarían o pouco prestixio profesional que lles restaba, por unha actuación absolutamente ignominiosa: condenar unha persoa -que é a segunda autoridade de Catalunya- sen darlle opción de defensa.

Cando os maxistrdos -finalmente- aceptan a capacidade individual da presidenta de ser parte deste proceso- e dos que podan comezar- abren unha inmensa vía de agua. Todos terán de ser citados. Todos terán o dereito a seren parte e todos terán de ter un xuízo xusto con todas as probas. A lei orgánica 15/2015 está substancialmente desactivada. A vía de agua foi aberta.

Jordi Domingo

Artigo publicado en VilaWeb (12/09/2017)